Os problemas co seguimento das pautas de medicación son un quebradeiro de cabeza para moitas familias galegas, sobre todo no caso de persoas de avanzada idade e dependentes. En moitos fogares xa se usan pastilleiros distribuídos por día e comidas. Porén, o CiTIUS de Santiago desenvolveu unha ferramenta que se serve das novas tecnoloxías para facilitar o traballo de moitas familias: a ‘app’ Calendula.
Calendula é un asistente para a xestión persoal da medicación, tanto para os propios usuarios como para que a súa familia os supervise. A través do teléfono, a aplicación avisa de cando é o momento para tomar un determinado medicamento, Ademais, ofrece outras vantaxes con ferramentas como o botiquín, onde se poden consultar todos os fármacos de cada persoa, cos seus correspondentes prospectos.
Para adaptarse á realidade cotiá de cada persoa, o sistema ofrece a oportunidade de engadir repeticións, descansos ou excepcións, así como a opción de mover ás horas de tomas para adaptalas ao almorzo, a comida, a merenda ou a cea. Ademais, permite incorporar varios perfís, para xestionar as pautas de varios pacientes á vez.
Acordo co Sergas
Este mes, a Xunta de Galicia anunciou un acordo entre Sanidade e a USC para integrar Calendula nos sistemas informáticos do Servizo Galego de Saúde. Deste xeito, a aplicación facilitará o cumprimento dos tratamentos indicados polos usuarios da sanidade pública galega.
A iniciativa abre un marco de colaboración en materia de I+D entre o CiTIUS e Sanidade, xa que se trata do primeiro convenio entre ambas institucións no eido de Tecnoloxías da Información. O acordo terá unha vixencia de catro anos.
No desenvolvemento da aplicación, ademais do Sergas, o CiTIUS e varios pacientes e profesionais sanitarios, participaron os Colexios Oficiais de Farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, e o IDIS de Santiago de Compostela.