O compositor e pianista polaco Frederic Chopin foi bastante delicado de saúde, algo que, con todo, non puido frear o seu desmesurado talento. Morreu en París en 1849 aos 39 anos, despois de padecer tuberculose durante unha parte importante da súa vida.
Un equipo de científicos da Academia de Ciencias de Polonia acaba de publicar no American Journal of Medicine un estudo no que revela as causas exactas da morte do músico, segundo recolle o diario The Guardian. No seu momento falouse de fibrose quística, unha deficiencia xenética ou o estreitamento das válvulas cardíacas como supostos causantes da súa morte. Non en tanto, o equipo dirixido polo científico Michael Witt apunta a unha pericardite.
Alén da fama que adquriu xa en vida, o periplo que seguiu o seu corazón forma parte dun relato novelesco. Aterrado pola posibilidade de ser soterrado vivo, Chopin pediulle a unha das súas irmás que, cando o considerasen morto, lle abriran o peito e lle quitasen o corazón, para asegurarse de que non espertaría vivo baixo terra. E deixou dito que llo conservaran na igrexa da Santa Cruz de Varsovia, no seu país natal. E así se fixo, mergullándoo nunha garrafa de coñac para asegurar a súa preservación.
Cando os investigadores examinaron o recipiente, caeron na conta de que o corazón estaba cuberto cunha fina capa de fibras blancas. Viron tamén pequenas lesións que demostraban a presenza dunha pericardite, unha complicación habitual na tuberculose crónica. “Non fixo falta nin abrir a garrafa“, declarou Michael Witt aos medios. Deduciron, “con moita probabilidade”, que a morte debeuse á citada inflamación do pericardio, membrana que cobre o corazón.
Case un século despois da morte de Chopin, en 1944, durante o tráxico alzamento na cidade contra os nazis, un oficial das SS, admirador de Chopin, roubou o corazón e mantívoo nun dos cuarteis dos alemáns. Non en tanto, despois da contenda, foi devolto á igrexa da Santa Cruz. E alí permaneceu ata hoxe. O resto dos restos de Chopin descansan no célebre cemiterio de Père Lachaise, en París.