Xoves 28 Marzo 2024

Un Uber á galega

Cando un xulgado ordenou o peche en España de Uber, emerxe dende A Coruña unha nova plataforma envorcada como a startup norteamericana no transporte urbano, pero con máis similitudes no seu funcionamento con Blablacar, o outro xigante do transporte compartido no noso país. Chámase Diacamma, naceu hai apenas dous meses e adoptou o nome dun xénero de formiga peculiar porque non dispón de raíña: todas colaboran por igual pola mellora do conxunto do seu formigueiro, actitude que resume a filosofía do novo servizo.
“Cremos no negocio, por suposto, pero do que se trata principalmente é de proporcionar unha ferramenta para reducir o impacto nocivo que produce a magnitude de vehículos que circulan na actualidade e, de paso, facilitar aforros aos propios usuarios, explica o director da compañía, Rubén Quintela. O seu funcionamento é similar ao de Blablacar; basicamente, trátase de crear unha comunidade de usuarios conectados a través da súa plataforma dispostos a compartir medios de transporte. O seu principal obxectivo está en traxectos curtos e polo tanto maioritariamente urbanos, como desprazamentos ao traballo ou a distintos eventos, aínda que sen desprezar os desprazamentos máis longos, nos que Blablacar domina o mercado español.

O principal obxectivo está nos traxectos curtos, e polo tanto maioritariamente urbanos

Malia compartir o obxectivo do traxecto curto con Uber, as trabas legais que frearon a implantación desta empresa en España non lle afectan, xa que en Diacamma non hai lucro para os condutores que se poidan confundir cunha profesionalización da actividade. Tampouco hai porcentaxes que queden na propia plataforma, como acontece con Blablacar. O modelo de negocio pasa por algún tipo de servizo adicional que aínda está suxeito a confidencialidade ou, alternativamente, a publicidade non intrusiva na propia web. Pero o servizo dunha viaxe compartida non terá en ningún caso custos engadidos para o usuario.
A Quintela ocorréuselle a idea de crear Diacamma tras perder o seu traballo nunha empresa do sector da construción golpeada pola crise. Apuntado a un curso relacionada coa informática, comezou a imaxinar solucións a un problema que observaba a diario, mentres se desprazaba a pé á academia: o gran número de prazas baleiras nos coches que se apelotonaban en atoamentos e semáforos. “Empecei a madurar o proxecto na miña cabeza e encontrei no propio curso o meu socio, David Tubío, especialista en desenvolvemento de programación”, relata. Durante os dous últimos anos, mentres o compatibilizaban esa tarefa con outros traballos, foron poñendo as bases do que dende hai apenas un mes funciona como Diacamma, utilizando ademais uns métodos de cálculo que serven para rutas próximas.

Publicidade

O nome tomárono dun xénero de formiga no que todas colaboran pola mellora do conxunto

“Nacemos pensando en España, pero a plataforma pode dar soporte en toda Europa“, explica o director da plataforma. Se se obvian as dificultades da programación, dende a perspectiva do usuario o proxecto destaca pola súa sinxeleza: só hai que rexistrarse na web e contactar con outros usuarios para establecer unha ruta conxunta. Tanto en coche coma en taxi. No primeiro caso, é a plataforma a que calcula o prezo dos desprazamentos, tomando valores de consumo medios para cada ruta. Para os taxis, mentres, propón sistemas que deben pactar finalmente os usuarios. A web incorpora ademais un sistema de puntación que permite incrementar a confianza nos que utilizan habitualmente o servizo.
Aínda que é pronto para facer balances, Quintela e Tubío móstranse satisfeitos do arranque do proxecto. Saben que están ante un reto a medio e longo prazo que pasa por darse a coñecer. Un traballo de formigas.

1 comentario

  1. Paréceme moi moi interesante. Eu, que vivo ás aforas de Vigo, e sobre todo meus fillos, poderían ser usuarios de Diacamma pois continuamente están a facer viaxes de Vigo ó noso barrio e viceversa.
    Neste caso o poder compartir coche (con outro que o teña) ou taxi (cando ningún dispón de coche) paréceme unha solución fantástica.
    Noraboa e moita sorte!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cando a música e a informática se alían: “Un músico poderá atopar partituras cantaruxando”

A investigadora da UDC Hilda Romero Velo crea unha aplicación web e móbil para solucionar algúns dos problemas aos que se enfrontan os músicos no día a día

O ruído do tráfico nas escolas empeora a atención e a memoria dos nenos

Un estudo en 'PloS Medicine' observa que a contaminación acústica debida á circulación inflúe negativamente no desenvolvemento cognitivo dos menores

PODCAST | A informática ao servizo da saúde cardiovascular. Con Víctor Mondelo

Charla co investigador do Laboratorio de Informática Aplicada, creador dun sistema informático de apoio á diagnose de electrocardiogramas que facilita o traballo do persoal sanitario na toma de decisións

Tres obradoiros para espertar a vocación tecnolóxica entre as rapazas

Están organizados polo CPEIG e Amtega e poderanse seguir en liña ou asistir de maneira presencial na Facultade de Informática da Coruña