Xoves 28 Marzo 2024

A batalla polo raposo recobra forza en Galicia

Este sábado 12 de xaneiro celébranse nas catro provincias galegas os campionatos de caza de raposo, nos que tomarán parte centos de persoas á procura de exemplares de Vulpes vulpes. Aínda que a temporada de batidas deste animal comezou xa en agosto, esta semana, co gallo da celebración destes torneos, comezou a mobilización de entidades ecoloxistas e animalistas para pedir a prohibición destas actividades.

O PACMA manifestouse este luns en Vigo co gallo da apertura da tempada. Arredor de medio cento de persoas denunciaron que uns 12.000 raposos morren en Galicia cada ano a mans dos cazadores. Datos semellantes manexa a asociación ecoloxista ADEGA, que solicitou esta semana a paralización destes campionatos. A entidade sinala que estas prácticas provocan “unha gran repulsa social” e “un grande impacto negativo nas poboacións de raposos e no medio natural”.

Publicidade

O rexeitamento chegou tamén ao Parlamento Europeo, onde a eurodeputada do BNG Ana Miranda anunciou a presentación de varias iniciativas para denunciar a caza de raposo.

Batida de raposo. Fonte: Adega.
Batida de raposo. Fonte: Adega.

Fronte a estas críticas, o colectivo cinexético, cunha Federación que conta con 20.000 afiliados e representa a 45.000 cazadores en Galicia, (é a segunda en número de licenzas, só por detrás do fútbol) defende como argumento que a caza é “básica” para o mantemento do “desenvolvemento sostible” e o “equilibrio ecolóxico” do medio natural.

En resposta a estas críticas, o presidente da Federación Galega de Caza, Javier Nogueiras, expón que “a caza hoxe en día en Galicia está completamente ordenada, co seu plan de previsión e sustentabilidade; nos medios vende ben que nos vexan como trogloditas, pero non é así. Un cazador que faga algo ilegal, ou maltrate a un animal, como algúns vídeos que saíron nos últimos días, está automáticamente expedientado e expulsado do colectivo”, sostén Nogueiras, que conclúe: “Nós estamos en contra de todo o que non sexa unha caza responsable e de acordo á lei; xamais levantaremos unha escopeta contra unha especie protexida”.

Porén, as entidades ecoloxistas veñen denunciando que, ao abeiro destas reunións, adoitan aparecer casos de animais abatidos sen a autorización pertinente. Así aconteceu o ano pasado en Barro, onde varias entidades alertaron da aparición dun lobo morto con sinais de disparos.

“Un cazador que faga algo ilegal nunha batida está automáticamente expedientado e expulsado do colectivo”, di o presidente da Federación Galega de Caza

Nos últimos meses, despois dos enfrontamentos con animalistas que tiveron lugar nos campionatos celebrados o ano pasado en Dozón ou Forcarei, o colectivo de cazadores vén incrementando as manifestacións en defensa da súa actividade. En abril manifestáronse en Santiago para pedir respecto para unha “forma de vida” que “axuda a coidar o medio rural”. Na concentración aproveitaron para lembrar que tamén son electores, manifestando o seu descontento ante a suposto “abandono” que sofren por parte da clase política. Un enfado no que os partidos de ultradereita está a acadar apoios, como xa quedou claro nas eleccións andaluzas.

Ante a polémica suscitada nos últimos días, o presidente da Federación Galega de Caza subliña que “as medidas de caza son máis restritivas durante os campionatos que no resto da temporada”, polo que di “non comprender” o rebumbio xerado arredor destes eventos. “A caza é un aproveitamento racional do monte, e as sociedades de caza son as entidades privadas que máis cartos invisten en xestión medioambiental; falamos de millóns de euros todos os anos en Galicia”.

Neste senso, despois de coñecer a postura da europarlamentaria do BNG, a Federación de Caza de Pontevedra publicou o domingo nas redes sociais unha mensaxe na que advertía: “Os cazadores non iremos a Bruxelas, pero levaremos, coa nosa familia e amigos, os nosos votos ás urnas“.

A Xunta incumpre unha moción do Parlamento galego

Segundo recollía estes días o xornal Praza, o campionato provincial de caza do raposo de Pontevedra, que terá lugar en Cerdedo-Cotobade, conta coa colaboración da pasteira Ence e a Xunta de Galicia. Un apoio institucional que choca co acordado por unanimidade nunha comisión do Parlamento galego en marzo do ano pasado, a  instancias dunha moción do BNG que instaba á Xunta (ver PDF) a “non subvencionar estas actividades, non apoialas nin participar na súa promoción e desenvolvemento”. O texto apoiado por todos os grupos da comisión recollía tamén “que ningún cargo público nin representante da Administración galega asista aos actos relacionados con esta inxustificada competición de morte de fauna silvestre”.

Neste punto, Nogueira lamenta que “a caza é a disciplina que menos axudas recibe en canto á ratio por federado en Galicia, menos de dous euros por afiliado dentro dun orzamento superior ao de moitas federacións”.

O raposo, “un aliado” contra doenzas infecciosas como a Lyme

Na súa solicitude dirixida á consellería de Medio Ambiente, Adega recorda que o noroeste da Península é unha das zonas con presenza da enfermidade de Lyme, doenza transmitida por carrachos da especie Ixodes ricinus, que hospedan á bacteria Borrelia burgdorferi, axente causante da enfermidade, “e que se distribúen no territorio hospedándose maioritariamente a través de roedores”. Así, “a prohibición dos campionatos de caza de raposo constituiría así unha medida preventiva para loitar contra a expansión da bacteria ao diminuír a poboación de roedores portadores de carrachos infectados”, sostén Adega.

A entidade denunciou tamén que os pasados 3 e 4 de xaneiro, na zona onde se vai celebrar o campionato provincial de Pontevedra, na parroquia de Caroi, houbo incendios forestais. Para Adega, isto é “unha combinación letal para a biodiversidade”, sumada aos trofeos de caza.

Un informe coordinado por un directivo da federación de caza

O debate sobre a pertinencia da caza do raposo choca en Galicia coa ausencia de datos que a xustifiquen. Neste senso, os colectivos de cazadores adoitan citar o informe “O raposo en Galicia” (ver PDF), editado en 2009 polo Observatorio Galego de Caza (ente participado pola USC e a Xunta de Galicia) e a Federación Galega de Caza. Este informe foi coordinado por Luis Fidalgo, profesor da Facultade de Veterinaria de Lugo e vicepresidente da Federación Galega de Caza na provincia lucense.

Neste estudo atribúeselle a Galicia a “maior densidade de raposos da Península Ibérica” e exponse ao animal como “un elo esencial na transmisión de doenzas como a rabia, a sarna, a triquinelose ou a equinocosose”. O método utilizado para calcular a densidade foron “as batidas organizadas e/ou supervisadas pola Federación Galega de Caza”. Argumentan os autores que é este un sistema “que se adapta mellor ca outros ás características do estudo no noso entorno”.

A este respecto, o presidente da Federación Galega argumenta que naquel momento Luis Fidalgo non era aínda vicepresidente da entidade. E pregúntase: “Sería máis independente se o informe o fixera alguén dunha entidade ecoloxista?”.

A caza como método de xestión das poboacións de raposo non é, con todo, un argumento compartido por toda a comunidade científica en Galicia. Investigadores como Rubén Portas ou Martiño Nercellas concluíron en varios artigos que “non existen datos científicos na comunidade galega que amosen prexuízos derivados da súa presenza e avalen un control das súas poboacións”. Desde o seu punto de vista, por tanto, “os campionatos que se celebran anualmente están unicamente motivados por un aproveitamento cinexético-deportivo da especie, sen unha xustificación científica real.

1 comentario

  1. é curioso que eles digan que a caza é unha forma de vida, cando está claro que é unha forma de morte. Morte “por deporte”. Esa xente precisa tratamento médico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mapa que revela o territorio galego incompatible coa implantación eólica

Para a elaboración do informe a ONG SEO/BirdLife tivo en conta as figuras de protección e as zonas de alto valor ecolóxico

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo