Venres 19 Abril 2024

Científicos e armadores colaboran para evitar as capturas accidentais de aves na pesca

A importancia do sector pesqueiro en Galicia obriga tamén a impulsar proxectos que palíen os efectos colaterais que esta actividade ocasiona. Un destes efectos, co que se atopan os buques pesqueiros, sobre todo nas modalidades de palangre e arrastre, son as capturas accidentais de aves mariñas. Neste senso, a Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo (ARVI) lidera e coordina desde xaneiro deste ano o proxecto “Espantaves“, no que tamén participa o Centro Tecnolóxico do Mar de Galicia (Cetmar) e subvenciona a Fundación Biodiversidad.

Outros factores como o cambio climático, a contaminación e a destrución do hábitat, agravaron o problema

O obxectivo principal de “Espantaves” é reducir a cantidade destas capturas accidentais. Explican os seus impulsores que este problema “ven dándose desde os inicios da actividade pesqueira”, pero a súa repercusión sobre as poboacións de aves mariñas era mínimo, dado que estas gozaban dunha mellor situación debido a que a presión exercida polo ser humano en términos globais era menor.

Publicidade

A conxunción con outros factores, como o cambio climático, as destrucións de hábitat, a contaminación mariña, as toxinas ambientais e a redución da dinámica das poboacións, aceleraron este deterioro. Sinalan, por estes motivos, que “estas poboacións experimentaron fortes caídas nos últimos 30 anos, afectando tanto as especies de aves máis abundantes como a outras menos frecuentes: a consecuencia é que moitas delas están consideradas agora en perigo de extinción”.

“Liña espantallos”

Para evitar estes problemas, existen xa diversas medidas como disuasivos acústicos, canóns de auga ou sinais láser, entre outros. Non en tanto, a única con certo grao de implantación e efectividade, segundo sinalan desde “Espantaves”, é a denominada “liña espantallos“, que se pode adecuar a palangre e arrastre. Con todo, este tipo de dispositivos aínda non están implantados de forma xeralizada nos buques xa que, segundo apuntan os impulsores de “Espantaves”, “o seu deseño non foi consultado nin consensuado co sector.

"Liña espantallos" para evitar a captura de aves. Imaxe:  WWF-SA.
“Liña espantallos” para evitar a captura de aves. Imaxe: WWF-SA.

Así, o proxecto impulsado por ARVI, Cetmar e Fundación Biodiversidad prevé deseñar espantallos específicos para cada arte de pesca, de forma que sexan efectivos e sinxelos de instalar por parte das tripulacións sen que isto entorpeza as tarefas diarias a bordo do barco. Isto conseguirase a través dunha investigación científica sobre o problema e mediante o diálogo co propio sector.

Segundo sinalan os seus impulsores, “Espantaves” alíñase coa declaración de Reykjavik sobre Pesca Responsable no Ecosistema Mariño, enunciada pola FAO no ano 2001, que puxo sobre a mesa a necesidade de realizar unha explotación pesqueira sostible, evitando tamén os problemas xerados polas capturas incidentais de especies non comerciais. Do mesmo xeito, esta iniciativa galega tamén está vinculada ao Plan de Acción Internacional para reducir as capturas incidentais de aves mariñas na pesca con palangre, desenvolvido pola FAO en 1988.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos

Dez preguntas sobre a ameaza da gripe aviaria en humanos

Ata a data non foi detectada ningunha transmisión de persoa a persoa e os expertos consideran que o contaxio é "difícil"

Os ecoloxistas alertan da “desaparición inminente” da tartaraña cincenta en Galicia

Adega pon o foco na eucaliptización, os parques eólicos e os pesticidas como ameaza principal á Ave do Ano 2023