Venres 19 Abril 2024

Carlos Casares sentado nun sillón azul

Carlos Casares morreu en Nigrán no ano 2002. Foto: Duvi.
Carlos Casares morreu en Nigrán no ano 2002. Foto: Duvi.

Un texto de Manuel Forcadela

Nunha entrevista concedida pouco antes de morrer, Carlos Casares comentaba que sempre fora máis partidario da imaxinación que da fantasía. Que prefería moverse entre historias que aconteceran, ou que poderían ter acontecido realmente, antes que entre personaxes e vicisitudes froito da pura ficción. Esta fidelidade ao exercicio da literatura como memoria máis ou menos deturpada ou reelaborada acompañouno ao longo de toda a vida e froitificou nunha vizosa obra narrativa durante máis de corenta anos.

Publicidade

O mozo Carlos Casares encontrara a literatura galega do seu tempo afectada por dous males ben diversos: o ruralismo temático e o tradicionalismo formal e a deserción da realidade galega que facían os narradores xoves, dos que criticaba o seu elitismo, por dificultar o contacto cos lectores.

Fronte a estes males propón a elaboración dunha vía de síntese: corrixir o ruralismo temático e o tradicionalismo formal; regresar ao realismo urbano e suburbial, compartido con Eduardo Blanco Amor, suprimindo a fantasía en favor da imaxinación, e facilitar o contacto cos lectores mediante emprego do humor, ollada aguda e perspicacia para captar detalles esenciais do vivir humano, sen someter o lector a esforzos innecesarios nin importunar por demais a lectura con experimentalismos excesivos.

Contribuiu a rachar co “ruralismo temático e o tradicionalismo formal” da literatura galega

Home de escrita moi prolífica, o seu esforzo literario concentrouse, fundamentalmente en oito obras fundamentais: Vento Ferido, de 1967, un conxunto de trece relatos breves, caracterizados pola contención de recursos formais e a primacía da historia, non moi lonxe do influxo do neo-realismo italiano.

Dous anos máis tarde, en 1969, publica Cambio en tres, a súa primeira novela, prosa fluída, ergueita entre unha variedade de voces, con emprego reiterado do estilo indirecto libre e o monólogo interior, lonxe da primixenia renuncia á omnisciencia do seu libro anterior. A disposición heterodoxa do texto e o carácter de caligrama que teñen moitos dos fragmentos, unidos á presencia constante de intermitencias paratextuais que prolongan o diálogo do fío narrativo cara situacións e obras paralelas, constitúense como principais marcas estilísticas.

Xoguetes para un tempo prohibido, de 1975, preséntasenos como un cruce entre dous subxéneros da novela que foran, pouco e pouco, converténdose en clásicos: a novela de educación (Erziehungsroman) e a novela de formación (Bildungsroman).

Podemos constatar que, no caso da novela de Casares, como é común na novela existencialista, o heroe é un ser intrascendente que adoece de trazos persoais superiores, agás a constante teima en reformular o fundamento da realidade e da súa existencia.

O seu libro seguinte, Os Escuros Soños de Clío, de 1979, xorde da vontade de facer unha literatura que non tivese que ver a penas coa experiencia, como os libros anteriores, senón coa fantasía. O narrador da memoria, persoal e colectiva, déixase, por unha vez, seducir, da man de Borges, Calvino e Cunqueiro, pola experiencia da pura ficción. E supón unha quebra no seu interese polos aspectos formais da narrativa, ata entón predominantes na súa escrita.

As súas catro últimas obras obedecen a unha certa estratexia historicista: unha tetraloxía que nos sitúa, sucesivamente, na Galicia de principios de século, da Guerra Civil, do primeiro franquismo e dos anos 50 e 60.

Ilustrísima, de 1980, un exercicio de realismo clariniano, con Ourense ao fondo, no que se introduce un elemento de reflexión moral sobre o papel histórico das persoas, que forma parte importante desde ese momento na súa obra.

Os mortos daquel verán, de 1987, describe, a través dun relato escrito en modo de atestado, feitos da Guerra Civil, axustes de contas persoais con dimensión política e unha sen fin de interrogantes de índole moral. Se unha institución é un enunciado e se un enunciado é, sobre todo, un modo de enunciación, aquí a correspondencia entre Xefatura, Funcionario e Confidentes, exerce como radiografía do Estado Fascista e do nacional-catolicismo.

Deus sentado nun sillón azul, de 1996, unha das súas obras máis logradas, evoca un personaxe escritor que, por unha banda, pode ser Vicente Risco mais, pola outra, pode ser tamén o propio Casares. Un intelectual sometido ás tensións e os dilemas propios do seu tempo e con opcións moitas veces fiadas pola man do mesmo demo.

O sol do verán, de 2002, a súa última e póstuma novela. Novamente coa estratexia pseudo-biográfica. Unha novela sentimental coa que se funde unha novela de intriga, “whodunit” incluído, e, tamén unha novela de educación. Por non mencionarmos os elementos de traxedia clásica que tamén son salientables. Hai, ademais, moitos ecos da súa obra anterior, fundamentalmente das partes terceira e cuarta de Xoguetes para un tempo prohibido. E un desenvolvemento moi sinxelo, aínda que moi eficaz, mesmo como unha brincadeira dentro do modelo de novela sentimental, do tema do amor cortés e do ideal cabaleiresco.

Sen dúbida un dos mellores narradores que teña dado a Galicia do século XX. Unha mente sagaz que nunca rexeitou someterse ao xuízo dos seus contemporáneos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204