Martes 16 Abril 2024

Algo pasa co cancro de próstata: Galicia lidera a mortalidade en España

Un estudo do Instituto de Saúde Carlos III amosa "un exceso real de risco" xunto a Asturias debido á incidencia destes tumores

Tales son as taxas de mortalidade por cancro de próstata en Galicia e Asturias que “merecen un comentario específico” no estudo que acaban de publicar investigadores do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Salud Carlos III na revista PlosONE. E non é un problema menor, tendo en conta que máis de 500 persoas morren cada ano só en Galicia por estes tumores, segundo o Instituto Nacional de Estatística. Un cancro que é o segundo máis común nos homes, e o terceiro que máis mortes causa en España.

O cancro de próstata ten moito que ver coa idade. Así, segundo expón o estudo, só o 6% das mortes causadas pola doenza en España entre 2010 e 2014 foron de homes menores de 65 anos. Pero en Galicia e Asturias hai algo máis: non existen as variacións nas taxas de mortalidade que aparecen ao ter en conta a idade dos falecidos noutras partes de España; son notablemente altas nos dous casos, tanto nos maiores como nos menores de 65.

Publicidade

“O exceso de mortalidade nestas zonas do país, tanto nos homes máis novos como no seu conxunto, ademais das altas taxas de hospitalizacións nestas áreas, apunta a un exceso real de risco por cancro de próstata”, explican os autores da investigación, liderada pola científica Beatriz Gómez.

Causas do cancro de próstata?

O estudo suxire que a obesidade pode estar detrás destas cifras, xa que Galicia e Asturias “lideran as clasificacións de sobrepeso en adultos; e o sobrepeso parece estar asociado aos tumores de próstata nos seus estados avanzados, aínda que os mecanismos seguen sendo pouco coñecidos”, aclaran.

Pero hai máis datos que levan a crer que hai factores aínda por revelar: “Non en tanto, as taxas de sobrepeso tamén son moi altas en Extremadura ou Castilla-La Mancha, onde o risco de morte debido ao cancro de próstata non é especialmente acusado”, engade o artigo; por iso quedan cousas por saber.

O cancro de próstata nos homes máis novos

Risco relativo de mortalidade por cancro de próstata en España entre 2010 e 2014 para menores de 65 anos. Fonte: L. Rodriguez-Sanchez, B. Perez-Gomez et al. / Plos One.
Risco relativo de mortalidade por cancro de próstata en España entre 2010 e 2014 para menores de 65 anos. Fonte: L. Rodriguez-Sanchez, B. Perez-Gomez et al. / Plos One.

A investigación realizada polo ISCIII afonda na peculiaridade do cancro de próstata en homes máis novos. “As características específicas dos casos diagnosticados a idades máis temperás suxiren que poden representar un subtipo clínico diferente“, explican. E de aí saíu o obxectivo de contrastar, en función da idade, os patróns da doenza sobre a situación xeográfica e as cifras de ingresos hospitalarios. O estudo conclúe, deste xeito, que a situación xeográfica das defuncións por cancro de próstata en homes con menos de 65 anos é distinta á dos homes de maior idade.

E neste senso, as conclusións do traballo expoñen que “o diferente patrón espacial nos homes máis novos suxire que algúns factores asociados co risco xeográfico poderían ter efectos diferenciais por idade“. Mais de novo, como se pode ver no mapa, a investigación sitúa a Galicia e Asturias coas taxas máis elevadas. O estudo abre, por tanto novas preguntas que deberán responder os científicos a partir de agora, unha vez presentados estes datos. Non poderían descartarse, por exemplo, algúns factores xenéticos, como os atopados en 2018 por científicos galegos nun estudo internacional.

Para estudar a distribución xeográfica do cancro de próstata, o equipo científico recolleu o risco relativo (RR) a nivel municipal en canto a mortalidade, así como a morbilidade, tendo en conta o número de ingresos hospitalarios por esta doenza. Ademais de Beatriz Pérez Gómez, figuran como primeiros autores Lara Rodríguez, do Servizo de Uroloxía do Hospital Universitario de Fuenlabrada, e Pablo Fernandez-Navarro, tamén do Departamento de Epidemioloxía das Enfermidades do ISCIII.

“En Galicia hai alto risco por cancro de próstata, pero non temos explicación”

Máis diferenzas

Alén das peculiaridades atopadas en Galicia, a investigación detectou tamén que, ao comparar mortalidade e hospitalizacións, viuse que Madrid e Barcelona tiñan taxas elevadas de admisión hospitalaria e baixa mortalidade. Pola contra, no sudoeste de Andalucía había elevada mortalidad e baixas taxas de hospitalización. Os autores estiman que estes contrastes poderían deberse a múltiples razóns como, por exemplo, diferenzas de rexistro ou variación na práctica clínica entre rexións. Non en tanto, expoñen que estes estudos son só xeradoras de hipóteses e non permiten profundizar nas causas dos patróns.

Entre estas hipóteses para explicar os diferentes patróns espaciais dependendo da idade están os axentes medioambientais. Elementos como o arsénico ou o selenio, ou pesticidas, relacionados co cancro de próstata segundo algúns estudos, poderían ter que ver.

Do mesmo xeito, proponse que a alimentación tamén pode xogar un papel chave. O estudo lembra que o World Cancer Research Fund (WCRF) apunta a dietas ricas en lácteos e calcio como factores que poderían contribuír ao cancro de prostata. Do mesmo xeito, o consumo de peixe fresco, que foi asociado a un menor risco desta doenza, tamén podería terse en conta.

 

Referencias: Different spatial pattern of municipal prostate cancer mortality in younger men in Spain (Publicado en Plos One).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade intensifica a vixilancia da tosferina, con 241 casos no que vai de ano

A maior concentración de diagnósticos actuais dáse en idades escolares, sobre todo na franxa de 10-14 anos

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor