Venres 29 Marzo 2024

Forestais de Pontevedra investiga un biocombustible con algas

Promover un aproveitamento enerxético de residuos como as algas que se poidan retirar dunha conca fluvial é un dos eixos do labor investigador que vén desenvolvendo nos últimos anos a profesora da EE Forestal Ángeles Cancela, que xunto cun grupo de docentes e alumnos deste centro vén de estudar a posibilidade de empregar microalgas como as cianobacterias, tóxicas para o ser humano, como materia prima para a fabricación de pellets para caldeiras. Unha conversión que só permite obter uns produtos de “baixo poder calorífico”, o que faría precisa a súa mestura con outros materiais para o seu uso como biocombustible, segundo veñen de recoller nun artigo publicado en Bioresources Technologies, no que tamén amosan a validez de empregar un tanino extraído de restos da cortiza de eucalipto, como os que se poden atopar nas concas fluviais, para separar estas microalgas da auga.

Cyanobacteria.
Cyanobacteria.

Xunto a Cancela, asinan o artigo un grupo multidisciplinar de profesores da EE Forestal e da EE Industrial, Enrique Valero, Luis Ortiz e Xana Álvarez, xunto co catedrático de Enxeñaría Química Ángel Sánchez e os estudantes do centro pontevedrés Paloma Varela e Alejandro Jiménez. Non en van, parte deste estudo abrangue os proxectos de fin de grao que estes dous alumnos están a desenvolver baixo a dirección de Cancela e Álvarez, e nos que Jiménez afonda no proceso de “harvesting”, os métodos de extracción das algas da auga, mentres que Varela estuda a obtención de diferentes tipos de floculantes, unha substancia que se engade á auga para retirar desta as algas, a partires das cortizas de árbores como o eucalipto, o piñeiro ou a acacia.

Publicidade

O chamado harvesting, “é o proceso máis determinante” de todo este traballo, xa que implica “obter unha materia case sólida, parecida a un lodo, de algo que é líquido”, explica a investigadora. Neste caso, a investigación centrouse nun tipo de alga microscópica, como son as cianobacterias, responsables de episodios como os blooms, a proliferación de algas verdes que que tinguen de verde nos veráns encoros como o da Baxe, en Caldas de Reis, de onde proceden as mostras empregadas. “É un proceso moi complexo, que implica que partes de 70 litros de auga para non obter máis cuns gramos de algas”, explica esta investigadora dunha colleita que pode realizarse con distintas técnicas, entre elas, a floculación. Neste caso, explica, “o que fixemos é probar un coagulante orgánico, outro inorgánico e un terceiro, tamén orgánico, que sintetizamos nós no laboratorio”. Concretamente, empregouse un tanino sintetizado por Varela a partires de cortiza de eucalipto.

Un coagulante a base de eucalipto combínase coas algas para facer o biocombustible

A partires de aí, o estudo que Jiménez desenvolve de procesos de harvesting con diferentes floculantes, permitiu comprobar a efectividade deste tanino. “É o que mellor resultado nos deu”, sinala dos resultados obtidos en comparación con outro floculante orgánico, como é o alginato sódico, e outro inorgánico, que para procesos como o analizado tería como inconveniente engadido “que se llo botas a un auga que logo poidas beber, estaslle engadindo sales”. Pola contra, o tanino obtido mediante un proceso de extracción realizado con auga amosase como “unha boa opción para separar as algas de auga doce do medio natural”, xa que como lembra esta profesora, “non introducimos nada alleo á propia contorna, xa que os restos de eucalipto son unha substancia habitual no río”.

Se ben outros tipos de microalgas cultívanse como alimento para os peixes, as que centran este estudo son tóxicas, polo que constitúen un residuo unha vez retiradas do encoro, motivo polo que esta investigación abrangue tamén o estudo do seu posible aproveitamento como recurso enerxético, de acordo co concepto de “biorefinería”, que promove “aproveitar calquera materia orgánica ata o final, ata a última gota do residuo”, sinala.

O aproveitamento enerxético das algas, tanto mariñas como fluviais, é de feito un dos eixos centrais do labor investigadora desta integrante do grupo EQEA (Enxeñería Química, Enerxética e Ambiental), como demostra o feito de que desde 2011 sexa coautora de sete artigos sobre “a valorización dos residuos de biomasa das algas” en diferentes publicacións científicas de referencia.

Podería obterse biodiésel con estas algas, pero con moi baixo rendemento

Nesta liña e continuando a investigación previamente realizada por Álvarez e Cancela respecto do uso destas microalgas para a elaboración de biodiesel, “que podería obterse, pero cuns rendementos moi pequenos”, e coa colaboración do catedrático Luis Ortiz, a investigación da que dan conta neste artigo comprendeu a conversión en pellets dos residuos xerados no harvesting. “Poden facerse, pero terían moi pouco poder calorífico”, sinala a investigadora, que apunta así mesmo que os pellets realizados con este material terían tamén “un contidos en cinzas superiores ao normal, xa que teñen moitos minerais”, o que suporía un problema engadido para o seu uso, “posto que deixaría moitos residuos na caldeira”. Así pois, non sería posible empregar en caldeiras pellets fabricados unicamente a partires desta microalga, polo que para o aproveitamento deste residuo sería preciso combinalos “con outros materiais que poidan ter maior poder calorífico”, como explica sta investigadora, que incide na posibilidade de empregar precisamente eucalipto, piñeiro ou acacia para estas combinacións. “Esa sería xa a seguinte fase do estudo, facer probas mesturando as algas con outros materiais en diferentes proporcións e ver como funcionan”, engade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

Primeira imaxe en luz polarizada do burato negro da Vía Láctea

Grazas a esta nova vista de Saxitario A*, a rede global de radiotelescopios EHT revela a existencia de fortes campos magnéticos xirando arredor do seu borde