Xoves 28 Marzo 2024

As comarcas de Deza e Tabeirós estrearán un sistema de satélites contraincendios

Nelas están localizados algúns dos concellos onde máis lumes forestais se rexistran en Galicia. As comarcas do Deza e Tabeirós-Montes sofren desde hai anos unha lacra á que, desde a investigación e a transferencia, as e os investigadores pretenden achegar solucións. Este é o obxectivo do proxecto internacional FireRS (wildFIRE Remote Sensing), que conta cun importe de 2 millóns de euros ata o ano 2019, co obxectivo, a través do uso dun sistema cun picosatélite, unha flota de drones e sensores infravermellos en terra, ademais dun centro de control para a xestión da información, de crear unha ferramenta que sexa quen de realizar unha detección temperá e achegar información en tempo real dos lumes forestais aos servizos de emerxencia.

O protagonismo da comarca pontevedresa no proxecto coordinado pola Universidade de Vigo e no que participan a Universidade de Porto e o Laboratorio de Análise e Arquitectura de Sistemas de Toulousse de Francia, materializouse hoxe nun convenio asinado entre a institución académica viguesa e o Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, que será o encargado de testar o sistema e as tecnoloxías desenvolvidas ao abeiro do proxecto, a través de varios simulacros parciais e un final con lume real e controlado.

Publicidade

O sistema usará satélites, drones e sensores infravermellos, coordinados desde un centro de control

“É moi importante para nós dispoñer de usuarios reais”, asegurou o docente e investigador principal do proxecto FireRS, Fernando Aguado, que incidiu no impacto directo que a investigación ten na sociedade. Aguado, xunto ao tamén investigador da institución académica viguesa Pablo Izquierdo e Juan José Muñoz, xerente-xefe do consorcio, acompañaron á vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, Asunción Longo e ao presidente do consorcio e alcalde de Agolada, Ramiro Varela, na sinatura do acordo de colaboración entre ambas as dúas institucións. “Este é un proxecto que aborda un problema grave e co que toda a sociedade está moi concienciada”, asegurou Asunción Longo, que destacou a multidisciplinariedade e carácter internacional dun proxecto “que é un exemplo claro de que as cousas que se fan na Universidade non están lonxe da sociedade”.

Juan José Muñoz, xerente-xefe do Consorcio para o Servizo Contraincendios e Salvamento das Comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, agradeceu á Universidade de Vigo contar con eles para testar un proxecto que considera “ambicioso e pioneiro en Europa e que en Galicia encaixa perfectamente, ademais de que pode ser perfectamente exportable”. Muñoz asegurou que o consorcio achegará toda a súa experiencia a esta iniciativa, que considera será moi útil na extinción de lumes con eficacia e eficiencia, a través da realización de simulacros “con lume real, que irán de menos a máis, comezando o vindeiro verán, ata chegar a un simulacro final, previsto para dentro dun ano”. Mentres, o alcalde de Agolada lembrou o elevado risco de incendios que afecta ás comarcas do Deza e Tabeirós-Montes, polo que agradeceu a materialización deste acordo coa Universidade de Vigo.

Pola súa banda, Fernando Aguado, que lembrou a transversalidade desta iniciativa na que participan grupos de investigación dos campus de Vigo e Ourense, ademais do centro de investigación atlanTTic, agradeceu a participación de xeito proactivo do consorcio no proxecto que pretende sexa escalable. “O proxecto desenvólvese dentro dos prazos previstos, tanto pola nosa banda, como pola dos socios portugueses e franceses que avanzan nos procesos de integración”, explicou o coordinador, que adiantou que os simulacros se realizarán cos drones e sensores e cunha cobertura local.

O Lume 1, ao espazo a final de ano

Mentres a Universidade de Porto e LAAS-CNRS avanzan nos procesos de integración dos UVAs e cámaras infravermellas e do software e a predición do comportamento dos lumes forestais, respectivamente, a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo fai o propio co deseño e integración de Lume 1, o cuarto satélite da Universidade de Vigo tras XaTcobeo (2012), Humsat-D (2013) e Serpens (2015). “Estamos neste intre no proceso de licitación pública da empresa que se vai encargar del proceso de integración para o lanzamento do cubesat”, avanzou Fernando Aguado, que confirmou que o satélite chegaría ao espazo, no derradeiro trimestre de 2018, previsiblemente, ben, a bordo do foguete indio PSVL (Polar Satellite Launch Vehicle), ben, nun Falcon 9 de Space X.

O cubesat ten unhas dimensións de 20x10x10 centímetros e un peso aproximado de 2,45 quilos e orbitará a unha altura de entre 500 e 600 quilómetros durante aproximadamente un ano. “A idea é validar a nova tecnoloxía que incorpora na carga útil, que é unha evolución dos satélites anteriores, e que sexa un produto transferible”, explicou Aguado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Así devastan os incendios a paisaxe: un estudo revela o seu efecto nos ecosistemas galegos

A tese de Sheila F. Riveiro demostra que o lume favorece as especies exóticas invasoras e despraza as nativas nos montes de Galicia e Portugal

Un Google Earth en tempo real: así é o software galego para actuar ante as emerxencias

A empresa Beagle Technologies usa a tecnoloxía 3D para crear cartografías do terreo o máis completas posible e facilitar a toma de decisións