Os coalas son un símbolo nacional de Australia. Pero un símbolo cercado polas ameazas. Os incendios —sobre todo as ondas destrutivas dos últimos anos—, os longos períodos de secas e as enfermidades poñen en xaque a supervivencia desta especie. De feito, e segundo recollen no portal ScienceAlert, ao longo das últimas dúas décadas experimentouse un forte descenso da súa poboación. Por este motivo, o goberno australiano acaba de declarar os coalas en perigo de extinción en varias zonas da costa oriental do país: Nova Gales do Sur, o Territorio da Capital Australiana e Queensland.
A situación dos coalas leva décadas sendo preocupante e, de feito, hai dez anos que xa se declarara especie “vulnerable”, tamén na costa leste, onde habitan principalmente este animais. A ministra de Medio Ambiente, Sussan Ley, asegurou que dar este paso, o de incluílos na lista de animais en perigo de extinción, é unha maneira de ofrecerlles máis protección. Por outra banda, asociacións ecoloxistas están a favor da decisión, pero reclaman leis máis estritas e incentivos aos propietarios das terras, co obxectivo de que se protexan mellor os bosques onde viven os coalas.
⚠️ BREAKING: The Australian Government has uplisted koalas on the east coast from Vulnerable to Endangered.
This is a bittersweet outcome, but a critical step towards reversing the decline of koala populations. #KoalasForever
(Short thread)👇 pic.twitter.com/Dvy7EN68Xc
— WWF_Australia (@WWF_Australia) February 10, 2022
Descenso rápido da poboación
Dende organización WWF australiana, o conservacionista Stuart Blanch apuntou: “Pasaron de estar na lista de vulnerables ao perigo de extinción nunha década. Esa é unha diminución sorprendentemente rápida”. De feito, e aínda que é complicado dar cifras concluíntes ao respecto, o Comité Científico de Especies Ameazadas de Australia estima que o número de coalas pasou de 185.000 en 2001 a 92.000 en 2021. Unha redución considerable e preocupante, á vista das últimas decisións.
Aínda que as ameazas que están a sufrir os coalas son moitas, os devastadores incendios dos veráns recentes mermaron considerablemente a súa poboación. Pero máis alá diso, o cambio climático está complicando a supervivencia da especie, con longos períodos de secas e aparición de enfermidades que comprometen a estes marsupiais. Os ataques doutros animais e as limpezas das terras complican aínda máis o escenario. O mesmo que obrigou a dar a voz de alarma a decretar a especie en perigo de extinción en Australia.