Venres 29 Marzo 2024

Novas pistas sobre o clima primitivo de Marte grazas a científicos da UVigo

O clima primitivo de Marte supuxo desde sempre un quebracabezas de difícil solución para os científicos planetarios. Mentres que os modelos atmosféricos -baseados nas condicións de Marte no pasado- xeralmente suxiren un clima frío, onde a auga estaría en forma de xeo, as características xeomorfolóxicas do planeta vermello indican que houbo abundante auga líquida. Ademais, os minerais de arxila atopados nas rochas superficiais máis antigas indican temperaturas mesmo máis cálidas, xa que as arxilas necesitan, ademais de auga líquida, unha certa temperatura para poder formar a súa estrutura cristalina.

Hai debate entre os modelos que suxiren un clima frío e a presenza de arxilas, propias dun clima máis temperado

Esta aparente contradición foi abordada nun estudo internacional impulsado por Janice Bishop do Instituto SETI (Search for Extraterrestrial Intelligence) e o centro Ames da NASA en Silicon Valley. Os resultados acaban de publicarse na revista Nature Astronomy e nel participan autoras e autores de varias institucións americanas e europeas, entre eles investigadores da Universidade de Vigo e, máis concretamente, do grupo XMI de Sedimentoloxía e Bioxeoquímica, un equipo que leva anos traballando en xeoquímica planetaria no contexto da evolución de posibles océanos en Marte.

Publicidade

A solución ao problema do clima marciano require, segundo explican os autores do artigo, coñecer como de “cálido” é cálido, cando menos desde o punto de vista das arxilas marcianas. “Sabemos que unha vez o planeta debeu estar o suficientemente quente como para que a auga líquida esculpira a superficie”, subliñan os investigadores. Con todo, a auga fría, aínda que líquida, non é o suficientemente cálida para que se formen as arxilas superficiais, “por iso démonos conta de que para poder entender mellor o clima do Marte primitivo, necesitabamos entender as condicións de formación das arxilas marcianas” sinala Janice Bishop, que liderou o estudo. Para a súa realización, os autores combinaron os datos tomados polos ‘rovers’ –vehículos de exploración espacial- actualmente en Marte con experimentos de sínteses no laboratorio e modelos xeoquímicos acerca das condicións de formación de minerais de arxila.

Luis Gago Duport, profesor de Xeoquímica na Universidade de Vigo e co-autor do artigo. Foto: Duvi.
Luis Gago Duport, profesor de Xeoquímica na Universidade de Vigo e co-autor do artigo. Foto: Duvi.

Os modelos xeoquímicos amosan como algunhas das arxilas superficiais observadas en Marte – denominadas esmectitas– retardan rapidamente a súa formación ao descender a temperatura. Por baixo duns 15 º C, empeza a ser favorecida a formación de silicatos desordenados coñecidos como alofana e imogolita tamén presentes no solo de Marte, puntualiza o profesor Luis GagoDuport, co-autor do estudo. Serían necesarios centos de millóns de anos, a unha temperatura media global media de 5° C en Marte, para producir os afloramentos de esmectitas observados, o cal é improbable dados os modelos actuais da atmosfera marciana.

En consecuencia, os autores suxiren que os períodos cálidos e húmidos ocorreron só de forma esporádica nun Marte primitivo xeralmente frío e onde os depósitos de arxila puidéronse formar rapidamente. Estes períodos cálidos de curta duración –en termos xeolóxicos- poderían significar decenas de miles ou mesmo millóns de anos a unha temperatura media de 10-15 ° C en Marte. Estas temperaturas relativamente “benignas” polo menos parar a formación de arxilas puideron ser causadas, entre outros factores, por episodios de vulcanismo, cambios de oblicuidade ou grandes impactos.

Difractómetro de neutróns ( E9- Berlin) empregado para o estudo dos procesos de formación de arxilas. Fonte: Duvi.
Difractómetro de neutróns ( E9- Berlin) empregado para o estudo dos procesos de formación de arxilas. Fonte: Duvi.

Os traballos sobre xeoquímica planetaria do grupo de XM1 de Sedimentoloxía e Bioxeoquímica da Universidade de Vigo deron lugar a unha abundante colaboración con diversas institucións tanto americanas como europeas como a NASA ou o CAB, un organismo de referencia mundial dependente do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e do Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa. Estas colaboracións deron lugar á publicación nos últimos anos de varios artigos en revistas como Nature, Nature Geoscience, Nature Astronomy o Scientific Reports, e tamén á realización de varias de teses de doutoramento conxuntas, caso da defendida en 2017 pola investigadora Carolina Gil, actualmente no Centro de Astrobioloxía, codirixida con Alfonso Dávila, egresado tamén da Universidade de Vigo e hoxe investigador na NASA e tamén a de Elisabeth Losa-Adams, que se desenvolve na actualidade, sobre arxilas de Marte e que codirixe A. Fairén do CAB, outro dos autores que asina o artigo publicado agora por Nature Astronomy.

1 comentario

  1. Non sei quen fixo o resume da noticia pero parece moi pouco preciso. Falar de millóns de anos nun planeta que ten a edade da terra 4500 millóns parece pouco preciso. Conviría unha maior precisión e establecer cal é a situación das arxilas estudiadas e a suposta orixe para elas. Eu cando menos non dou entendido moito. Vo procurar a lectura do traballo citado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A borrasca Irene azouta Galicia con refachos de máis de 80 km/h

É unha fronte de alto impacto e A Coruña e Ourense poderán acumular 40 litros en 12 horas

Un ano de eventos climáticos extremos… pero non en Galicia: “Os valores non foron excepcionais”

O físico da USC Gonzalo Míguez Macho sostén que a temperatura promedio será máis alta este ano, pero non de maneira excesiva como noutros puntos de España

Como impactará a borrasca Elisa en Galicia?

Non terá tanta intensidade como Ciarán ou Domingos. O sábado será o día con máis precipitacións

Un río atmosférico pon fin á calor en Galicia: caen as temperaturas e actívase a alerta por chuvia

O clima outonal inaugúrase este venres pola entrada dun centro de baixas presións que baixará as máximas ata sete graos