Xoves 28 Marzo 2024

Drácula debería comer allos

*Un artigo de The Conversation

Non deixa de sorprender que unha criatura sobrenatural como o vampiro poida ser escorrentado cunha modesta restra de allos. Con todo, este sistema de profilaxe é máis antigo que as máis vellas lendas de chuchadores de sangue.

Publicidade

Na Idade Media non era raro que pasaran varios días até que un cadáver fose enterrado. Mesmo semanas, se as condicións meteorolóxicas eran adversas ou se, como consecuencia dalgunha epidemia, os cadáveres permanecían insepultos moitos meses.

Os  enterradores utilizaban un colar de allos arredor do pescozo para protexerse dos efluvios  fétidos dos corpos en descomposición. Este hábito pragmático puido ser confundido con algún tipo de práctica esotérica. O remedio perpetuouse no costume de colgar allos en xanelas, portas e chemineas, ao crer que isto escorrentaba os espíritos pestíferos, unha saga variada que en Romanía incluía aos vampiros.

Pero, por que os vampiros odian os allos? Desde a primeira aparición na pantalla de Béla  Lugosi da man de Tod Browning en Drácula (1931), o cinema de terror insistiu sobre o asunto. A literatura gótica foi moito menos pródiga: en O vampiro (1819) de John William Polidori, a novela que da pé a este subxénero, nada se di dos allos.

A primeira mención literaria ao uso dos allos provén da novela Varney, o Vampiro; ou o festín de sangue (1847), atribuída simultaneamente a James Malcolm Rymer e Thomas Peckett Presst.

Algúns anos despois a cousa foise perfeccionando. Xa non se usaban os dentes de allo senón as súas flores, unha tendencia iniciada en 1897 en Drácula de Bram Stoker. Nesta novela, o doutor Van Helsing coloca flores de allo na habitación de Lucy Westenra, a fermosa vítima do conde Drácula.

Grazas ao bibliófilo Philip Spedding coñecemos os vinte e cinco libros nos que se inspirou  Stoker. Un deles é o ensaio Supersticións en Transilvania (1885) de Emily Gerard, que lle serviu para relacionar a orixe do verdadeiro vampiro coa figura do strigoi, un ser do folclore romanés. Tamén que a idea inicial da novela xurdiu das charlas que mantivo co intelectual húngaro Arminius Vámbéry. Nesas conversas saíu a relucir a figura de Vlad Draculea, máis coñecido como Vlad o Empalador, o príncipe de Valaquia e heroe nacional romanés, tristemente famoso polo seu expeditivo método de castigar aos otománs que ameazaban Europa.

Vampiros anémicos

Stoker doutorouse con matrícula de honra en ciencias no Trinity College da universidade de Cambridge (Reino Unido), así que debeu tomar boa nota dun dato clínico de Vlad Draculea. O romanés, segundo contan, padecía porfiria eritropoiética, unha enfermidade coñecida como o “mal dos vampiros” que se caracteriza por retraer as enxivas, acentuar un crecemento anómalo de incisivos e cairos, provocar erupcións cutáneas, fotofobia e anemia. Esta falta de exposición á luz e a anemia provocan a palidez facial coa que se representa aos vampiros.

A anemia porfírica é debida a unha alteración das encimas que metabolizan as porfirinas, unhas cromoproteínas orgánicas que axudan a formar moitas substancias importantes no corpo. Unha delas é a hemoglobina, a proteína nos glóbulos vermellos en cuxo grupo “hemo” se transporta o osíxeno aos tecidos. A enfermidade tamén se manifesta por unha repulsión ao allo, porque o disulfuro de alilo, un compoñente do allo, produce a destrución do grupo hemo.

Por iso comer allo sentáballes fatal aos vampiros porfíricos.

O cuspe do "Desmodus rotundus", o coñecido como vampiro común,  ten propiedades anticoagulantes. Foto: Uwe Schmidt / CC BY-SA 4.0.
O cuspe do “Desmodus rotundus”, o coñecido como vampiro común, ten propiedades anticoagulantes. Foto: Uwe Schmidt / CC BY-SA 4.0.

Hai un último síntoma que presentan os enfermos de porfiria: son moi peludos, porque como consecuencia á hiperreacción á luz solar a pel xera moito pelo para protexela. Iso non lle pasou desapercibido a Stoker, como demostra a súa primeira descrición do Conde Drácula:

“O cabelo gris que lle crecía escasamente ao redor das tempas, pero profusamente noutras partes. As súas cellas eran moi espesas, case se atopaban enriba do nariz, e cun pelo tan abundante que parecía encresparse polo seu mesma profusión. […] Non puiden evitar notar que as súas mans eran bastante bastas, anchas e con dedos gordos. Cousa rara, tiñan pelos no centro da palma”.

Dado que certos compoñentes fitoquímicos do allo non se descubriron ata o século pasado, o que non podía saber Stoker é que certas propiedades do allo terían facilitada a alimentación aos vampiros, para quen a coagulación do sangue sería un serio inconveniente á hora de bebela.

En 2007, un grupo de investigadores chineses publicou na revista Food Chemical Toxicology os resultados dunhas investigacións que demostraban as propiedades de antiagregantes das plaquetas dos allos. Un dos seus compoñentes, o dialil-trisulfídico, ten a capacidade de inhibir ou desactivar a formación de trombina, o que suprime o sistema de coagulación e a formación de trombos.

Existen outras substancias naturais con efecto anticoagulante. Por exemplo algúns velenos de orixe biolóxica, como os das abellas, arañas, carrachas, escorpións e, sobre todo, os dalgunhas serpes.

Como non podía ser menos, as  secrecións do cuspe dalgúns vampiros de verdade, os morcegos  hematófagos Desmodus rotundus e Diaemus youngi, teñen compoñentes con efecto antiagregante. Isto axúdalles a zugar o sangue sen parar, un efecto que lle tería vido como anel ao dedo ao conde Drácula e a outros escuros señores dos nosos pesadelos infantís. Como ao común dos mortais, un pouquiño de alioli podería axudalos nas súas paparotas.

Manuel Peinado Lorca é catedrático de Bioloxía na Universidad de Alcalá de Henares, e investigador do departamento de Ciencias da Vida e o Instituto Franklin de Estudos Norteamericanos, e responsable do Grupo Federal de Biodiversidade do PSOE.

Outros artigos do autor:

A vinganza do tiranosauro: por que as galiñas non son bobas nin mansas

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un fármaco anticoagulante retrasa o Alzheimer en ratos

Importante avance nunha das doenzas que máis estragos causa e causará...

A Lúa na abadía de Drácula

A Lúa dos Cazadores na abadía inglesa Whitby, onde se sitúa a novela de Bram Stoker