Venres 29 Marzo 2024

O avistamento dun oso pardo nos Ancares constata a recuperación da especie en Galicia

Un veciño de Vilarello, en Cervantes, consegue gravar un vídeo dun exemplar paseando pola serra

Entre as estradas sinuosas e a espesa vexetación dos Ancares, o avistamento das especies que habitan a serra non é nada sinxelo. Menos aínda o oso pardo (Ursus arctos), un animal que estivo a piques de desaparecer das nosas montañas a finais dos anos 90. Afortunadamente, tomáronse medidas rápidas e eficaces que están conseguindo que se recupere a especie. De feito, hai uns días un veciño de Vilarello, en Cervantes, avistou ao lonxe un exemplar de oso pardo que paseaba pola zona e logrou gravalo en vídeo. “É un animal escaso, protexido e en perigo de extinción pero non é estraño atopalo”, explica Óscar Rivas, membro da Fundación Oso Pardo.

Aínda que fose froito da casualidade, o avistamento deste exemplar confirma as boas noticias: o número de osos pardos en toda a cordilleira cantábrica multiplicouse nos últimos 20 anos. Dos 100 exemplares que constaban nos rexistros nos anos 80, ao borde mesmo da extinción, conseguiuse ampliar a poboación ata os 450 osos, segundo a estimación de Rivas. “Pensábase que a especie non chegaría aos 2000. Ía decrecendo e non se podían controlar as causas. De feito, non había un problema ecolóxico como tal, senón que morrían máis exemplares dos que nacían”, lembra o membro da fundación.

Publicidade

O furtivismo, a principal ameaza

Unha das principais amezas era a caza ilegal. Os furtivos, segundo o relato de Rivas, colocaban lazos que non mataban o oso directamente, pero si acababan coas especies que compartían o mesmo hábitat como, por exemplo, os xabarís. Identificada unha das principais causas do declive da poboación de oso pardo na cordilleira cantábrica, os expertos decatáronse da necesidade de tomar cartas no asunto. Entre as entidades implicadas naceu a Fundación Oso Pardo en 1992, que comezou a perseguir o furtivismo e a concienciar a poboación local co obxectivo de que cambiase a percepción sobre a especie. “O oso comezouse a ver como un compoñente importante do ecosistema e, incluso, como un punto de desenvolvemento rural. De feito, a finais dos 80 declarouse o Parque Natural de Somiedo, do que o oso é un emblema”, engade o experto.

Todas estas accións lograron a progresiva recuperación da especie e a súa expansión por zonas onde atopan o hábitat axeitado. En Galicia, por exemplo, as montañas occidentais de Galicia son “moi óptimas” para o oso pardo e tanto Os Ancares como O Courel teñen unha presenza constatada deste animal. Tamén a zona de Negueira de Muñiz, da Fonsagrada e da montaña oriental ourensá, como O Invernadoiro, onde hai uns anos se gravara un oso que pasara unha tempada na serra. De todos modos, Rivas explica que algúns exemplares chegan a Galicia pola zona sur da cordilleira cantábrica e aínda que entran todos os anos, as súas visitas son máis puntuais que na montaña lucense. “Esperamos que esta zona de crecemento se manteña e sexa unha zona futura para o oso”, apunta o experto.

A permanencia da especie

Segunda explica, para que se expanda a especie teñen que darse unha serie de pasos. E Galicia aínda está no primeiro. “O que está a ocorrer agora é que os exemplares exploradores, sempre machos, tanto novos como adultos, visitan as nosas serras”, explica Rivas. Estes animais poden percorrer longas distancias e, de feito, hai uns anos localizouse no norte de Portugal un oso, cando había máis de 150 anos que non se tiña constancia da súa presenza nesta zona. Ese mesmo animal foi visto en Sanabria, é dicir, nas zonas limítrofes entre Galicia e León, ata chegar a Portugal. “Pasou alí unha tempada e volveu. É o que adoita ocorrer cos exploradores. Para que haxa osos de forma continua teñen que pasar máis anos e cumprir o segundo requisito”, indica Rivas.

“En Galicia non hai femias reprodutoras”

ÓSCAR RIVAS, membro da Fundación Oso Pardo

O seguinte paso imprescindible á e presenza de femias reprodutoras. “Isto é o que marcaría unha zona con presenza estable de osos pero non hai constancia de que as haxa en Galicia”, continúa o membro da fundación. De todos modos, si que se teñen avistado femias con crías na vertente leonesa dos Ancares. A única barreira, polo tanto, sería natural pero os osos, claro está, non entenden de separacións administrativas. Xusto por este motivo, a zona dos Ancares onde se avistou o último exemplar é a que ten unha presenza máis regular “e case constante” da especie. Tamén a de Negueira de Muñiz e a do Courel, pero esta última experimenta máis variacións.

Rivas cre que os osos pardos poderían asentarse en Galicia nun prazo de tempo razoable, malia que este tipo de prognósticos estean suxeitos a moitas variables. O principal tropezo, segundo remarca, é a falta de femias reprodutoras. Ao parecer, non se afastan moito da zona na que nacen e os estudos xenéticos demostraron que dentro dunha mesma zona, os exemplares femininos adoitan estar emparentados. “É o que se denomina agrupacións matriarcais de osos“, apunta o experto. Unha vez que se expanden fano como unha “mancha de aceite” pero todo dependerá das condicións que atopen polo camiño. Os machos, pola contra, son os primeiros en explorar. Poden asentarse durante unha longa tempada pero se non teñen un ambiente social, o seu ciclo biolóxico levaraos a emprender a viaxe de volta para reproducirse, segundo apunta o membro da Fundación Oso Pardo.

Manter a precaución

Malia que as noticias son tan boas como as expectativas, Rivas pide seguir mantendo a garda. Tal e como explica, a poboación da cordilleira cantábrica estase estabilizando pero segue a ser unha especie protexida e en perigo. Ademais, conforme se vaia expandindo, haberá que prestar atención aos posibles conflitos que poida causar na súa convivencia co ser humano. “Sobre todo, supoñen unha ameaza para as abellas e poden provocar danos puntuais no gando”, apunta o experto, dando conta de que especies como o lobo adoitan xerar máis polémica mediática. “De momento é unha especie con boa prensa pero estase expandindo”, advirte Rivas.

Os Ancares é a zona de Galicia que ten unha presenza máis regular e constante da especie

As boas perspectivas da poboación de oso pardo na cordilleira cantábrica están en risco. O cambio climático está poñendo en xaque a toda a biodiversidade, e estes grandes carnívoros non son unha excepción. “As previsións apuntan a un cambio nos recursos para a especie. De feito, en pouco tempo xa se aprecian patróns cambiantes de dispoñibilidade trófica de certos alimentos importantes para o oso, como son os arandos”, sostén Rivas. Ao parecer, na última década as colleitas son máis irregulares e menos predicibles. De igual modo, acontece con outras especies vexetais, que non producen froitos todos os anos e poñen en risco os animais cos que comparten hábitat.

O veciño de Vilarello que avistou o oso pardo nos Ancares levaba anos desexando avistar un exemplar, dado que todas as persoas da contorna aseguraban ter visto un. Estaba dando un paseo pola mañá e arredor das 12 horas tropezou cun oso pardo. Iso si, a unha certa distancia de seguridade que lle permitiu gravalo, observalo con calma e manterse a salvo. Este exemplar era, segundo Rivas, un explorador que estaba a inspeccionar o territorio e quen sabe canto tempo pasará na zona galega dos Ancares. Para que a súa presenza sexa aínda máis estable e continua deben cruzar as femias. Tempo ao tempo e, sobre todo, paciencia. O seu avistamento xa é, sexa por azar ou causalidade, unha noticia esperanzadora.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cinco novos parques eólicos ameazan a Ribeira Sacra: especies e patrimono, en perigo

Aves vulnerables como a tartaraña cincenta ou o milano real quedarían desprotexidas na Reserva da Biosfera Serras do Oribio e Courel

As feridas dun verán de incendios, a vista de satélite

Miles de hectáreas arrasadas en Galicia nos dous últimos meses, co Courel, Valdeorras e o Invernadeiro como grandes afectados

Así se ven as cicatrices que deixan os incendios do Courel, Valdeorras e o Invernadeiro

Máis de dez días despois, a situación comeza a mellorar. Segundo...

Os 8 lugares para desfrutar da neve en Galicia (e doutras cousas máis)

Grazas á súa altitude, estes enclaves galegos permiten pasar unha xornada entre folerpas e descubrir a biodiversidade e patrimonio cultural que ofertan