Martes 16 Abril 2024

Carlos Garrido traduce ao galego o libro de divulgación “Recordes dos Seres Vivos”

O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo Carlos Garrido acaba de traducir ao galego unha das principais novidades editoriais de divulgación científica xurdidas en Europa nos últimos anos. O libro Organismische Rekorde (Springer, 2017), escrito polos biólogos Klaus Richarz e Bruno P. Kremer, chega agora a o mercado galego editado por Laiovento e baixo o título Recordes dos Seres Vivos. Anaos e Gigantes, das Bactérias aos Vertebrados.

“Trátase dunha obra formativa e accesible a un público moi amplo”, explica Garrido, profesor especializado en tradución científico-técnica, quen destaca este dato “dada a carencia de materiais de divulgación científica traducidos ao galego”. A través de 325 páxinas, Recordes dos Seres Vivos fai todo un percorrido literario no que se presenta “de xeito sorprendente e curioso a fascinante adaptación dos organismos ao seu medio e a impresionantemente rica, e cada vez máis ameazada, diversidade da vida”, explica Garrido, quen na actualidade exerce tamén o cargo de presidente da comisión lingüística da Asociación de Estudos Galegos (AEG).

Publicidade

Carlos Garrido: “Ten certas doses de humor e ironía”

Seguindo a clasificación sistemática dos organismos, o libro organízase en cinco apartados: arqueontes e bacterias, protistas, fungos, plantas e animais. Se ben nunha primeira ollada, o repaso por estes principios vitais básicos pode parecer complexo ou de dificultoso entendemento, o tradutor aclara que aínda que a lectura sexa algo máis esixente nos capítulos dedicados ás bacterias e aos protistas, “xa que o cidadán medio non acostuma estar familiarizado con estes grupos de organismos”, en xeral, é un texto destinado a un público amplo, non especialista en bioloxía”, ao que engade que, “ademais, está redactado de maneira atraente, moi amena e ata con certas doses de humor e ironía”.

Así, con esta obra, as e os lectores poderán gozar de maneira “rigorosa e amena” dun mundo de multiciplidade, exuberancia e fascinación de biodiversidade que grazas a todas estas características se encadra, “como un óptimo representante”, no subxénero do ‘infotenemento’, unha particular mestura de información e entretemento.

Un libro co que encher “unha lamentable lagoa cultural”

O libro non é particular só polo seu xénero e temática, senón tamén polo seu nivel lingüístico. Verteuse dende o alemán, un vehículo de expresión moi potente no ámbito cultural e científico –“pero que en moitas ocasións é esquecido en favor doutras linguas máis populares”-, ao galego, un idioma “cunha lamentable lagoa cultural” no ámbito da divulgación científica. Neste contexto o traballo de Garrido non se pode definir coma unha simple tradución, senón que constitúe todo un acontecemento sociocultural e sociolingüístico, xa que engade un exemplar de divulgación científica en galego a un mercado no que a oferta non supera, segundo Garrido, os cinco títulos. “É un numero verdadeiramente ridículo para unha lingua cun estatus social e un recoñecemento legal como o que ten o galego”, salienta o tradutor, ao que engade que isto “patenta o escaso avance sociolinguistico experimentado polo galego nos últimos tempos e o escaso compromiso do poder político coa promoción da lingua autoctona de Galicia”.

Consciente desta realidade, o experto pretende con esta publicación “contribuir ao enriquecemento cultural dos galegos e servir de modelo e estímulo para posteriores emprendementos nesta área”.

A tradución está tamén pensada para o mundo lusófono, con notas a pé de páxina para facilitar á súa lectura

Recordes dos Seres Vivos verteuse a un galego “nom secessionista”, unha elección que non foi lixeira, senón meditada por un tradutor que tivo en conta que deste modo “se garante un galego xenuino e de caracter internacional no referente á variedade galega da lingua galego-portuguesa” o que posibilita, apunta Garrido, “unha plena rexeneración formal e funcional e unha efetiva emancipación da lingua respecto ao castelán”.

Con todo, e a fin de contribuír á difusión internacional da obra, o tradutor incluiu tamén algunhas notas a pé de páxina cos equivalentes lusitanos e brasileiros daquelas palabras galegas empregadas no texto que difiren entre variedades, tendo en conta tamén que a lingua empregada “é unha lingua de calidade, na que se recuperan e usan con corrección trazos expresivos tradicionais e se incorporan neoloxismos de forma constante en harmonía co luso-brasileiro”. Un idioma, o luso-brasileiro, que é ademais unha referencia de cultura e que ten un espazo de importancia no ámbito do ensino e da divulgación científica.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:49

F de Fala: as palabras que nos sosteñen

'Veiga', 'laverca' e 'Rábade' son palabras que herdamos de linguas perromanas, xermanas e árabes e que hoxe forman parte do léxico galego

Unha campaña de doazón de voz recollerá as variedades fonéticas e dialectais de Galicia

O obxectivo é acadar as máis de 1.000 horas de gravación precisas para que dispositivos como Siri, Alexa ou Google recoñezan as distintas cadencias lingüísticas

Cinco libros para agasallar ciencia este Nadal

Unha listaxe con opcións para adultos e nenos que mostra o mundo científico e a súa historia en lingua galega

As 10 palabras do Nadal en galego que debes saber

Existen moitas expresións para referirnos aos enfeites, as tradicións ou o tempo. Descúbreas e engádeas ao teu vocabulario