Venres 29 Marzo 2024

Dixitalización, a porta aberta do comercio local para chegar a novos clientes

A Xunta de Galicia destina 5,7 millóns á iniciativa Comercio 360 para mellorar a atención ao consumidor

Nun mundo con cada vez menos fronteiras dixitais, o comercio local pode buscar novos consumidores cunha boa estratexia para facer máis visibles os seus produtos e mellorar a experiencia e atención a quen entre pola porta, sexa na tenda física ou ben a través da rede. Para aproveitar estas oportunidades, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acaba de activar este ano a iniciativa Comercio 360, un proxecto que ofrece novas oportunidades ao sector en forma de medidas de sensibilización, axudas para a innovación e adaptación á economía circular e a creación de laboratorios comerciais.

Na iniciativa Comercio 360 investiranse este ano 5,7 millóns, co obxectivo de dar resposta aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están introducindo nos mercados de proximidade, adaptándose e anticipándose ás novas demandas e necesidades dos cidadáns. Deste xeito pretende mellorarse a competitividade do comercio local poñendo ao consumidor no centro de todas as decisións.

Publicidade

Este novo proxecto sucede ao anterior concepto SmartCommerce, creado no Plan de Impulso ao Comercio Interior de Galicia 2015-2020, e busca establecer unha estratexia máis global, tendo en conta valores como a sustentabilidade, a aposta polo produto local, a creación de marca vinculada ao territorio e un novo concepto máis amplo de comerciante, que inclúe tamén aspectos como o deseño ou a fabricación de produto propio.

Así, a medida, á que se destinan 5,7M€ este ano, abrangue propostas que avanzan na dixitalización para mellorar a atención e experiencia do cliente, á vez que pon en valor a aposta polo produto local, a sustentabilidade e a economía circular, a responsabilidade social ou o deseño, facendo que estes sexan os seus elementos de diferenciación e especialización. Para achegar o proxecto ao sector, desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria xa se están levando a cabo actividades de divulgación do Comercio 360 coa celebración de xornadas e a análise dos casos de éxito.

Alén disto, impúlsase a chamada ecoinnovación para promover a economía circular e a sustentabilidade no comercio a través da adhesión á plataforma de tícket dixital –un servizo que ofrece información a clientes e comercios sobre o estado e garantía das súas compras ou vendas, evitando a perda ou deterioro do tícket tradicional e minimizando o uso do papel–; da promoción dos ecoenvases realizados con materiais cen por cen biodegradables; ou implantando proxectos de economía circular que fomenten a reciclaxe e os produtos ecolóxicos.

Formación

Por outra banda, ao abeiro do proxecto crearanse sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e impulsar o Comercio 360, achegando aos interesados servizos personalizados de asesoramento, comunicación e publicidade, marketing intelligence ou mellora da xestión, entre outros.

Con estas premisas, que se centrarán nas pequenas e mediadas empresas de menos de 10 traballadores, procúrase dar pulo á competitividade do comercio de proximidade e ofrecer aos establecementos unha folla de ruta para conseguir un comercio diverso, moderno e adaptado ás novas realidades e servizos. E do mesmo xeito, a través disto ábrese unha vía para dinamizar tamén os centros urbanos das cidades e vilas galegas, facéndoos máis atractivos aos cidadáns, turistas e visitantes.

Crearanse sete laboratorios comerciais nas principais cidades galegas para asesorar e impulsar o Comercio 360

Obxectivo: 10.000 comercios

A Xunta márcase tres obxectivos prioritarios coa posta en marcha desta iniciativa: lograr que 10.000 comercios galegos se sumen a esta estratexia 360; que máis de 1.000 comercios tomen parte nos servizos de asesoramento; e que 5.000 comercios incorporen no seu modelo de xestión a sustentabilidade e o tícket dixital.

O Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio 2015-2020 márcase a meta de modernizar o sector comercial galego. O pasado ano xa se puxo en marcha unha liña específica dotada de 4,1 millóns de euros, que xa deu froitos en forma de 487 axudas concedidas que suman preto de 2,37 millóns de euros, o que permitiu a mobilización final de investimentos que superan os 4,7 millóns.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

O Goberno reúne datos de Xunta e concellos para exixir indemnización polos 'pellets'

O executivo central solicitará unha compensación polos servizos de Salvamento Marítimo durante o episodio de contaminación mariña

Comesaña: "O Centro de Protonterapia tratará pacientes de cancro en 2025"

O conselleiro de Sanidade fala da situación da sanidade galega e dos novos proxectos de terapias oncolóxicas