Xoves 28 Marzo 2024

Así circula o coche autónomo galego polo centro de Vigo

O proxecto Autopilot, no que participan varias empresas e instucións galegas, realizou a proba para integrar o vehículo nunha situación de circulación real

Moitos dos automóbiles máis modernos teñen xa incorporados, a día de hoxe, novidades tecnolóxicas que contribúen á mellora da seguridade e comodidade. Un exemplo son as cámaras para a visión ao aparcar, ou sensores que emiten sons de aviso coa proximidade dun obstáculo.

Tamén existen sistemas de freo de emerxencia e detectores da cercanía doutro carril. Todos estes casos, que teñen cada vez máis presenza nas nosas vidas, son exemplos da popularización deste tipo de tecnoloxías.

Publicidade

As novas tecnoloxías da comunicación

Aínda que os vehículos autónomos semellan cousa do futuro, esta realidade está máis próxima do que parece. Nesta liña traballan o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) e o equipo vigués do grupo PSA, no marco do proxecto europeo Autopilot. Lanzado no ano 2017, este programa explora a contribución das novas tecnoloxías da comunicación á conducción autónoma.

Co apoio e colaboración do Concello de Vigo, ambas entidades realizaron este martes o primeiro ensaio de conectividade en entornos complexos urbanos. O ensaio estivo composto por dúas probas.

As probas de integración do coche autónomo

A primeira, na Praza do Rei, simulou unha situación real de estacionamiento nun aparcadoiro, con peóns circulando e vehículos en movemento. Tras esta primeira proba de aparcamento comezou, na Gran Vía, o ensaio de integración do vehículo no fluxo de tráfico urbano.

Segundo explicou o director do centro vigués do grupo PSA, Ignacio Bueno, o obxectivo era validar os resultados da comunicación entre o vehículo e os distintos elementos que conforman a infraestrutura do entorno urbano.

A razón de ser deste prototipo de coche autónomo é a súa capacidade para desprazarse en base á explotación de datos externos xerados polos distintos elementos: as infraestruturas, os obxectos conectados e os usuarios.

No caso de hoxe, o vehículo comunícabase nun dobre sentido, grazas ás tecnoloxías da comunicación IoT (Internet of Things) e V2X (Vehicle to Everything): por un lado co semáforo, e polo outro, cunha cámara que detectaba a presenza de persoas no paso de peóns. Deste xeito, o vehículo detense ao detectar o semáforo en vermello.

As probas tiveron lugar na Praza do Rei e na Gran Vía de Vigo.
As probas tiveron lugar na Praza do Rei e na Gran Vía de Vigo.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, copiloto durante a experiencia, explica: “Nós tiñamos, dentro do coche sin conductor, máis información que ninguén nesta cidade. Cando o semáforo estaba vermello e daba ao automóbil a instrución de parar, dende a central do concello mandaban os segundos que faltaban para que pasara a verde”.

Ademais, o alcalde explicou como o vehículo detectaba a un peón que quere cruzar antes incluso de velo. En base a este comando, igual que no caso do semáforo, o coche reduce a súa velocidade.

Segundo explican dende a organización do evento, “estas situacións contribúen á anticipación e adaptación da velocidade do vehículo para una conducción controlada máis fluida, segura e ecoresponsable”.

O proxecto Autopilot

Vigo é unha das cinco cidades europeas onde se realizan este tipo de ensaios, coa intervención de distintos actores. Ignacio Bueno explica que levan xa meses de probas, e continuarán: “Para poñer os vehículos na estrada son necesarias miles de horas de ensaios, onde se identifiquen todos os riscos e situacións, e ofrecer vehículos coa seguridade necesaria para os ocupantes e o entorno”.

Ignacio Bueno: “Para poñer os vehículos na estrada son necesarias miles de horas de ensaios”

O director do PSA en Vigo aclara que a súa liña de traballo está enfocada cara vehículos equipados con funcións de condución autónomas seguras, fiables, intuitivas e accesibles para todos. Aínda que os primeiros pasos foron en 2016, non será ata arredor do 2022 cando estes vehículos cheguen ás estradas.

Esta proba súmase a outras que o PSA está levando a cabo en países de toda Europa e en China. O director avanza que os vehículos ofrecerán beneficios moi concretos en temas como seguridade, comodidade, fluidez de tráfico e impacto ecolóxico.

A previsión é que os primeiros coches autónomos circulen pola estrada arredor do ano 2022

A repercusión a nivel europeo

Luis Moreno, Director Xeral do CTAG, afirma que hai máis de 45 socios de 16 países diferentes involucrados no proxecto. “A tendencia mundial da innovación do automóbil é o vehículo compartido, eléctrico, conectado e autónomo. Estos son os principais vectores de innovación e os principais campos de actuación nos que traballamos en CTAG”, explica o director do CTAG.

Segundo Moreno, a partir do ano 2022, o 100% dos vehículos que se vendan estarán conectados a Internet, que, aclara, non sirve só para navegar: “Para o ano 2025 chegaremos a un mercado obxectivo de 470 millóns de vehículos conectados nos principais mercados, Estados Unidos, China e Europa”.

En canto á automatización total nos distintos niveis, para o ano 2030 a previsión do director é un mercado de 80 millóns de vehículos autónomos, dos cales o 20% serán autónomos de nivel 5; o que quere dicir que se poderían dirixir practicamente sen conductor.

Luis Moreno expresou o seu desexo de seguir ampliando e consolidando o coñecemento con todos os medios posibles: “Nestas probas de Vigo está o mundo do Internet das cousas, tódolos actores; os usuarios, a infraestrutura e as cidades. Isto demostra que o Internet das cousas está tamén no sector da automoción. Un vehículo será un medio máis conectado“.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A ciencia de Cíes ilustra Fitur

A natureza do arquipélago, eixe principal da oferta de Vigo na feira internacional de turismo que se celebra en Madrid

Máis e mellor auga para Vigo grazas á tecnoloxía

A potabilizadora da cidade dotarase dun novo sistema innovador e responderá a normativa comunitaria sobre a auga de consumo

Do río á billa: así será a novidosa ultrafiltración da auga de Vigo

Comezan as obras da nova potabilizadora do Casal, a primeira de España en aplicar un sistema de depuración por membranas con bombas somerxibles

Illas Cíes, un ecosistema na fronteira: o legado da investigación científica no arquipélago

Un libro recolle, en formato divulgativo, o traballo do comité científico, composto por expertos das universidades galegas, CSIC, IEO e outros colaboradores