Sábado 20 Abril 2024

Cámaras que capturan a temperatura só co recoñecemento facial

A startup Creativigo deseña un dispositivo termográfico para controlar os accesos de lugares como o Parlamento de Galicia

O proxecto conxunto da startup Creativigo coa empresa OARO consiste nunha cámara termográfica que permite un control de acceso a lugares públicos ou privados, con monotorización de temperatura a través dunha identificación dixital grazas ao recoñecemento facial. Creativigo desenvolveu parte da programación da identidade dixital en Blockchain, mentres que OARO fixo a do hardware deste equipo que podería servir como preventivo de contaxios da Covid-19.

O pasado 8 de marzo, Pablo López, CEO de Creativigo, aterrou no aeroporto de Panamá. Cando foi pasar polo control de pasaxeiros recibíronlle coa pistola na cabeza para tomar a temperatura. “Foi un pouco violento porque nunca tivera un control deste tipo”. Aos poucos días comezou o estado de alerta en España, e os peches de fronteiras. Para regresar a casa, o único sitio polo que puido voar foi pola Habana. Alí en Cuba tamén lle tomaron a temperatura, pero neste caso a través de cámaras termográficas. “Vin as cámaras funcionando, pero os datos non vin onde ían”. Dándolle voltas a isto, xurdiu a idea que agora vai ver feita realidade.

Publicidade

Pablo López vén traballando en tecnoloxía no ámbito de Blockchain, onde teñen solucións avanzadas de identidade dixital. Hai dous anos desenvolveu un proxecto con outra empresa, OARO, que tamén estaba tratando de encaixar a idea das cámaras termográficas como unha forma pouco invasiva que ofrece un sinal de prevención.

 

Pantalla de monitorización do dispositivo.

Desde Creativigo relátannos como podería levarse a cabo. As persoas que van acudir a un recinto recibirían no seu móbil unha invitación. A través dunha imaxe persoal terían que facer o seu rexistro previo nunha aplicación, de tal maneira que cando a persoa pase por diante do dispositivo, a través dun recoñecemento facial, permite ou denega o seu acceso, e realiza un control de temperatura. “Estamos estudando a posibilidade de integrar outro tipo de servizos ao mesmo tempo, valorar incluír outro protocolo sanitario, para determinar que sucede no caso de que alguén dea unha temperatura elevada, cales serían os pasos a seguir. O rexistro previo é fundamental para salvagardar a protección de datos de cada persoa”, comenta o creador deste dispositivo.

Coa axuda da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia decidiron dar este paso e algún máis cara a diante. De feito, están traballando tamén nun equipo autónomo que podería ser instalado por calquera, xa que consiste só nun pé, cunha pantalla dunha tablet, e a cámara termográfica para utilizalo en calquera parte de forma permanente ou temporal. Deste xeito non é necesario facer un gasto alto e mesmo se pode alugar só para utilizar nun momento puntual dun evento.

O traballo que están a facer en remoto querían probalo nun contexto real. Realizaron probas nun aeroporto de Canadá e en Holanda. Aquí elaboraron unha proposta que se puidese probar no Parlamento de Galicia, pois “sería unha forma ideal de amosar estas medidas, que non son invasivas e están aliñadas coa lei de protección de datos”.

A principal novidade deste equipo con respecto a outros que poden existir no mercado é a posibilidade de integrar nun único soporte diferentes tecnoloxías que estaban polo camiño. As cámaras termográficas levan funcionando desde hai tempo, pero poder vinculalas a un recoñecemento biométrico a través dunha identidade dixital para poder realizar un punto de acceso e control, isto xurdiu a raíz da Covid-19.

Este servizo recibiu os primeiros pedidos para a súa posta en marcha comercial nun mercado global, aínda que a empresa xa tiña contactos en Canadá, Centroamérica e Europa. O seu custo depende moito das necesidades de control. O prezo dos dispositivos poden partir do sistema máis sinxelo qe estaría sobre os 3.000 euros ata instalacións máis complexas en función do número de cámaras, o modelo de negocio de máis éxito é o pago por servizo. “A monitorización dunha área sen necesidade de que a xente se pare, cunha cámara que pode ter entre 180 ou 200 puntos de vixilancia, non ten o mesmo custo que as solucións moito máis económicas pensadas para unha oficina bancaria, un comercio ou unha tenda. Nestes últimos casos, o gasto sería mínimo, xa que non hai unha entrada masiva nun momento concreto”.

En canto á dispoñibilidade, no prazo de 15 ou 30 días os dispositivos autónomos estarian xa listos. Traballaron na integración da tecnoloxía baixo unha mesma interface nun dispositivo web, e que se poida replicar a través dunha pantalla de monitorización. Só lles quedaría facer a instalacións das cámaras, o cableado e a configuración da aplicación. Nos dispositivos autónomos é aínda máis sinxelo de instalar. “É semellante ao que atopamos nalgúns comercios, que serve para facer enquisas. Trátase dun dispositivo que podes empregar agora por esta situación puntual, pero que podes activar no momento que precises de forma permanente”.

A nivel de centros sanitarios, están en conversas para poder deseñar un software que puidese permitir rastrexar e facer un control de pasaporte sanitario das persoas que estean rexistradas na aplicación. “Sempre aliñados coa protección de datos, porque hai que ser moi coidadoso coa seguridade dos datos das persoas, e máis cando estamos na fronteira do que se pode considerar un dato médico”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento

Ascenden a 57 os falecidos por gripe en Galicia

O último informe do Sergas confirma a tendencia á baixa da incidencia nas catro provincias

Por que aumentan as infeccións respiratorias agudas en España?

Estamos xusto no momento do incremento da curva da gripe que este ano coincidiu co Nadal e o aumento dos contactos sociais