Venres 19 Abril 2024

As aves rapaces alertan da perda de biodiversidade na provincia de Ourense

Nas zonas interiores de Galicia, sobre todo en Lugo e Ourense, consérvase unha importante riqueza ecolóxica, sobre todo no eido forestal. A provincia ourensá foi o campo de actuación para un traballo desenvolvido por investigadores do Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC, no que se alerta dunha preocupante perda de biodiversidade en base ás evidencias aportadas polos cambios poboacionais das aves rapaces, asociadas a perda do seu hábitat.

A investigación, titulada Unravelling the response of diurnal raptors to land-use change in a highly dynamic landscape in Northwestern Spain: an approach based on satellite earth observation data“, e publicada no European Journal of Wildlife Research, evidencia o retroceso de especies ameazadas e hábitats prioritarios europeos debido aos cambios nos usos do solo provocados pola actividade humana no lapso de tempo no que se realizou o estudo, entre o ano 2000 e o 2014.

Publicidade

Os biólogos empregaron as aves rapaces dado o seu papel como “especies paraugas”, é dicir, especies bioindicadoras que alertan sobre cambios medioambientais nos ecosistemas. É por iso que o seu seguimento e a súa protección resulta de moito interese para preservar a biodiversidade global.

Luís Tapia e Alberto Gil, parte do equipo do estudo, realizando traballos de censo.
Luís Tapia e Alberto Gil, parte do equipo do estudo, realizando traballos de censo.

O traballo, asinado por Luís Tapia, Adrián Regos, Alberto Gil e Jesús Domínguez, detectou, entre outros feitos, a perda de máis 80.000 hectáreas de superficie de mato, principalmente uceiras montanas, só na provincia de Ourense. Citan nomeadamente, entre outras causas, aos incendios, ao abandono do rural e, en xeral, á unha política forestal “agresiva” que “non favorece a conservación dos hábitats e especies ameazadas”.

As matogueiras cumpren importantes papeis ecolóxicos nos ecosistemas montanos galegos, tales como a acumulación de carbono orgánico e a mitigación, polo tanto, do cambio climático global, proporcionar recursos para a gandería extensiva, conservación da paisaxe e a conectividade ecolóxica, favorecer a presenza de abellas e a produción de mel.

Ante este escenario, viuse afectada de forma significativa a presenza dalgunhas especies de rapaces de hábitats abertos, como a Tartaraña cincenta (Circus pygargus), xa que no último decenio, a poboación desta especie caeu en máis dun 50%. “Cos datos na man, pasaría a ser unha especie en perigo de extinción, segundo os criterios oficiais”, sinala o biólogo Luís Tapia.

Vista do LIC de Pena Trevinca, no concello da Veiga, co macizo central ao fondo. É unha das zonas onde aínda conserva un bo grado de conservación. Foto cedida por Luís Tapia.
Vista do LIC de Pena Trevinca, no concello da Veiga, co macizo central ao fondo. É unha das zonas onde aínda conserva un bo grado de conservación. Foto cedida por Luís Tapia.

Para levar a cabo a investigación, os autores realizaron un intenso seguimento das poboacións de aves rapaces reproductoras na provincia de Ourense, co obxetivo de analizar os seus cambios poboacionais e vinculalos mediante técnicas de modelización ecolóxica a os cambios nos usos do solo. O traballo pon de manifesto que o uso combinado de imaxes satélite e datos de mostraxes de biodiversidade obtidos “in situ”, resultan ser métodos fiables e rendibles para o seguimento de hábitats e especies en paisaxes moi dinámicos.

“A paisaxe estase estragando”

“Non hai que facer máis que cumprir a lei“, explica Luís Tapia. “A normativa europea para a conservación da biodiversidade incide na necesidade de protexer as especies ameazadas e defender os hábitats prioritarios. E é algo que en Galicia en moitas ocasións non se fai“. Por este motivo, recomendan nas conclusións do seu traballo que se os plans de manexo e ordenación forestal, sexan incluídos explícitamente nos plans de conservación dos hábitats e especies ameazadas. Ademais, remarcan o desenvolvemento de políticas públicas e privadas que sexan quen de aproveitar os fondos europeos, como os FEDER e FEADER, para unha protección efectiva destes ecosistemas protexidos e ameazados.

A paisaxe estase estragando“, afirma Tapia. “Isto non só afecta á conservación da natureza, senón tamén a outros sectores coma o turismo; non podemos vender unha Galicia cunha natureza privilexiada e despois non facer nada. A calidade esixe calidade, e temos que ter unha paisaxe e unha conservación da biodiversidade á altura”, conclúe o biólogo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico Adrián Regos, galardoado pola súa traxectoria en ecoloxía do lume

Recibe o premio na categoría Carreira Temperá na décima edición do Congreso Internacional de Ecoloxía e Xestión do Lume

Así afecta o eucalipto á biodiversidade na illa de Tambo

Un estudo coordinado por Adega demostra que as áreas de maior riqueza natural son nas que hai unha menor presenza de 'Eucalyptus globulus'

Un biológo galego gaña un premio internacional pola súa tese sobre a fauna do Sáhara e Sahel

André Vicente Liz estudou máis de 100 especies de vertebrados para desenvolver estratexias de conservación da biodiversidade

Criaturas fantásticas e onde atopalas: así son as lesmas de mar en Galicia

Un grupo de científicos galegos vén de publicar un libro que analiza 120 nudibranquios tras 10 anos de investigación