Venres 19 Abril 2024

Augusto Pérez Alberti: “Ao Courel hai que sacalo do seu letargo”

Augusto Pérez Alberti (Tortosa, 1947), catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, leva moitos anos percorrendo Galicia a pé para estudala. E sente especial agarimo pola Serra do Courel, “unha paisaxe espectacular, cunha riqueza inmensa”, sinala o xeógrafo, quen denuncia, ao tempo, o esmorecemento da comarca, cada vez con menos poboación e “esquecida” polas Administracións.

Vista xeral do mapa xemorfolóxico de O Courel. Imaxe cedida por Augusto Pérez Alberti.
Vista xeral do mapa xemorfolóxico de O Courel. Imaxe cedida por Augusto Pérez Alberti.

Pérez Alberti acaba de finalizar un libro dirixido a todos os públicos no que debulla o mapa xeomorfolóxico da Serra. Case que metro a metro, explícase como se chegou a formar a paisaxe da que podemos gozar hoxe en día ao percorrer O Courel. Devesas, antigos glaciares, pregamentos de centos de millóns de anos e un patrimonio cultural que agora opta a converterse en Xeoparque Mundial da Unesco. Precisamente estes días, Folgoso, capital do municipio, acolle unhas xornadas sobre o glaciarismo que reunirán a expertos na materia.

Publicidade

Que ten de peculiar O Courel no territorio de Galicia?

– Desde o punto de vista xeomorfolóxico, destaca por varias cousas. Por unha banda, pola presenza de rochas calcarias, que son moi raras en Galicia e que favorecen a xénese de formas moi variadas tanto en superficie como debaixo dela. En superficie óllanse lapiaces, dolinas ou corredores alongados. En profundidade hai covas, como a da Buraca das Choias, que están achegando información moi valiosa.

Están tamén os antigos glaciares de épocas máis frías, e que deixaron tamén unha pegada que aínda hoxe se ve na paisaxe, con circos, morenas ou amplos anfiteatros e formas de orixe periglaciar, que favoreceron a aparicion de xoias como os bloques dos Carballoes, que forman un auténtico río de pedras enriba de Vilarbacú.

E hai que ter en conta que a situación xeográfica da serra é clave, na zona de contacto entre as rexións eurosiberiana e a mediterránea. Isto xerou paisaxes vexetais espectaculares, cunha riqueza botánica enorme: as devesas, por exemplo, son unha marabilla case única.

E aquí hai tamén unhas interaccións moi interesantes entre a acción dos cursos de auga, os sistemas de fallas e fracturas e a estrutura do terreo, que fan posible a presenza de lugares de gran interese.

Vista do rego de bloques de Carballoes desde a aldea de Vilarbacú. Imaxe: Augusto Pérez Alberti.
Vista do rego de bloques de Carballoes desde a aldea de Vilarbacú. Imaxe: Augusto Pérez Alberti.

– Como xorde a idea do mapa?

– É un traballo de moitos anos, desde que comecei a vir aquí habitualmente, nos anos 80. Foise facendo aos poucos, e cando bota a andar o proxecto do Xeoparque Montañas do Courel, participei nun informe que se presentou á Unesco. Así que aproveitei e compilei toda a información.

O mapa fíxose con moita resolución, cun píxel de dous metros no terreo; é dicir, case metro a metro. Despois ampliámolo a cinco para a publicación, porque senón había tantos cambios na topografía que se xeraba moito ‘ruído’. Pero con todo, é un traballo de moito detalle, posiblemente o máis detallado que se fixo ata agora non só no Courel, senón en toda Galicia.

Ademais non se inclúe só a xeomorfoloxía, tamén quixemos poñer toda a toponimia que existe na serra: os regos, os regatos, os lugares…

– Por moito que se camiñe, sempre aparece algo novo, non?

– Sempre aparecen cousas novas, e moi curiosas. Por exemplo, a ladeira de bloques dos Carballoes, que é unha das mellores mostras de regos de bloques periglaciares que hai no noroeste da Peníncula Ibérica, comparable ao Pedregal de Irimia. Pero hai lugares moi fermosos e moi interesantes, que mudan de aspecto en cada estación. No outono, O Courel é unha sinfonía de cores; no inverno, coa neve e a auga correndo, a paisaxe é outra; na primavera aparecen as especies que estiveron máis agochadas e todo cobra vida… hai unha riqueza inmensa.

E iso está en todos os sentidos: o propio olor do aire é especial, ver as fontes, como corre a auga… é unha paisaxe incrible.

Morrenas da Lucenza. Imaxe: Augusto Pérez Alberti.
Morrenas da Lucenza. Imaxe: Augusto Pérez Alberti.

– Que se pode conseguir de ser un Xeoparque Mundial?

– Para comezar, sería un bo xeito de intentar recuperar a zona, que ten un problema serio de envellecemento, despoboamento e abandono. Poñería O Courel no foco internacional, a xente viría aquí para ver por que é tan importante a zona desde o punto de vista xeolóxico e
xeomorfolóxico, mais tamén etnográfico, arqueolóxico ou paisaxístico.

“O Courel, igual que Ancares e Trevinca, debía ser un parque natural desde hai xa moito tempo”

O positivo é que sería un tipo de turismo enfocado cara a ecoloxía, de xente que ama a natureza e a ciencia, e que ten conciencia medioambiental.

É incrible que O Courel, como os Ancares ou a parte galega de Trevinca, non teñan aínda o recoñecemento que se merecen. Debían ser un parque natural desde hai xa moito tempo.

Sostén que hai moito que mellorar no Courel.

–  Ao Courel hai que sacalo do letargo que sofre. A poboación esmorece, o mosaico agrario que modelou a paisaxe durante séculos está desaparecendo. O Courel é o que é grazas aos homes e ás mulleres que alí viviron, e así ten que seguir sendo. E achegar á xente os valores xemorfolóxicos que ten a serra é tamén importante para coidalo e defendelo.

Isto ten que partir das Administracións. Hai xente facendo un traballo incrible, como Orlando Álvarez, que leva anos loitando polo Courel, sen apenas apoio de ninguén, e que me axudou moito na elaboración do mapa, pero unha soa persoa non pode conseguilo. A xente nova marcha, os vellos van morrendo, e ninguén se preocupa pola solución, porque son moi poucos votos para o esforzo que se precisa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204