Venres 19 Abril 2024

Biocaps analiza as novas terapias para a supervivencia ó cancro de pulmón

O 80% dos cancros de pulmón débense ao tabaco.
O 80% dos cancros de pulmón débense ao tabaco.

O carcinoma de pulmón é a causa máis importante de mortes por cancro no mundo en homes e tamén é moi frecuente en mulleres. Máis do 80% dos casos débense á exposición ao fume de tabaco e ao redor do 85% dos pacientes que o sofren falecen cinco anos despois da diagnose. As campañas antitabaco contribúen a previr o problema, pero é necesario avanzar nos tratamentos para mellorar o seu prognóstico unha vez que se produce.

“O emprego de terapias innovadoras para o tratamento deste tipo de cancro permitiu incrementar a supervivencia media global aos cinco anos nun modesto 15%”, sinala ao DUVI o coordinador da Área de Novas ferramentas en diagnóstico e terapia do proxecto Biocaps, Ángel Rodríguez de Lera. Co obxectivo de contribuír a difundir os últimos avances na identificación de novas dianas terapéuticas para este tipo de cancro, a súa área organiza o vindeiro 19 de decembro un seminario que traerá a Vigo a varios expertos na materia. Así, participarán neste simposio Jaume Farrés e Xavier Parés, da Universitat Autónoma de Barcelona; Alberto Podjarny e Xavier Ruiz, do Instituto de Xenética e Bioloxía Molecular e Celular de Estrasburgo (Francia); Mercedes Alfonso, da Universidade de Barcelona; e Dolores Pérez-Sala, do Centro de Investigacións Biolóxicas do CSIC.

Publicidade

O carcinoma pulmonar de células non pequenas (denominado non microcítico) considérase responsable do 80% dos casos de falecemento por cancro de pulmón. En función da súa localización e das súas características, clasifícase en adenocarcinoma (responsable do 40% dos casos), carcinoma de células escamosas (25-30%) e carcinoma de células grandes (10-15%).

Consumo de tabaco

Investigacións recentes identificaron niveis anormalmente altos dunha proteína da familia das aldo-ceto reductasas (a denominada AKR1B10 ou reductasa do intestino delgado) tanto nos adenocarcinomas como nos carcinomas de células escamosas. Ademais, concluíuse que a sobreexpresión desta proteína está directamente relacionada co consumo de tabaco. Todo isto converte a proteína AKR1B10 nun marcador potencial de cancro de pulmón asociado co consumo de tabaco, o máis estendido, abrindo a porta a novas terapias.Durante a xornada abordaranse varios aspectos da bioloxía da superfamilia de proteínas aldo-ceto reductasas, a súa caracterización estrutural, o desenvolvemento de protocolos de descubrimento de moduladores da súa actividade e os retos implicados no desenvolvemento de novos fármacos antitumorais con base nesta diana terapéutica.

O estudo da proteína AKR1B10 pode achegar novos fármacos contra o cancro

O noveno seminario científico de Biocaps terá lugar en horario de mañá no Edificio de Ciencias Experimentais do campus de Vigo. A inscrición é libre e pode realizarse vía web.

Os seminarios organizados no marco de Biocaps responden ao obxectivo do proxecto de contribuír á difusión e á divulgación da investigación biomédica en xeral e do labor que desenvolve o Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo (IBI) en particular.

No ano e medio de traxectoria de Biocaps déronse cita en Vigo decenas de expertos en campos estratéxicos da ciencia biomédica con motivo dos seminarios temáticos organizados polas súas diferentes áreas de especialización, desde os nanomateriais e a epixenética até a innovación cardiovascular, pasando pola esclerose múltiple, a relación entre química e cancro e o lupus. Estas xornadas permitiron aos investigadores e facultativos galegos coñecer os últimos avances a nivel internacional nestas disciplinas e intercambiar coñecemento con expertos de todo o mundo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T