Venres 29 Marzo 2024

O 2017 para a ciencia en Galicia

Facer balance do bo e do malo, e preparar propósitos para o ano que vén. Na ciencia en Galicia, como en todo na vida, é momento de mirar cara atrás e cara adiante ao final deste 2017. Desde GCiencia, que cumpriu en novembro catro anos de vida con cifras récord, quixemos despedir este ano facendo unha compilación do máis destacado destes doce meses.

O equipo de Oncomet celebra o éxito da súa campaña.
O equipo de Oncomet celebra o éxito da súa campaña.

Varios fitos marcaron este 2017. É difícil escoller, pero cómpre destacar os novos achados en materia de xenética do equipo que dirixe Ángel Carracedo; a campaña de mecenado de Oncomet, que pretende situar a Galicia na vangarda da investigación da biopsia líquida para loitar contra o cancro; os recoñecementos a científicos como María José Alonso ou Jorge Mira.

Publicidade

Non en tanto, cabe sinalar tamén que, un ano máis, o investimento en I+D e ciencia en Galicia e no conxunto do Estado continúa sensiblemente por debaixo da media da UE, tal e como sinalan os datos do INE. E tamén foi un ano de reivindicacións, coa polémica do decreto de persoal laboral investigador que a Xunta freou tras as protestas dalgúns dos científicos máis relevantes do país.

Xaneiro

Unha das primeiras novas do ano tivo lugar, precisamente, bastante lonxe de Galicia. En Dinamarca, un arqueólogo atopou a tumba de Ulf ‘O Galego’, un caudillo viquingo que arrasou varias vilas galegas no século XI. Hai que mirar tamén cara o pasado, neste caso moito máis atrás, para falar doutro dos achados que contamos en xaneiro: o descubrimento realizado por investigadores da UDC na cova de Arcoia, no Courel, onde se atopou unha estalactita de medio millón de anos na que puideron comprobar unha das series climáticas máis longas de Europa.

Houbo tamén nomes propios de científicos neste comezo de ano. Un artigo de Diego Peña, investigador do CiQUS da Universidade de Santiago, foi elixido entre os 10 traballos de Química máis innovadores de 2016 pola revista británica Chemistry World ; e o director deste mesmo organismo, José Luis Mascareñas, ingresou na Academia Europea de Ciencias. Amais, a catedrática da UVigo África González foi seleccionada como finalista dos premios Women Innovators, que entrega a Comisión Europea ás mulleres que destacan polo seu traballo no eido da I+D+i.

Febreiro

Varios grupos de investigación galegos traballan para frear a invasión da velutina. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.
Varios grupos de investigación galegos traballan para frear a invasión da velutina. Imaxe: Wikicommons / Francis Ithurburu.

A ciencia en Galicia tamén traballa para solucionar os problemas cotiáns. Así foi como os investigadores e técnicos especializados en natureza tiveron que buscar remedio a dúas pragas que ameazan sectores clave para Galicia, como a agricultura e a apicultura. A chegada da avespa velutina e a couza da pataca puxeron en perigo a produción de mel e pataca, chegando a decretarse restriccións en numerosos concellos, no caso da couza, para evitar que se propagase.

Marzo

A normalización da lingua galega na ciencia deu dous pasos importantes neste mes. O grupo CienciaNOSA da USC publicou a nova versión en galego da Táboa Periódica, froito dun traballo realizado por docentes e investigadores do departamento de Química Inorgánica. E por outra banda, a editorial Xerais lanzaba os tres primeiros volumes da súa colección Básicos Ciencia, coa que abre unha serie de libros sobre divulgación científica na nosa lingua.

Abril

O Instituto de Física de Altas Enerxías da USC obtivo o recoñecemento de excelencia estatal

Galicia conseguiu, en abril deste ano, que un centro de investigación recibira por primeira a calificación de centro de excelencia estatal. Foi o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, que tamén colabora no proxecto do CERN. A súa entrada na unidade de excelencia María de Maeztu aportaralle un financiamento de dous millóns de euros nos vindeiros catro anos e a posibilidade de ofrecer oito contratos predoutorais.

Houbo tamén outros datos máis desalentadores. A enquisa sobre coñecementos científicos que publicou a Fecyt destacaba que 1 de cada 10 galegos non sabía que a Terra xira arredor do Sol; só o 42,8% saben que os antibióticos actúan sobre as bacterias, o 25% cre que os continentes non se moven e que os humanos conviviron cos dinosauros.

Maio

Este mes trouxo dúas importantes novas para a orixe dos seres humanos en Galicia. Un equipo multidisciplinar do Instituto Parga Pondal da UDC identificou a Elba, unha pastora de hai 9.300 anos atopada nunha sima na zona do Cebreiro. E no Baixo Miño, un grupo de investigadores do Centro Nacional para a Investigación da Evolución Humana atopou as pegadas dos primeiros poboadores do territorio que hoxe é Galicia, datados hai 300.000 anos.

Xuño

Un gran paso na loita contra o cancro de pel. O equipo do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas que lidera a galega Marisol Soengas anunciou neste mes o descubrimento do mecanismo molecular da metástase do melanoma; un avance que axudará a predicir posibles recaídas e deseñar fármacos contra este tumor.

Xullo

Haroche, á entrada do Colexio de San Xerome. Fotografía: Santi Alvite / USC.
Haroche, á entrada do Colexio de San Xerome. Fotografía: Santi Alvite / USC.

Outro Nobel de ciencia en Galicia. Un ano máis, o programa ConCiencia que coordina o catedrático da USC Jorge Mira, trouxo a Compostela a Serge Haroche, premio da Academia Sueca na categoría de Física no ano 2012. Haroche participou en varios actos públicos, nos que puxo de manifesto a necesidade de apostar pola investigación básica para impulsar o avance da sociedade.

Agosto

No medio do descanso estival, o CiQUS da USC deu a coñecer outro importante achado que reforzou a súa excelencia investigadora. Conseguiron sintetizar a molécula de aceno máis longa da historia, con 10 aneis de benceno. Este composto destaca polas súas importantes aplicacións para producir dispositivos fotoeléctricos.

Setembro

O día 2 de setembro cumpríronse 100 anos da inauguración do Centro Oceanográfico de Vigo, unha institución esencial para a ciencia en Galicia. Varios actos e celebracións conmemoraron este centenario.
E como se viñesen celebrar o centenario do Oceanográfico, entre setembro e outubro produciuse un acontecemento histórico en Galicia: ata cinco avistamentos de baleas azuis a poucos quilómetros das costas galegas. As súas imaxes xeraron unha grande expectación que trascendeu á comunidade científica.

Outubro

Exemplar da Flora de Galicia de Baltasar Merino.
Exemplar da Flora de Galicia de Baltasar Merino.

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou o 4 deste mes o Día da Ciencia en Galicia. Unha data na que se lembrou a Baltasar Merino, o ‘pai’ da botánica en Galicia, coincidindo co centenario da súa morte. No marco destes actos, GCiencia recibiu tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, outorgado a Manuel Rey por unha reportaxe sobre a Ataxia da Costa da Morte. Amais, neste acto presentouse o Anuario da Ciencia en Galicia, que a RAGC editou coa colaboración de GCiencia.

Tamén neste mes, GCiencia e o Banco Pastor entregaron os premios Galicia Spin-Off, nos que se recoñeceu o traballo innovador das empresas HG Beyond, Innolact e Sedaqua.

Porén, outubro será recordado durante moito tempo en Galicia pola brutal vaga de incendios, na que os lumes impulsados pola cola do furacán Ophelia arrasaron unhas 50.000 hectáreas en toda Galicia, cun impacto moi preocupante a nivel medioambiental. Foi, precisamente, no mes no que se declarou a alerta por seca debido a unha ausencia de precipitacións excepcional.

Novembro

No mes no que se cumprían 15 anos do Prestige, dous novos problemas medioambientais espertaban a preocupación en dúas zonas de Galicia. O proxecto da mina de cobre en Touro e o Pino, co risco de contaminación por drenaxes ácidas, e a presenza de altos niveis de lindano, un composto canceríxeno, nunha zona do Porriño, saltaron á palestra informativa.

Tamén se deron a coñecer en novembro os galardoados cos premios da Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que organizan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación. Un proxecto para facer fariña con sangue dos matadoiros, impulsado polo Campus Terra da USC, un dispositivo anticontaminación no que participou a Universidade de Vigo e a empresa HGBeyond, que fabrica lentes de contacto que incorporan medicamentos, foron os premiados.

Decembro

Decembro comezou con polémica sobre as vacinas. Saíu á luz unha pregunta que a eurodeputada galega Lidia Senra realizou á Comisión Europea, na que cuestionaba a seguridade das vacinas; unha cuestión que xerou un rego de críticas e un amplo debate. Ao tempo, coñecíase que en Galicia se duplicaron os casos de bacterias resistentes a antibióticos.

Houbo tamén nomes propios. A ourensá María Martinón foi elixida directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (Cenieh), e o equipo do vigués David Posada, catedrático da UVigo, que repetiu un ano máis entre os científicos máis citados do mundo, participará na rede de excelencia investigadora Marie Curie.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Galicia lidera o debate sobre a rendibilidade da ciencia da man de Unirisco

Universidades europeas e centros de investigación analizarán en Santiago o impacto das tecnoloxías disruptivas e a importancia de crear ecosistemas emprendedores

A credibilidade na ciencia é menor entre a mocidade que entre o público adulto

Só o 72,6% das persoas de entre 18 e 24 anos cre que as disciplinas científicas buscan a verdade, fronte ao 90,2% da poboación maior de 65 anos