Venres 29 Marzo 2024

Divulgacción celebra este sábado na Coruña o seu encontro anual

Obradoiros, presentacións de libros e monólogos científicos, entre as actividades do evento, que acollerá a Domus

Comunicar a ciencia con rigor e calidade. Ese é un dos principais obxectivos da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (Divulgacción), que este sábado 23 de xullo celebra o seu encontro anual. O cartel do evento está cheo de actividades variadas, entre as que salientan obradoiros, charlas de expertos da comunicación científica, presentacións de libros e un panel de experiencias compartidas. A reunión, que se celebrará ao longo de todo o día, ofrece un programa matinal exclusivo para os seus socios. Porén, a partir das 17.30 horas, as actividades serán abertas para todo o público. Este ano, será a sala Leonardo Da Vinci, da Domus da Coruña, a que acolla o evento.

Programa para socios

Máis polo miúdo, o encontro anual de Divulgacción arrancará as 10 horas cun obradoiro para xogar e explorar coas mans. O taller estará protagonizado polos kits de investigación educativa de Xuvenciencia, para os que é preciso inscribirse nesta ligazón. Cando remate esta actividade, arredor das 11.30 horas, a investigadora Catarina Costa Moura falará das diferentes accións de comunicación científica que se levan a cabo no Laboratorio Ibérico de Nanotecnoloxía (INL), tanto para adultos como para os máis novos e, concretamente, coas escolas e residencias de artistas. Así mesmo, tamén estarán presentes o xornalista científico Antonio Martínez Ron e o comunicador Javier Peláez, ambos fundadores de Naukas, unha plataforma de divulgación. Eles tamén impartirán unha charla onde explicarán como se pode falar de ciencia e, sobre todo, como se pode abrir este ámbito ao público.

Publicidade

Para rematar a mañá, entre as 13 e as 14 horas, hai programado un panel de experiencias compartidas. Primeiro falará o profesor Ricardo Paredes, explicando como é iso de ser docente de física nos Estados Unidos. Despois tomará o relevo Manuel Vicente, que procederá a presentar os resultados de Voces de Ciencia. A continuación, Wajih Al-Soufi e Mercedes Novo falarán das G-Night de 2021 e 2022, así como dos Campus de Verán que programa XuvenCiencia durante estes meses. Despois, o xornalista Manuel Rey falará de Pioneiras da ciencia en Galicia, un libro do que é coautor e no que se analizan as figuras de 25 mulleres galegas ou estreitamente vinculadas á ciencia do país, como Isabel Zendal, Ramona Vaamonde e Ana María Prieto Díaz. Xa para finalizar o panel, Joana Magalhaes abordará a experiencia de Newsera, centrada na ciencia cidadá e na comunicación da ciencia.

Programa aberto ao público

Finalmente, o evento abrirá as súas portas ao público xeral ao longo da tarde. A primeira actividade, que se celebrará a partir das 17.30 horas, terá como protagonistas ás divulgadoras Eva Cabanelas e Andrea Muras, que presentarán o concurso de monólogos científicos en galego Ciencia Calidade. Despois do seu remate, dende as 17.45 ás 19.45 horas farase a presentación de dous libros. Un deles, Algo Nuevo en los Cielos, do xornalista Antonio Martínez Ron. O outro, Planeta Océano, de Javier Peláez. A continuación, e xa para rematar a xornada, haberá un coloquio cos autores das obras e un posto de venta de libros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética