Venres 29 Marzo 2024

A depuradora da Coruña fará de ‘vixía’ para detectar o coronavirus

Un equipo de científicos analizará a posible presenza do SARS-CoV-2 na auga que chega á estación de Bens, procedente de preto de 400.000 persoas

Unha das claves do éxito da contención do coronavirus SARS-CoV-2 en Corea do Sur foi a detección temperá dos principais focos de contaxio, moitos dos cales afectaban a xente que pasaba a Covid-19 con síntomas nulos ou moi débiles. Pola contra, en Wuhan viuse a gran porcentaxe de persoas non detectadas que actuaron como vectores de transmisión nas primeiras semanas da epidemia, algo que moi posiblemente pasou noutros países como España ou Italia. Para explicar o obxectivo da investigación que esta mesma semana se iniciará na estación depuradora de augas residuais de Bens, na Coruña, pode facerse un exercicio de ciencia-ficción e imaxinarse un foco de coronavirus nun barrio da Coruña no que vive unha alta porcentaxe de xente moza: o virus comezaría a circular nunha poboación que non está considerada de risco, polo que serían poucas as persoas que requirirían de atención médica e, por tanto, podería propagarse, inadvertido, ata causar problemas maiores. Porén, nas análises que se realizarán a partir desta semana en Bens podería comezar a detectarse, por exemplo, un aumento da carga viral nas augas residuais, e podería acabar localizándose de forma temperá no barrio este foco, o que axudaría en gran medida ás autoridades para conter a doenza.

A detección temperá do ARN do virus na depuradora podería frear os focos de contaxio

É un dos exemplos (por agora imaxinarios) que pon Margarita Poza, científica da área de Microbioloxía do Instituto   de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic) e profesora asociada da UDC. Esta semana, Poza recibiu a chamada de Carlos Lamora, director xeral da empresa pública Edar Bens SA, encargada de xestionar o servizo de depuración das augas residuais dos concellos da Coruña, Arteixo, Culleredo, Oleiros e Cambre. Toda a área, de preto de 400.000 habitantes, verte as súas augas á estación de Bens. Lamora comentou con Margarita Poza as investigacións que se están a desenvolver en Murcia e Valencia para detectar o SARS-CoV-2 nas depuradoras. Nunhas horas teceuse unha rede de contactos que fructificou nun proxecto que comezará a recoller mostraxes con toda seguridade esta mesma semana. É probable que outras cidades galegas se sumen en breve a iniciativas semellantes. “Seguimos cunha incidencia alta da epidemia, e é importante tomar mostraxes canto antes”, destaca Poza.

Publicidade

A investigación

O proxecto desenvolvido no Levante está precedido, á súa vez, dun artigo preliminar (preprint) publicado por científicos dos Países Baixos no que se describe a detección do SARS-CoV-2 en augas residuais mediante a análise de feces e ouriños. Esta investigación xerou interese internacional despois dunha reportaxe publicada en Nature a comezos de abril, na que se explicaba como chegaron a atopar ARN viral do coronavirus na depuradora de Amersfoort, ao sureste de Amsterdam, antes de que se rexistraran positivos na cidade. A mostraxe tamén detectou o virus nas augas residuais procedentes do aeroporto de Schiphol, o maior do país, só catro días despois de confirmarse o primeiro caso a nivel nacional con probas clínicas.

Unha mostraxe detectou o virus en augas residuais dunha cidade neerlandesa na que non se confirmara ningún positivo

Anticipación desde a depuradora

As análises da Coruña realizaranse cos métodos convencionais do diagnóstico do virus que se utilizan en persoas, como a PCR. “Estas análises poden detectar a cantidade de virus que hai nas augas que estudemos, polo que nos permitiría facer unha estimación da presenza do SARS-CoV-2 nun grupo de poboación”. Deste xeito, explica a científica, podería reaccionarse de forma temperá ao atopar un hipotético aumento da carga viral nas augas que chegan á depuradora, antes de que as persoas infectadas por un posible foco comecen a amosar síntomas. O método de traballo permitirá detallar as diferenzas entre zonas con distintos perfís demográficos, atendendo á densidade de poboación ou a idade media de cada área.

Deste xeito, nun contexto de redución gradual das restricións de mobilidade, poderían reforzarse de novo as medidas de contención en caso de que as análises na depuradora constaten o aumento da carga viral nalgunha zona da área metropolitana coruñesa.

As conversas entre Lamora e Poza construíron unha rede de traballo á que xa se están sumando científicos de diferentes centros de investigación dependentes da Universidade da Coruña, como o CICA, ou o CITIC, ademais do Inibic e o propio CHUAC. “No CICA, por exemplo, temos compañeiros que teñen experiencia en análises de augas residuais, e no CITIC hai expertos en informática que nos poden axudar a desenvolver modelos e mapas para detectar con máis detalle onde está o virus”, engade a científica. Un proxecto que, por tanto, pode “chegar a ter moita profundidade”, e estenderse a disciplinas como a metaxenómica e á análise doutros organismos multirresistentes. Segundo informou este martes La Opinión de A Coruña, a empresa investirá 50.000 euros para realizar un seguimento durante seis meses.

Nos vindeiros días, ademais de comezar a recollida de mostraxes para aproveitar a proximidade ao pico da epidemia, os investigadores comezarán a optimizar o método para cuantificar o virus e estudar as distintas fraccións da planta depuradora.

Nos últimos anos, a epidemioloxía de augas residuais está acadando unha importancia crecente na comunidade científica como método de medición de metabolitos (as substancias que o corpo humano transforma a partir das drogas) e outros compostos químicos que aparecen nas augas que chegan ás depuradoras, co fin de coñecer a exposición humana a estes elementos. Desde Santiago, o grupo de investigación ChromChem (Cromatografia e Quimiometría) do departamento de Química Analítica da Universidade de Santiago de Compostela é un dos referentes a nivel estatal, publicando investigacións sobre a presenza de drogas nas augas residuais da capital de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Reloxos intelixentes e medicina do sono: así nos axuda a tecnoloxía a vivir mellor

Os investigadores do CITIC Diego Álvarez e Patricia Concheiro analizan no sétimo episodio de O Descodificador as aplicacións biomédicas da IA

Como poñer fin aos nesgos da IA no traballo: “Os algoritmos deben ser transparentes”

A investigadora do CITIC Verónica Bolón cualifica positivamente a declaración que asinaron España e EEUU para evitar que a dixitalización vulnere os dereitos laborais

O programa Talentos Inclusivos incrementa nun 50% os centros participantes

A iniciativa, que busca a inclusión das persoas con diversidade funcional, contará con 15 institutos de toda Galicia na súa cuarta edición

ONCE e CITIC alíanse para mellorar a vida das persoas con discapacidade visual

Investigadores da UDC e membros da organización realizaron un taller no que conectaron as necesidades coa tecnoloxía