Venres 29 Marzo 2024

Unha tese reconstrúe a agricultura da Idade de Ferro a través das sementes

A tese do investigador Andrés Teira expón a relevancia dos cultivos na conformación de identidades e na maneira de concibir o mundo destas comunidades

“A agricultura tivo un rol importante na conformación de identidades e na maneira de concibir o mundo destas comunidades a través dun calendario do día a día en torno aos traballos agrícolas”, explica o investigador Andrés Teira Brión, membro do Grupo de Estudos para a Prehistoria do NW Ibérico–Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT). É unha afirmación evidente se falamos dos últimos séculos da historia do mundo. O calendario agrícola marcou, e nalgúns lugares aínda marca, o ritmo da vida de moitas persoas, como principal actividade económica. Porén, esta práctica “está insuficientemente considerada nas lecturas sociais da Idade do Ferro, máis centradas arredor do conflicto, de obxectos entendidos como bens de prestixio ou de discursos que priorizan o intercambio comercial a longa distancia e os encontros entre elites”.

Análises carpolóxicas en xacementos do Bronce Final, Idade do Ferro e Período Romano no noroeste Ibérico. Fonte: Andrés Teira Brión.
Análises carpolóxicas en xacementos do Bronce Final, Idade do Ferro e Período Romano no noroeste Ibérico. Fonte: Andrés Teira Brión.

Para afondar no coñecemento de como cambio a agricultura as sociedades daquel período, arredor dos 2.000 anos antes de agora, Teira Brión desenvolveu unha tese de doutoramento que estuda o cambio e resiliencia na agricultura e na xestión de recursos vexetais no noroeste da Península Ibérica entre os anos 1000 a.n.e.  e 400 d.n.e. O proxecto, presentado o pasado 6 de novembro co título “Cambio e resiliencia na agricultura e na xestión de recursos vexetais no NW da Península Ibérica”, foi cualificado co sobresaliente cum laude.

Publicidade

Interpretación mediante sementes e froitos

A investigación emprega a carpoloxía, disciplina que estuda as sementes e os froitos, para estudar quince novos xacementos e integrar os estudos feitos no noroeste Ibérico. En total analizáronse 630 mostras con máis de 1.000.000 de restos vexetais recollidos nestes enclaves. Así, a tese reivindica unha mostraxe arqueobotánica máis exhaustiva e estandarizada nas intervencións arqueolóxicas, e unha relectura das sociedades da Idade do Ferro a través das economías domésticas e colaborativas agrícolas como motor destas comunidades.

Os resultados acadados indican que a adopción de estratexias agrícolas e de relacionarse co medio natural foron cambiantes ao longo do período estudado. Durante a Idade do Ferro produciuse unha intensificación da produción de cereais: trigos (Triticum spelta, Triticum dicoccum e Triticum aestivum/durum), cebadas (Hordeum vulgare), millo miúdo (Panicum miliaceum) e paínzo (Setaria italica).

Sementes cereais e legumes do castro de Toralla (Vigo). Fonte: Andrés Teira Brión.
Sementes cereais e legumes do castro de Toralla (Vigo). Fonte: Andrés Teira Brión.

O incremento dos cereais foi parello á conformación de áreas de acumulación de estruturas de almacenaxe fóra dos grupos familiares dos castros. “Esta almacenaxe durante a Idade do Ferro podería estar na base de diferenzas do poder adquisitivo das comunidades ou de grupos que producían ou controlaban as colleitas”, afirma Teira Brión. Ademais, outras plantas xogaron un papel relevante na alimentación, con legumes como as fabas (Vicia faba) e chícharos (Pisum sativum), e unha xestión de recursos silvestres, fundamentalmente as landras.

A conquista romana na agricultura

Para o autor, a conquista romana do noroeste significou a integración dentro de redes de redistribución mediterráneo-atlánticas. Isto tivo repercusión no espallamento de novos cultivos que acadaron, valor social ou de mercado que chegaban principalmente aos núcleos urbanos. “Nestes asentamentos de nova creación é onde se consumían fundamentalmente especies froiteiras introducidas como o pexego (Prunus persica), a ameixa (Prunus domestica), a moreira (Morus nigra), outras plantas como o melón (Cucumis melo) e árbores ornamentais como o ciprés (Cupressus sempervirens). Tamén se documentan maiormente froitos como a castaña (Castanea sativa), as noces (Juglans regia), os figos (Ficus carica), as cereixas (Prunus avium), as uvas (Vitis vinifera) e piñas de piñeiro manso (Pinus pinea)”, afirma. Estas especies, continúa Andrés Teira, estannos indicando unha xestión diferente á Idade do Ferro, creando espazos destinados á produción de froitos pero, sobre todo, novas formas de produción e de hábitos de consumo e sociabilización.

Grupos de cultivos en contextos da fase Galaicorromana –I a.n.e.-I d.n.e.– de Castrolandín (Cuntis). Fonte: Andrés Teira Brión.
Grupos de cultivos en contextos da fase Galaicorromana –I a.n.e.-I d.n.e.– de Castrolandín (Cuntis). Fonte: Andrés Teira Brión.

Explica o autor da tese que “a escasa segmentación funcional dos espazos durante o I milenio a. C. e o solapamento de actividades especializadas e áreas domésticas, suxire que as tarefas cunha división do traballo estrita fosen menos correntes. Isto alude a relacións de traballo máis fluídas e ao dominio de economías domésticas colaborativas. O núcleo familiar como núcleo de produción adoita incorporar ao maior número de persoas posibles, así como fórmulas de traballo en comunidade, onde mulleres, nenas e nenos, e persoas na vellez puideron participar tanto na produción agrícola como na destinada ao intercambio, non exclusivamente homes adultos”, afirma o autor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución