Venres 19 Abril 2024

O calendario científico escolar de 2024: descarga aquí a versión en galego

O documento, destinado a estudantes de Primaria e Secundaria, achega 366 efemérides do ámbito da ciencia e da tecnoloxía

Sabías que o 14 de febreiro de 2003 morreu a ovella Dolly, o primeiro mamífero clonado a partir dunha célula adulta? E que o 29 de xaneiro de 1881 naceu a microbióloga Alice C. Evans, quen descubriu o mecanismo de transmisión da brucelose? Todas estas efemérides están recollidas no Calendario Científico Escolar 2024; unha iniciativa que desenvolve anualmente o CSIC. Agora, o documento está dispoñible en galego grazas á colaboración da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC). Segundo apuntan dende a institución universitaria, son a única entidade galega que participa na iniciativa.

Publicidade

Dende a UDC explican que o calendario achega 366 efemérides do ámbito científico e tecnolóxico, incluíndo nacementos, mortes, conmemoracións de descubrimentos e achegas salientables. O seu público obxectivo é o alumnado de Primaria e Secundaria, dado que o calendario tamén vai acompañado dunha guía didáctica con orientacións para o seu aproveitamento educativo transversal nas aulas, que responde aos principios de inclusión, normalización e equidade e atende ás pautas xerais de accesibilidade. A edición deste ano incorpora como novidade a presenza de actividades lúdicas, como o xogo da ocao, ao tempo que manteñen as efemérides en lectura sinxela e como recurso de apoio para estudantes con dificultades na competencia lectoescritora.

Esta iniciativa enmárcase nun proxecto da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) cuxo obxectivo é contribuír a fomentar a cultura científica entre a xuventude e crear referentes que lle resulten próximos, así como promover as vocacións científico-técnicas, usando unha linguaxe non sexista, e aumentar a visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas. Ten, ademais, a virtualidade de que se trata dun proxecto plurilingüe que respecta a realidade lingüística estatal, de modo que amais do galego tamén está dispoñible noutras 10 linguas. Por todo isto resultou merecente do I Premio CSIC de Divulgación Científica y Ciencia Ciudadana na categoría de Obra Unitaria no 2023.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Xa está dispoñible o calendario da ciencia de 2023: en galego e con novas efemérides

A iniciativa do Instituto de Gandaría de Montaña incorpora un recurso de apoio para alumnado con dificultades na competencia lectoescritora

9/10/2019: a última data capicúa de 7 díxitos deste século

Non volverá acontecer no que queda de século; este 9 de outubro é unha data moi curiosa por ter forma de palíndromo

Estrean a canción infantil “Os meses do ano” para educar en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística lanza este novo audiovisual, como complemento ao libro sobre o tempo cronolóxico deseñado por Xulia Vicente

A UVigo lanza o seu calendario “onde queiras, pero coa lingua”

Tras do éxito dos almanaques de Luis Davila e Kiko Dasilva, a edición de 2019 incorpora un vídeo cada mes