Venres 29 Marzo 2024

Causou a colonización a Pequena Idade de Xeo?

Un novo estudo reabre o debate científico: o exterminio indíxena á chegada dos conquistadores españois puido enfriar o clima

 A colonización do continente americano mudou a historia do planeta. E parece que non só iso: un novo estudo do University College de Londres publicado na revista Quarternary Science Reviews fixo que tomara forza de novo un debate presente desde hai tempo na comunidade científica. O mencionado estudo propón que os cambios a gran escala provocados pola invasión española e as súas consecuencias, como o exterminio indíxena debido a chegada das enfermidades procedentes de Europa (varíola, sarampelo ou peste bubónica) e á barbarie cometida polos colonizadores, acabaron provocando a Pequena Idade de Xeo, un período de arrefriamento do clima que, con altos e baixos, se estendeu entre os séculos XVI e XIX.

A investigación, asinada por Alexander Kock, Chris Brierley, Mark M. Maslin e Simon L. Lewis, propón que, despois da morte masiva dos indíxenas americanos causada pola colonización, foron abandonadas grandes extensións de terras cultivadas e vexetación. Ao non estar xestionadas pola poboación local, estas superficies enormes comezaron a absorber máis dióxido de carbono da atmosfera, eliminando o efecto invernadoiro da atmosfera e provocando que a temperatura do planeta baixara en 0,15ºC.

Publicidade

 O traballo reconstrúe a explotación da Terra por parte da poboación indíxena de América en 1500 e 1600. Fonte: Quaternary Science Reviews.
O traballo reconstrúe a explotación da Terra por parte da poboación indíxena de América en 1500 e 1600. Fonte: Quaternary Science Reviews.

O estudo parte da premisa de que antes da colonización había en América 60 millóns de habitantes, dos que un 90% morreron debido á invasión e ás súas consecuencias. Estes máis de 50 millóns de mortos significaban, segundo os mesmos cálculos, un 10% da poboación da Terra naquel tempo, polo que o impacto no equilibrio climático foi importante. Porén, sobre esta cifra hai discusión entre os historiadores, pola dificultade de chegar a datos concluíntes. Porén, sempre segundo os datos desta última investigación, como consecuencia deste exterminio abandonáronse 55,8 millóns de hectáreas de cultivos e bosques ‘xestionados’ dun ou doutro xeito, o que supuxo unha caída nos niveis de CO2 atmosférico que aparece nos rexistros recollidos por estes investigadores.

Esta caída foi, para os investigadores do University College, suficiente para reducir a temperatura global, dando pé ao comezo da Pequena Idade de Xeo, que provocou un avance dos glaciares e un arrefriamento global do clima. Un impacto que chegou á Península Ibérica, no que numerosas crónicas históricas e estudos científicos dan conta do fenómeno.

Dúbidas sobre o estudo

Non en tanto, hai moito debate arredor destes postulados, que non son novidade. “Probablemente estean esaxerando“, declarou a Live Science o investigador Joerg Schaefer, da Universidade de Columbia. “Estou seguro de que este documento non pode explicar a causa do descenso do CO2 atmosférico e o cambio de temperatura global”, engadiu.

Neste senso, os investigadores propoñen que foron outros factores, como a actividade volcánica ou os cambios na actividade do Sol como posibles causas. Non en tanto, hai quen tamén alude a que foi outra praga, a da peste negra, a que provocou o arrefriamento ao producir en Europa, do mesmo xeito que en América, un abandono a gran escala da superficie cultivada.

Do mesmo xeito, Dagomar Degroot, profesor da universidade de Georgetown e historiador do medio ambiente, analizou no seu Twitter, referíndose tamén a un artigo publicado por el mesmo hai anos, sobre o novo estudo dos científicos británicos acerca da colonización. “Déixame tantas preguntas como respostas“. O investigador subliña que o novo estudo segue a liña de propostas previas, como a realizada por William F. Ruddiman en 2003 na revista Climate Change, na que se dicía que o impacto do home no clima da Terra, o coñecido como Antropoceno, xa comezara coas primeiras manifestacións da agricultura, hai case 10.000 anos. Neste fío, Degroot expón algunhas das súas dúbidas.

O debate está aberto, sen dúbida.

Referencias:

Earth system impacts of the European arrival and Great Dying in the Americas after 1492 (Publicado en Quarternary Science Reviews, 25 de xaneiro de 2019).

 Did the Spanish Empire Change Earth’s Climate?, artigo de Dagomar Degroot.

The Anthropogenic Greenhouse Era Began Thousands of Years Ago (artigo de William F. Ruddiman publicado en 2003 en Climate Change).

Colonization of the Americas, ‘Little Ice Age’ climate, and bomb-produced carbon: Their role in defining the Anthropocene (estudo publicado en The Anthropocene Review en 2015).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro

A UDC propón políticas de transición enerxética para 13 rexións con altas emisións de CO2

O proxecto europeo ENTRANCES, liderado dende a institución coruñesa, estudou 13 zonas europeas en proceso de descarbonización

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes