Xoves 28 Marzo 2024

A lucense que lanzará ao espazo cinzas de falecidos: “Por que non dar unha despedida espacial?”

A avogada Andrea Santos pon en marcha o servizo en colaboración con Space X, a empresa de Elon Musk, cun custo de 24.000 euros por persoa

“Por que non darlle unha despedida espacial á xente que queremos?” Isto foi o que pensou Andrea Santos, unha avogada de Lugo, antes de lanzar Stardust Space, unha empresa que fará posible lanzar as cinzas dos seres queridos falecidos á órbita heliosincrónica para rematar desintegrándose unha vez cheguen á atmosfera.

Polo momento, o proxecto aínda está en fase semente para coñecer a acollida entre o público, pero Santos prevé poder poñelo en marcha na próxima primavera.

Publicidade

As orixes

Santos graduouse en Dereito en Pamplona e, tras especializarse no sector aeroespacial na International Space University, hai tres anos tivo que enfrontar a morte dun familiar: “Cambiouno todo. Falando co meu pai, chegamos á conclusión de que a morte de alguén pode destruír a vida doutra persoa e creo que é moi absurdo. Quería ver a morte como parte da vida e desmitificala, e non entendía por que era un tabú para a xente. Pensei que quizá ten que ver coas despedidas tráxicas que facemos: o cemiterio é triste e a xente chora”.

Así, decidida a mudar esa concepción para si mesma, deuse de conta de que podía proporcionarllo a outras persoas creando este servizo. E foi neste momento cando se puxo en contacto con Space X, a empresa de Elon Musk e a que lle proporcionará o servizo de lanzamento espacial.

Polo momento e, segundo as palabras de Santos, baseándose nunha previsión conservadora a falta de realizar aínda uns cálculos máis exactos, este servizo tería un custo de 24.000 euros por persoa. Alén, a avogada asegura que os primeiros cen clientes de Stardust poderían desfrutar do lanzamento en directo sen ningún custo a maiores: “Organizaríamos o proceso de levar ás familias a Boca Chica, a Cabo Cañaveral ou a onde Space X nos diga e poderían velo acorde aos gustos de cada un. Se queren un violinista mentres comen percebes, así será“.

O paso a paso

Lanzar cinzas ao espazo parece propio da ciencia ficción. E efectivamente, non é un procedemento doado e require de moitas comprobacións previas. Nun primeiro momento, o cliente tería dúas vías para contactar con Stardust: a través da súa web ou mediante as funerarias, xa que a intención é implementalo como un servizo adicional tras a cremación.

Realizado este primeiro contacto é cando comezan os controis. “No negocio é moi importante ter un equipo forte, expertos en psicoloxía e psiquiatría que axuden a dixerir este momento e para facerlles entender o bonito que pode ser un final espacial. Habería que firmar un contrato onde establecemos o noso código de conduta, porque Stardust Space está moi comprometido co medio ambiente espacial. Necesitaríamos tamén o certificado da cremación para saber a que temperatura foi incinerado o corpo”, explica a avogada espacial.

As cinzas pasarán por unha dobre validación a través de raios X para comprobar que non hai restos non incinerados

Cada un destes pasos ten o seu por que: as cápsulas de aluminio que irán na nave só poden conter as cinzas; nin empastes nin ósos que non se queimaran durante a incineración. Tamén por este motivo, as seguintes comprobacións teñen lugar unha vez que os familiares enviaran a cápsula á sede española. “Aí faremos a primeira validación de cinzas a través de raios X. Feita a certificación, enviaríamos a cápsula á sede nos Estados Unidos, onde se faría unha segunda validación“, relata Santos.

A partir deste momento, as cinzas pasarían a ser xestionadas por Space X, encargándose da integración e da acomodación das cápsulas no compartimento da nave e establecendo a data e hora para o lanzamento. Así, ao chegar á órbita helisincrónica, “a nave espacial lanzaría as cápsulas, que estarían orbitando arredor da Terra durante un tempo determinado que aínda temos que calcular baseándonos en mecánica orbital. Pouco a pouco, pero de forma segura, achegaríanse a atmosfera e acabarían por desintegrarse, converténdose en pó estelar. De aí o nome do negocio: Stardust”, di a avogada.

Co remate do proceso, segundo as palabras de Santos, os clientes de Stardust recibirían un certificado de éxito da misión; outro documento que aseguraría que as cinzas da persoa estaban a bordo da nave espacial —”porque queremos transparencia absoluta”—, un vídeo do lanzamento e unha figura conmemorativa, “que non tería carácter lapidario, senón artístico”.

Custo medioambiental

Tendo en conta que o lixo espacial é unha das problemáticas actuais que máis preocupa ás axencias internacionais, Santos reitera o compromiso de Stardust Space co medio ambiente nesta contorna: “Se as cinzas cunha cápsula contiveran ósos ou empastes, pediríamoslle permiso ao cliente antes de descartalo para quitalas. Se non están de acordo con que poidamos abrir a cápsula, non se podería enviar na nave”.

O excesivo consumo de combustible e as partículas en órbita son as principais preocupacións ambientais

Con respecto á cuestión medioambiental, Dosi Veiga, físico e divulgador astronómico, explica que “sempre que hai lanzamentos espaciais hai un custo elevado, principalmente polo excesivo consumo de combustible“. Por iso, sinala, moitos lanzamentos aproveitan ocos mortos para este tipo de cousas. “Todo o que lancemos contra o Sol vai arder, polo que tampouco habería repercusión nese caso”.

A avogada admite: “Un dos perigos número un no espazo é que por moi pequena que sexa unha partícula, en órbita acaría unha velocidade de catro quilómetros por segundo. É dicir, un empaste podería convertirse nunha bala que, ao tocar un satélite, o destrúa, puidendo provocar tamén que se acople a outros obxectos”. E engade: “Iso sería un desastre e é o que intentamos prever coas dúas validacións de cinzas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así se ve a constelación de satélites de Elon Musk

Máis de 4000 obxectos orbitan arredor da Terra para vender unha tarifa de datos que proporciona acceso universal á rede

Os perfís verificados galegos, contra a nova insignia azul: “Twitter será menos fiable”

Perfís influíntes como os xornalistas Gonzo, Lucía Taboada ou Manuel Gago critican a proposta de Musk de cobrar pola verificación: "O identificador beneficia á imaxe de Twitter"

Esta web permite rastrexar os satélites de Elon Musk para que os vexas dende a túa casa

Unha páxina indica que data e que horario son os apropiados para observar os aparellos, que pertencen á rede Starlink