Xoves 28 Marzo 2024

O Halley en Galicia en 1910 e 1986: así se viviu o paso do cometa

O cometa Halley é un dos fenómenos astronómicos nos que se dan a man a inabarcable escala de tempo do universo e a efémera existencia do ser humano; un acontecemento que a maioría das persoas que habitan hoxe en día na Terra poderán vivir, ou xa viviron, polo menos unha vez na vida. As súas últimas dúas visitas ao noso fogar son unha gran mostra do moito que mudou o mundo nos últimos dous séculos. O que non cambia, por sorte, é a fascinación polo ceo. Para os que nacemos despois de 1986 e só o coñecemos por imaxes e crónicas, só nos queda confiar en seguir aquí para cando regrese, no verán de 2061.

O Halley, fotografiado pola NASA en 1986.
O Halley, fotografado pola NASA en 1986.

Hoxe en día, co avance da astronomía, xa non se contempla que a simple aproximación deste cometa á Terra traia consigo catástrofes planetarias. Pero hai só un século, as percepcións eran moi distintas. En 1910, meses antes da súa penúltima chegada, varios periódicos galegos destacaban un artigo do astrónomo e divulgador francés Camille Flammarion, no que se advertía de que a cola do Halley estaba composta, en parte, por cianóxeno, un gas tóxico. Cabía a posibilidade, segundo Flammarion, de que o cometa reaccionase coa atmosfera causando unha nube que podería “extinguir todo rastro de vida na terra”. O propio astrónomo desmentiu pouco tempo despois esta posibilidade, pero o pánico xa prendera en parte da sociedade.

Publicidade

En xaneiro, meses antes do perihelio e o perixeo (a distancia mínima ao Sol e á Terra, respectivamente) do cometa, cando Halley aínda non era visible, as crónicas comezaron a narrar avistamentos dun corpo celeste na xeografía galega: El Correo de Galicia contaba o 25 de xaneiro que desde Pontevedra se vira un cometa: “Ás seis e media da tarde de antonte, desde varios puntos desta capital, víase claramente cara a parte de Marín o famoso cometa Halley”. Mais non era o Halley. É certo que un meteoro foi avistado en moitas zonas do planeta, mais tratábase do cometa Daylight, que acadou o seu perihelio o 17 de xaneiro.

A medida que se achegaba o 18 de maio, data prevista para o momento máis brillante do Halley, a inquietude foi aumentando. Deuse conta de suicidios arredor de todo o globo. Na Arxentina, onde xa vivían daquela moitos galegos, Clarín falaba de máis de 400 mortes por medo ao cometa. “Os cronistas da Idade Media rexistraron outros análogos estados de espíritu da humanidade aló polo ano 1000. Proba isto que non pasaron os días para certas xentes”, dicía ante estes feitos un texto de La Voz de Galicia.

Algúns xornais sementaron o pánico entre a poboación en 1910. Fonte: El Correo de Galicia.
Algúns xornais sementaron o pánico entre a poboación en 1910. Fonte: El Correo de Galicia.

Mais houbo quen intentou desbotar as escuras profecías coa luz da ciencia. Impartíronse charlas divulgativas na Coruña, a cargo do matemático David Fernández Diéguez, e en Santiago, por parte de Armando Cotarelo Valledor. E El Correo de Galicia ofrecía o 13 de maio unha documentada guía cos días e horas máis acaídos para observar o cometa.

E como calquera excusa é boa para montar unha festa, en Meirás, Sada, un grupo de mozos decidiu organizar unha romaría para recibir ao visitante sideral. “Varios mozos, obreiros todos eles, ás ordes do mestre D. José Ramón Illobre, ocúpanse nos preparativos da festa para o día 18, en cuxo programa figuran alboradas, bailes, gaitas, iluminación veneciana, fogos de artificio e outras diversións”, sinalaba Correspondencia Gallega.

Incluso houbo quen empregou a data de chegada do cometa para liquidar a mercancía. Contaba o Diario de Pontevedra: “Proximamente, o día que apareza en todo o seu esplendor o cometa Halley, abrirá ao público na casa da señora viúva de Prego, ao lado da moblería de Puga, un comercio que o seu dono quere liquidar enseguida”. Non se sabe, con todo, se as présas eran por medo ao cometa.

A chegada do cometa

Naqueles días de maio, decenas de persoas pasaron a noite nas rúas para contemplar a Halley. Compostela debeu de ser unha auténtica esmorga estelar. “Grupos de mozos con roldas paseaban polas rúas entoando coplas, unhas fúnebres, outras satíricas”. O Diario de Galicia narraba que na Rúa de San Pedro e noutras “houbo bailes e diversión toda a noite”. “Nos campos da Trisca, na Almáciga, no cumio do Pedroso e no Cruceiro da Coruña houbo baile e broma ata o abrente”. “Na Ferradura improvisouse unha festa campestre concorridísima e moi animada. Ao son de harmoniosos acordeóns e de guitarras tanguidas con máis ou menos arte, houbo animados bailes. Tampouco faltaron improvisados oradores que con máis ou menos gracia, enxeño e cultura, vaticinaban mortes, asolamentos e feros males para o momento no que chegara o cometa”. Desde Compostela chegábanse a ver fogueiras prendidas nas abas do Pico Sacro, a onde subiran tamén os curiosos para contemplar a Halley.

O de menos, neste caso, foi que do cometa non houbo nin rastro, segundo contan as crónicas, posiblemente debido a que o ceo estaba anubrado.

En Pontevedra tamén festexaron, pero Halley tampouco apareceu. Correspondencia Gallega contaba como os pontevedreses saíron ás rúas ao son de guitarras, pandeiros e acordeóns, á espera “de que acontecera algún espectáculo sorprendente ou fenómeno de gran magnificencia”. Pero levaron segundo a crónica, “un solemnísimo chasco que celebramos moito, quedando patente que o cianóxeno que contén a cola do Halley non violou a nosa atmosfera”.

O club de ‘fans’ do Halley na Coruña de 1910

Onde houbo máis sorte foi na Coruña. No seu parte meteorolóxico, La Voz de Galicia contou entre os días 19 e 25 de maio como un grupo de fieis ao Halley seguían o trazo do cometa desde varios puntos da cidade.

A primeira noite foi a que máis expectación levantou. “A zona do peirao, a Dársena, o campo da Estrada e o camiño da Torre de Hércules estaban cheos de xente”. O cronista tiraba de retranca, cun xogo de palabras entre os supostos gases tóxicos do Halley e os vapores etílicos do viño. “Parecían coidarse das gasosas en amable consorcio co Ribeiro  (…). Non é de estrañar que a atmosfera se cargara, e que os vapores foran densos e ata se rexistrasen casos de intoxicación, e non polo cianóxeno, precisamente”.

O día 20, o xornal falaba dos suicidios por medo ao meteoro. “Aínda houbo onte quen se suicidou, ante o temor de morrer asfixiado polo cometa”. E concluía o autor do parte, con sorna: “E como os nosos lectores terán observado, foron uns verdadeiros primos os que se mudaron con tanta precipitación”.

Durante esas noites de maio de 1910, os coruñeses contemplaron ao Halley sobre todo desde a enseada de Riazor, aínda que a chuvia e as nubes impediron avistalo en varias ocasións. Con todo, as poucas noites despexadas e estreladas pagaron a pena. “O espectáculo foi interesantísimo“, contaba o diario. As crónicas concluían case sempre, en consonancia co estilo da prensa da época, con toques de humor: “Hoxe, desde que o sol se poña, imos estar todos mirando ao ceo. Coidado coas tortícolis“. Ou: “Onte aparecía no horizonte o bo do cometa en forma de vasoira. Se ten propiedades varredoiras, sería moi conveniente o seu contacto prolongado coa terra. Porque aquí iriamos gañando moito”.

1986: a ciencia vence aos medos atávicos

O seguinte paso do Halley xunto á Terra, en marzo e abril de 1986, evidenciou o enorme avance da ciencia e da sociedade ao longo do século XX. En Galicia, a chegada do cometa coincidiu coa apertura da Casa das Ciencias, o primeiro gran museo de divulgación científica do país. Así, organizáronse numerosas actividades arredor de Halley. Entre as iniciativas do museo, destacou o éxito do “Teléfono Halley” unha liña de consulta cidadá para informar dos mellores momentos e lugares para ver o cometa, e que chegou a recibir 150 chamadas diarias.

Desde Santiago o observatorio Ramón María Aller publicou un estudo cos mellores días e horas para poder observar o cometa en Compostela. O director do observatorio, José Ángel Docobo, tamén se desprazou ata Lalín, terra natal de Aller, para ofrecer unha charla divulgativa no instituto que levaba o nome do astrónomo. En Ferrol, a Sociedade Astronómica Galega organizou, entre os días 10 e 20 de marzo, varias xornadas para divisar o meteoro desde a cidade naval. En Vigo, decenas de persoas subiron varias madrugadas aos montes de Xaxán, Alba ou A Madroa para divisar a Halley.

O meteoro incorporouse á linguaxe popular e mesmo se empregou como recurso literario. Así, o corresponsal de La Voz no Porriño ironizaba ante o retraso da inauguración do polideportivo municipal. “É posible que o pavillón se inaugure no ano 2061, cando o cometa Halley volva a visitarnos de novo”.

Houbo quen aínda confiaba nos supostos poderes máxicos do cometa. Unha vidente, Remedios Montoya Jiménez, profetizou que se o Deportivo non subía a Primeira División na temporada 85/86 non volvería ascender ata o regreso do Halley, no 2061.

O cometa estaba en todo. Ao entón alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, regaláronlle polo seu 40º aniversario un telescopio e unha caricatura na que aparecía disfrazado de mago Merlín observando a Halley.

Tal foi a febre pola chegada do cometa que ata serviu como reclamo publicitario. Unha coñecida marca de whisky publicou este anuncio:

Anuncio de whisky nas páxinas de "La Voz de Galicia" en abril de 1986.
Anuncio de whisky nas páxinas de “La Voz de Galicia” en abril de 1986.

O Cometa Halley

Desde a Grecia clásica existen rexistros da súa visita, cada 75 anos e pico. Os nosos devanceiros, que miraban moito máis ao ceo, debían de ficar arrepiados cando vían ao cometa aparecer de súpeto, brillando máis que calquera outra estrela do ceo. Así, adoitaba asociarse con grandes desgrazas e catástrofes, ou ben como sinal para comezar grandes batallas.

No século XVII, Edmund Halley predixo a duración da súa órbita grazas ás leis de Newton. Tras o paso do cometa preto da Terra no ano 1682, e tendo en conta os rexistros existentes da súa presenza en 1607, 1531 e 1456, Halley deduciu que se trataba do mesmo meteoro e que volvería cada 76 anos. Morreu en 1742, aos 85 anos, sen poder ver cumprida a súa predición. E o cometa apareceu, puntual, en marzo de 1759. Na súa honra, os astrónomos bautizárono co nome do científico inglés.

A estela luminosa que vemos cando pasa cerca da Terra débese á influencia do calor do Sol. Cando se achega á nosa estrela, a superficie do Halley quéntase e algúns dos seus compoñentes sublímanse, pasando de estado sólido a gasoso, deixando un trazo brillante ás súas costas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.