Venres 19 Abril 2024

As bateas, a ría de Arousa e o seu equilibrio ecolóxico

Ata que punto pode soportar a ría de Arousa a actividade das arredor de 2.000 bateas que aboian nas súas augas? Está en perigo a conservación do ecosistema dun dos esteiros máis produtivos do mundo? Despois de moitos decenios de explotación dun recurso que dá de comer, de xeito directo e indirecto, a milleiros de persoas, cabe facerse esas preguntas. Delas partiu o xeógrafo Luís Outeiro, que acaba de publicar na revista Aquaculture unha profunda investigación, que contou coas achegas de máis de 30 investigadores e do propio sector bateeiro e as confrarías de Arousa.

As conclusións achegan tranquilidade para o sector, pero tamén poñen sobre a mesa a necesidade de tomar as medidas precisas. Segundo explica Outeiro, na actualidade a ría sobrepasou a súa capacidade de carga ecolóxica de produción de mexillón, e está perto de chegar á capacidade de carga produtiva. Isto pode prexudicar, por tanto, á calidade do bivalvo que se cultiva en Arousa, polo que habería que mellorar algúns aspectos da xestión.

Publicidade

Vista submarina dunha batea.
Vista submarina dunha batea.

Para achegarse a un tema complexo coma este, segundo explica Outeiro, é preciso un “enfoque integral“, que teña en conta as relacións tróficas do ecosistema e a decisiva influencia das diversas artes de pesca e marisqueo.

Cos datos deste enfoque na man, o ecólogo galego postulou a hipótese. “A ría de Arousa, despois de 60 anos de produción intensiva de mexillón en batea, foi quen de ir derivando cara a outro ecosistema, con outras especies de referencia – xa que neste tempo unhas especies aumentaron e outras diminuíron a súa presenza – e con iso foise absorbendo o impacto que significa ter unha densidade tan elevada de mexillón durante tantos anos, sen que por iso haxa unha transformación radical do sistema, e na que se poidan aínda conxugar a pesca artesanal, as bateas, o marisqueo e outras actividades”, resume.

Desembarques de pesca na Ria de Arousa (liñas, eixo esquerda) e produción de mexillón (barras, eixo dereita) históricos (1933-2016). Fonte: Elaborado por Luís Outeiro, a partir de anuarios de pesca e arquivos históricos.
Desembarques de pesca na Ria de Arousa (liñas, eixo esquerda) e produción de mexillón (barras, eixo dereita) históricos (1933-2016). Fonte: Elaborado por Luís Outeiro, a partir de anuarios de pesca e arquivos históricos.

O traballo, deste xeito, desenvolveuse a partir de tres cuestións:
1. Cal é a capacidade de carga ecolóxica e produtiva da ria de Arousa para poder abastecer de forma regular á produción de bateas, pesca e marisqueo?
2. Está a capacidade de carga ecolóxica e produtiva da ria de Arousa sobrepasada dende unha perspectiva do ecosistema?
e 3. Cal era a estrutura trófica (é dicir quen come a quen) antes da entrada das bateas e despois de 60 anos de produción?

Os resultados revelan, segundo explica Luís Outeiro, que “a capacidade de carga ecolóxica de producción de mexillón está en torno ás 800 t/km2 e a biomasa actual é o dobre (1700 t/km2)”. Por tanto, conclúese que “a capacidade de carga ecolóxica está sobrepasada”.Porén, a capacidade de carga productiva que se obtivo foi de 1900 t/km2, o que expón que a producción actual de mexillón está moi perto de chegar ao seu máximo.

Arousa sobrepasou a súa capacidade de carga ecolóxica e está preto de chegar ao máximo da carga produtiva

As particularidades do mexillón e a súa omnipresencia en Arousa determinan que especies van vivir nestas augas. “O mexillón é un organismo filtrador que depende de forma moi elevado do fitoplancto para poder alimentarse e medrar, e esa é a base da cadea trófica que soporta ao zooplancto e a súa vez o zooplancto é do que dependen moitas outras especies de peixes e crustáceos comerciais que son obxecto da pesca artesanal”, explica Outeiro.

Así, “o feito de ter só na ría de Arousa máis de 2.000 bateas, das que en cada unha delas hai unhas 500 cordas de 10 metros de longo, nas que hai, por cada metro, de 600 a 1.000 mexillóns”, dan unha idea da cantidade de moluscos que están filtrando a auga. “Sabemos que son capaces de filtrar 15 metros cúbicos de auga por ano, polo que unha soa batea podería filtrar un hectómetro cúbico de auga (1.000 millóns de litros).

O mexillón determina o ecosistema de Arousa

Ante isto, cabe esperar que, tal e como comprobou Outeiro no seu estudo, “as especies que compiten co mexillón por comida (sardiñas, piovardos, bocarte, vieira e volandeira, ostras, ameixas ou berberechos) foron en declive” desde a aparición das bateas en Arousa, xa que as feces producidas polos mexilóns, e que se acumulan baixo estas estruturas impiden que o hábitat para algunhas destas especies – sobre todo as que viven no fondo- sexa o axeitado.

Comparación das cadeas tróficas de Arousa, con e sen mexillón. Imaxe cedida por Luís Outeiro.
Comparación das cadeas tróficas de Arousa, con e sen mexillón. Imaxe cedida por Luís Outeiro.

Pero hai tamén gañadores; animais que melloran a súa situación de partida grazas á presenza de bateas, como os camaróns e as nécoras, que atopan alimento e acubillo nestas estruturas, co conseguinte beneficio para quen captura este produto.

Todos estes factores dan lugar a un ecosistema moi particular que, con todo, segue producindo a un nivel moi elevado. O científico arousán comparou Arousa con outros 16 ecosistemas semellantes, tamén sometidos a cultivos acuícolas. “Atopamos que, dentro dos indicadores ecolóxicos, o que máis destaca eran os indicadores de maturidade e resiliencia do ecosistema de Arousa, e posiblemente lévanos a hipotetizar que sexa a maturidade un dos factores que actúa de forma determinante para dar estabilidade ao ecosistema cando existe unha perturbación tan importante e prolongada no tempo”.

Preguntas por responder

Neste senso, xorde o habitual dilema cando se fala da explotación dos recursos naturais: hai que primar a rendibilidade económica ou a sustentabilidade ecolóxica? Conta Outeiro que “unha das preguntas que nos levamos deste traballo para desenvolver na proposta de segunda parte da posdoutoral que está solicitada e pendente de renovación é a seguinte:

Se para obter a teórica eficiencia ecolóxica temos de reducir a biomasa instalada de mexillón en bateas a unhas 50 toneladas menos por ano significaría isto necesariamente unha perda de ganancias do sector?”, cuestiónase.

Luís Outeiro.
Luís Outeiro.

Esta redución, segundo Outeiro, podería facerse “nas zonas máis internas da ría, nos polígonos de Vilagarcía, onde se sabe que o prezo medio do mexillón é de 0,4 euros/kg, debido a que este mexillón ten máis dificultades para medrar polas condicións oceanográficas e de alimento, é adoita ser máis pequeno, coa conseguinte redución do prezo”.

Ante isto, propón o investigador, cómpre “reducir a densidade de biomasa de mexillón destas zonas internas (como xa aconsellaron ademáis outros expertos do IEO e CSIC) para axudar a unha maior ratio de alimento por individuo, mellorando así o prezo promedio do mexillón e acadando, por tanto un mellor quilibrio entre a eficiencia ecolóxica e a eficiencia económica”.

O traballo enmárcase dentro do proxecto posdoutoral do programa I2C da Xunta de Galicia no que participa Outeiro, e contou tamén coa autoría doutros dous científicos da universidade de New England, nos Estados Unidos, e da Universidade Federal de Rio Grande do Norte, en Natal, Brasil.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

E se cortar a herba da Pampa non servise para nada?

O biólogo e investigador da UDC Alejandro Martínez aporta un novo enfoque sobre unha especie invasora en Galicia: "imponse só cando non lle fan sombra"

A galega Mar Sobral, nova editora xefa dunha das revistas máis influíntes sobre ecoloxía

A investigadora da USC será unha das persoas que lidere 'Ecological Monographs', un proxecto editorial da Asociación Americana de Ecoloxía

WISE: un congreso para impulsar a igualdade e diversidade na Ecoloxía

Un equipo de investigadoras galegas impulsa o encontro, que se celebrará de forma virtual entre os días 4 e 6 de novembro

Google inclúe as bateas de Arousa nas 1.000 paisaxes máis impresionantes da Terra

A última actualización das paisaxes de Earth View recolle unha imaxe tomada por satélite dun polígono bateeiro entre A Illa e Vilanova