Venres 29 Marzo 2024

A dieta mediterránea, aliada da función cognitiva das persoas anciás

O estudo do CIBEROBN sinala a influencia positiva da dieta do aceite de oliva na atención, velocidade de procesamento e flexibilidade cognitiva

Mesmo no curto prazo, apostar por unha dieta mediterránea na vellez contribúe a preservar o rendemento cognitivo e as súas funcións executivas propias, como son a atención, a velocidade de procesamento ou a flexibilidade cognitiva. Esta é a principal conclusión dun estudo prospectivo do CIBEROBN e a Universidade Rovira i Virgili- IISPV que, publicado na revista Frontiers in Aging Neuroscience, avalía a saúde cognitiva e a inxesta dietética en 6.647 participantes do proxecto PREDIMED-Plus.

Deterioración cognitiva, un mal maior para os maiores

A deterioración cognitiva é unha seria preocupación en termos de saúde pública, e sobre todo a medida que a porcentaxe de poboación envellecida aumenta. Especificamente, a saúde cognitiva defínese como a capacidade de pensar, aprender e lembrar con claridade, sendo un compoñente importante para realizar correctamente as actividades diarias e manter a calidade de vida, mesmo na vellez.

Publicidade

Os anciáns e outras persoas que experimentan unha deterioración cognitiva poden ser incapaces de coidar de si mesmos ou de realizar as actividades cotiás, como a preparación de comidas, a administración do diñeiro, as tarefas domésticas, etc. Dado que actualmente non existe un tratamento eficaz para a deterioración cognitiva, a prevención mediante cambios no estilo de vida, como na inxesta dietética, preséntanse como enfoques prometedores para promover un correcto funcionamento cognitivo. E posto que os individuos non comen nutrientes individuais ou un só tipo de alimento, a avaliación dos patróns dietéticos permite valorar en condicións do mundo real as posíbeis interaccións dos alimentos dentro de enfoques dietéticos completos. Con todo, até o momento, existe unha limitada evidencia científica que permita facer recomendacións para previr a deterioración cognitiva en anciáns a curto prazo.

A dieta mediterránea fronte a outras como DASH e MIND

O estudo prospectivo levado a cabo avaliou a saúde cognitiva e a inxesta dietética en 6.647 participantes do estudo PREDIMED-Plus. Os investigadores examinaron o impacto de tres patróns dietéticos, entre eles as dietas mediterránea, DASH e MIND, sobre os cambios no rendemento cognitivo aos dous anos en anciáns españois con sobrepeso ou obesidade con alto risco de enfermidade cardiovascular. Realizouse unha batería de oito probas neuropsicolóxicas estandarizadas, así como unha avaliación xeral da saúde cognitiva global, para avaliar a función cognitiva. A dieta avaliouse cun cuestionario no que se preguntaba aos participantes sobre a inxesta de alimentos durante o ano previo.

A dieta mediterránea caracterízase polo uso do aceite de oliva como principal fonte de graxa, por un alto consumo de verduras, froitas, legumes, cereais integrais ou froitos secos ricos en compoñentes antioxidantes, así como cantidades baixas ou moderadas de alimentos de orixe animal: lácteos, carnes vermellas e alimentos altamente procesados ou ricos en azucre.

A dieta DASH, que responde ás siglas de Dietary Approaches to Stop Hypertension (Enfoques Dietéticos para Deter a Hipertensión), foi deseñada para axudar a tratar ou previr a presión arterial alta. Este patrón dietético é rico en verduras, froitas e cereais integrais. Inclúe produtos lácteos sen graxa ou baixos en graxa, peixe, aves de curral, legumes e froitos secos, e limita os alimentos con alto contido en graxas saturadas, como as carnes graxas e os produtos lácteos enteiros.

A dieta MIND (siglas de intervención mediterránea-DASH para o atraso neurodexenerativo) baséase nunha combinación dos patróns dietéticos mediterráneos e DASH. Esta dieta fai fincapé nos alimentos que se cre que axudan á saúde do cerebro e a reducir o risco de deterioración cognitiva e demencia, como as verduras de folla verde, os froitos secos e os froitos vermellos.

Evidencia científica

Os resultados evidenciarion que os participantes situados no tercil superior en canto á adherencia á dieta mediterránea obtiveron puntuacións máis altas nas probas relacionadas coa función cognitiva xeral e executiva durante un período de dous anos. Outras análises suxeriron que os beneficios cognitivos estaban relacionados co consumo de alimentos ricos en graxas saudábeis, como o aceite de oliva. A adherencia á dieta MIND tamén se asociou positivamente coa saúde cognitiva, pero esta observación beneficiosa só se observou nunha proba en relación á memoria de traballo. En cambio, unha maior adherencia á dieta DASH non se asociou cunha mellor función cognitiva na presente poboación.

Así, e mesmo a curto prazo, seguir unha dieta mediterránea pode beneficiar non só a saúde xeral, senón a función cognitiva na vellez, se ben os investigadores sinalan a necesidade de seguir estudando o impacto que pode ter a dieta, de cara a poder informar con maior precisión sobre as pautas a seguir para manter unha saúde cognitiva óptima.


ReferenciaMediterranean, DASH, and MIND Dietary Patterns and Cognitive Function : The 2-Year Longitudinal Changes in an Older Spanish Cohort (Publicado en Frontiers in Aging Neuroscience)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tes gripe? Este é o motivo polo que o teu cerebro funciona moito peor

Que certos virus e bacterias nos infecten pode causar inflamación neurolóxica que, a longo prazo, pode provocar alzhéimer e deterioración cognitiva

A lactación materna protexe fronte á obesidade tamén na idade adulta

Investigadoras galegas vencellan o efecto protector á proteína hepática FGF21 e o seu percorrido cara ao hipotálamo

Sen palabras: a devastación causada pola afasia

O trastorno afecta á capacidade de falar ou de comprender a linguaxe e diagnostícasalle a arredor de 300.000 europeos cada ano

As partículas tóxicas viaxan ao cerebro unha vez inhaladas

A contaminación do aire pode afectar tamén ao tecido neurolóxico, filtrándose polo torrente sanguíneo