Xoves 28 Marzo 2024

Un dron intelixente que inspecciona de noite o lume

A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e Espazo da UVigo deseñan un dron que reforza a loita contra os incendios en condicións nocturnas

A demanda partiu dos propios servizos de emerxencias: de noite, os drons dos que dispoñen, non lles ofrecen as informacións que necesitan dun incendio forestal, como a dirección na que avanza e a que velocidade, para despregar máis medios ou evacuar unha zona habitada. Á escoita, atopábase un equipo de enxeñeiros da Universidade de Vigo que participa no proxecto europeo Firepoctep

Carlos Ulloa, profesor na área de Enxeñaría Aeroespacial no campus de Ourense, explícanos a razón desa problemática. “Os drons que empregan para intentar visualizar o perímetro do fogo levan cámaras termográficas e o que obteñen é unha imaxe con moito contraste, é dicir, unha zona con cores moi intensas representando as chamas, e unha grande espesura escura na que non se pode distinguir nada. O primeiro que lle acontece a un bombeiro é que se desorienta porque perde a capacidade de saber onde está o seu dron, en que posición se encontra ou cara onde está mirando. O que nos propuxemos foi desenvolver un dispositivo dotado de intelixencia que poida voar en condicións nocturnas e ofrecer unha visualización do terreo que ten debaixo para que os efectivos de emerxencias poidan tomar decisións baseadas en datos”. 

Publicidade

Un pequeno “Frankenstein” ao servizo dos bombeiros

O traballo do grupo de investigadores comezou pola construción da propia aeronave, peza a peza. “Non partimos dun dron comercial. Compramos patas, tubos que se converteron no chasis e placas para facer o corpo do aparato. O resultado foi unha especie de pequeno Frankenstein feito con pezas que non tiñan nada que ver entre elas. Tiñamos que garantir a súa estabilidade porque ten que sobrevoar os incendios e afrontar correntes verticais moi intensas e, para iso, os modelos comerciais non serven”, precisa Pedro Orgeira, tamén profesor de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense, investigador Firepoctep e de atlanTTic, o centro dedicado ás Tecnoloxías de Telecomunicación na UVigo. 

Orgeira, que se reúne co resto de investigadores para realizar as últimas verificacións antes de levar a cabo unha proba final que lles permita poñer o sistema que deseñaron a disposición dos servizos de extinción, explícanos os desafíos que afrontaron para chegar ao obxectivo: “Como dixen, a estabilidade do aparato e da cámara eran esenciais, despois tivemos que incorporarlle os sistemas que lle permiten xerar e transmitir informacións a unha estación portátil en terra e, por último, crear un software e unha aplicación que facilitan o seu uso e permiten a visualización do terreo, como se iluminásemos a noite aos bombeiros”. 

O equipo da UVigo que deseñou o dron que ofrece visión nocturna aos servizos de emerxencias nun incendio.

Un dron e un ordenador portátil

Os científicos da Escola de Aeronáutica e do Espazo, tiveron que conseguir co seu innovador programa de visión nocturna no que tamén participaron enxeñeiros informáticos, localizar o dron con coordenadas de GPS e, coñecendo a súa orientación, definir o que estaría vendo se fose de día. Unha vez localizado, o equipo fixo posible “unha visión tridimensional sintética do terreo”, sinala Orgeira, quen precisa: “É, digamos, unha sorte de realidade virtual que axudará ao piloto do dispositivo a ver o que hai detrás desa espesura e iso conseguímolo grazas a diferentes recursos entre os que destacamos os mapas do Instituto Geográfico Nacional. Deste xeito, os bombeiros poden saber se hai un monte, se hai camiños, cara onde avanza un incendio, a que velocidade e cal é a súa amplitude. Son informacións exactas que axudan a tomar decisións e protexen os equipos que extinción que xa non teñen que inspeccionar o lume persoalmente cando a situación o require de noite, é dicir, cando os medios de apoio aéreos deben permanecer en terra. É unha operación moi perigosa para o ser humano”.

Segundo os investigadores, o sistema sería moi fácil de empregar xa que só sería necesario un dron semellante ao que deseñaron, aínda que tamén se podería chegar a adaptar outros modelos, e un ordenador portátil co programa dos enxeñeiros da UVigo instalado.

Vixiar novos focos e localizar os equipos de extinción

Firepoctep é o último proxecto europeo que vincula á Universidade de Vigo coa loita contra os incendios forestais. Nun programa anterior, os seus científicos ocupáronse xa con éxito do deseño e posta en órbita dun satélite con este obxectivo. E o entusiasmo dos enxeñeiros da UVigo vai en aumento. “Poderiamos integrar no noso sistema a localización exacta dos medios de extinción en tempo real, algo de vital importancia no transcurso dunha operación. Tamén sería posible deseñar un enxame de drons no que un vixiaría o incendio e os outros alertarían de posibles novos focos do lume. Isto serían dúas das posibles evolucións futuras do proxecto”, subliña Pedro Orgeira. 

“Gustaríanos traballar moito na prevención dos incendios, no territorio no que vivimos é algo esencial. Todos debemos aportar algo e, nós, o grupo de enxeñaría aeroespacial, temos moi claro que é unha área prioritaria na que queremos seguir investigando para ofrecer solucións”, insiste, para finalizar, Carlos Ulloa

A nosa visita á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo en Ourense non remata aquí. Cos científicos, o equipo de GCiencia colle rumbo cara ao Club de Aeromodelismo da cidade, non lonxe do campus, para asistir a un voo definitivo, a unha última proba que lles axude a verificar que todo o sistema que deseñaron funciona de maneira integrada antes de que os servizos de emerxencia poidan comezar a practicar con el. Os investigadores explicarannos polo miúdo os resultados do seu traballo xa a voar, a próxima semana, en Cortalume.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos

Por que a clonación é tan rara na natureza

A partenoxénese é un tipo de reprodución asexual que empregan as femias dalgunhas especies para realizar copias de si mesmas

Aumenta a matriculación feminina en Enxeñaría Informática na UDC e na UVigo

Na universidade coruñesa as rapazas xa representan un 18% das incorporacións, mentres que na viguesa acadan o 19%