Venres 29 Marzo 2024

As mafias do contrabando arrastran as anguías a unha situación crítica

“A situación da anguía é calamitosa en toda Europa”, expón Fernando Cobo, profesor de Zooloxía na USC, e bo coñecedor da Anguilla anguilla. Cobo tamén dirixe a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con”, dependente da universidade compostelá e ubicada en Vilagarcía de Arousa. E nesta ría e noutras galegas, vía de entrada doutras mercancías tamén ilegais, están parte dos motivos que levaron ás anguías a esta situación límite. Despois de décadas de declive debido ás agresións humanas, en forma de encoros que lles impedían remontar os ríos e reducían o caudal, a contaminación dos esteiros e a auga doce ou a extracción de sedimentos, a captura ilegal e o tráfico internacional están a darlle o tiro de graza a unha especie que hai só uns decenios era moito máis abundante nos nosos ríos e rías.

Os datos amosan unha redución de máis dun 90% nas bacías dos ríos galegos

Tempo atrás a situación era ben distinta. “Os rexistros anteriores á construción dos encoros no Miño e os datos das pesqueiras no Ulla, Eume, Anllóns, Grande, etc. falan dunha antiga abundancia, mesmo en comparacións con outros ríos europeos”, lembra Cobo. Unha presenza que se evidencia no patrimonio etnográfico, na literatura e na tradición oral. E tamén en datos. Conta Fernando Cobo que na tempada de pesca 1980-1981 se declararon 50 toneladas de capturas oficiais de angulas (cría das anguías, tamén coñecidas como meixóns) fronte ao valor medio de só 3 toneladas entre 2000 e 2012. Unha redución do 94%.

Publicidade

Un dos emblemas desta perda do hábitat é a presa de Frieira, ubicada no límite das provincias de Ourense e Pontevedra, a primeira que retén as augas do Miño se subimos desde a súa desembocadura. Os meixóns non poden superar este obstáculo, o que supón un efecto “dramático“, di Cobo. Deste xeito, a situación para as anguías é especialmente crítica na bacía Miño-Sil.

Despois da desova, que se produce no célebre mar dos Argazos, as larvas das anguías cruzan durante aproximadamente dous anos o Atlántico, impulsadas polas correntes, ata as costas europeas. Neste tempo convértense en meixóns, que son a peza máis codiciada polos pescadores furtivos, xa que unha vez capturados, o beneficio pode ser moito maior ao crialas e vendelas xa como adultas. Estes meixóns remontan os ríos, onde medran ata que son adultos e completan o ciclo, regresando ao mar dos Argazos para a desova.

Tráfico ilegal de anguías a Asia

A influencia das capturas ilegais na conservación das anguías é evidente. Tan grave que, a finais de 2009, a Unión Europea prohibiu a súa exportación. “E recentemente incluíuse a Anguilla anguilla no anexo II da Convención sobre o Comercio Internacional de Especies Ameazadas de fauna e flora silvestres (CITES), polo que se considera que o control do tráfico ilegal é un factor crucial na conservación da especie”, explica Cobo. Tamén en 2009, en Galicia prohibiuse a súa pesca recreativa. O furtivismo desatouse. E ten as redes moi longas.

Maletas cheas de meixóns de anguías, nunha das incautacións realizadas pola Garda Civil. Imaxe: @guardiacivil.
Maletas cheas de meixóns de anguías, nunha das incautacións realizadas pola Garda Civil. Imaxe: @guardiacivil.

Nos últimos anos cóntanse por decenas as operacións contra as capturas ilegais. Varias delas, en Galicia, tanto a gran escala como en incautacións de pequenas cantidades. Segundo os datos manexados polos corpos e forzas de seguridade, só no que vai de ano incautáronse 2.300 quilos de angulas, unha cantidade que multiplica o seu valor unha vez que os alevíns medran en catividade, xa en Asia. Ata alí son trasladados mediante ‘mulas‘, ao estilo do narcotráfico, e comercializados neste mercado como anguías, ingrediente de pratos moi coñecidos da gastronomía xaponesa, como o kabayaki.

Advertencias científicas sobre as anguías

O experto Fernando Cobo sinala que “de acordo co ditame científico do Consello Internacional para a Exploración do Mar (CIEM/ICES), a poboación europea está fóra dos límites de seguridade biolóxica”. Ante isto, recomendouse desenvolver un plan urxente de recuperación e de redución das actividades humanas que afectan as poboacións destes peixes”. En 2007 estableceuse un regulamento europeo ao que seguiron os plans de xestión en España. Na norma europea – lembra Cobo – establécese que os Estados membros informarán á Comisión Europea do estado de cumprimento dos plans e da recuperación acadada.

“Necesitariamos 40 anos para estabilizar a poboación de anguías”, di Fernando Cobo

“Nestes informes deberíase fornecer información científica de campo para poder avaliar de novo as accións, pero no caso de Galicia non se cumpriu axeitadamente este requirimento e por vicios nos procedementos e torpezas burocráticas, temos que lamentar que non estamos dando cumprimento axeitadamente a ese regulamento e os chamados plans de postavaliación presentados ata o momento adoecen de rigor e fiabilidade“, lamenta o investigador galego. Só existe un plan de xestión transfronteirizo entre España e Portugal aprobado en 2012, no que participou o propio Cobo, que abrangue o tramo internacional do río Miño.

Ante estas eivas, os científicos coñecedores da situación das anguías advirten de que “hai que revisar os plans de xestión e basealos en datos de campo fidedignos, tomados cun coñecemento preciso da bioloxía da especie e das característica sociolóxicas particulares e do estado ecolóxico dos nosos sistemas acuáticos”. E estes plans “deberían ser aplicados de xeito estrito“, apunta o investigador galego. Cobo sinala que “a normativa galega contempla unha regulación por tamaños mínimos que é contraria ás consideracións biolóxicas e aos requirimentos do Regulamento europeo”. Deste xeito, a normativa galega de pesca das anguías adultas é, hoxe en día, pouco respectuosa cos criterios de sustentabilidade.

O dano, en parte, xa está feito. Nunha reunión organizada hai uns anos en Londres polo CIEM, do que Cobo é membro, determinouse “que aínda que todos os plans europeos se cumprisen completamente, necesitariamos uns 40 anos para notar, non xa unha recuperación, senón tan sequera unha estabilización no descenso da especie”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cerco ao lobo: un estudo revela o progresivo illamento da especie en Galicia

Un estudo proba que no século XIX estaba presente no 65% do territorio peninsular

Australia declara os coalas como animais en perigo de extinción

Os incendios, as secas e as enfermidades son as principais ameazas dos marsupiais, nunha situación especialmente vulnerable na costa leste do país

O can de palleiro é menos agresivo ca outras razas

Un equipo da USC elabora o primeiro estudo científico sobre o seu comportamento e conclúe que son bos animais de vixilancia e pastoreo

Un proxecto para reducir as capturas accidentais de zamborcas e sabellas

Varias entidades colaboran nunha iniciativa para protexer estas dúas especies migradoras de peixes alosinos