Martes 19 Marzo 2024

Asteroide Bennu: a NASA recollerá hoxe mostras a 334 millóns de km da Terra

A misión Osiris-Rex afronta esta madrugada o momento decisivo para poder traer de volta os restos nunha viaxe que durará tres anos

A exploración espacial vivirá nas vindeiras horas un novo fito: despois dunha viaxe que durará en total sete anos, a nave Osiris-Rex da NASA recollerá mostras do asteroide Bennu, un corpo do tamaño do Empire State Building, a máis de 330 millóns de quilómetros de nós (2,2 veces a distancia entre o Sol e o noso planeta) e, posteriormente, vainas transportar de volta ata a Terra. É a primeira vez que a NASA desenvolve este tipo de operacións, que só intentou antes a Axencia Espacial Xaponesa (JAXA), e que precisamente en poucas semanas, a finais de 2020, pasará por preto da Terra para deixar caer unha cápsula con mostras do asteroide Ryugu tomadas en febreiro de 2019 pola Hayabusa2.

Está previsto que a operación, que poderá seguirse en directo a través das redes sociais, teña o seu momento culminante a partir da 1 da madrugada do martes ao mércores. As manobras levarán a nave ata o sitio denominado Nightingale (Reiseñor), unha área rochosa de 16 metros de diámetro no hemisferio norte do asteroide Bennu, onde o brazo robótico da nave tentará tomar unha mostra.

Publicidade

A área de Nightingale foi seleccionada como sitio de mostraxe principal da misión porque contén a maior cantidade de materia de gran fino sen obstrucións, o que facilita as manobras. Porén, a rexión está rodeada de rochas do tamaño de edificios. Durante o evento de mostraxe, a nave, do tamaño dunha camioneta grande, tentará aterrar nunha área do tamaño dunhas poucas prazas de aparcamento e a só uns pasos de distancia dalgunhas destas rochas xigantes.

Nun vídeo difundido en español, a enxeñeira e xerente de operacións de misión de OSIRIS- REx, Nayi Castro, e o astroquímico José Aponte, do Centro de Voo Espacial Goddard da NASA, explican o procedemento da toma de mostras.

Durante as catro horas e media que durará a manobra, a nave realizará tres movementos distintos para alcanzar a superficie do asteroide Bennu. A secuencia de descenso iniciarase con OSIRIS-Rex disparando os seus propulsores para unha manobra de saída da órbita de seguridade a uns 770 metros da superficie de Bennu. Tras un descenso dunhas catro horas, a nave realizará a manobra “checkpoint” (ou punto de control) a unha altitude aproximada de 125 metros. A queima de propulsores axustará a posición e velocidade de OSIRIS- Rex para o seu descenso abrupto cara á superficie.

Aproximadamente 11 minutos máis tarde, a nave realizará a queima do “matchpoint” (ou punto de encontro) a unha altitude aproximada de 54 metros, retardando o seu descenso e apuntando a unha traxectoria que coincida coa rotación do asteroide ao momento do contacto. A nave descenderá entón á superficie, aterrará por menos de dezaseis segundos e disparará unha das súas tres botellas de nitróxeno presurizado. O gas axitará e levantará o material da superficie de Bennu, que será atrapado na cabeza colectora da nave. Tras este breve contacto, a OSIRIS-Rex disparará os seus propulsores para afastarse da superficie de Bennu e situarse a unha distancia segura do asteroide.

A distancia coa operación, a 334 millóns de quilómetros, provocará que os sinais tarden en chegar á Terra 18 minutos e medio, o que dificulta a supervisión en directo das actividades durante o procedemento. Debido a isto, a nave foi deseñada para realizar toda a secuencia de recollida de mostras de forma autónoma.

A nave empezará a compilar imaxes de navegación uns 90 minutos despois da saída da órbita, ao comezar a achegarse á superficie. A continuación, comparará esas imaxes en tempo real cun catálogo a bordo, utilizando marcadores naturais da superficie para asegurarse de que está no curso correcto cara ao seu obxectivo. Conforme a nave se vaia achegando á superficie do asteroide Bennu, OSIRIS-Rex actualizará as manobras de punto de control e punto de encontro baseadas nas estimacións da súa posición e velocidade e, no caso de observar variacións fóra dos límites predefinidos, abortará a misión.

Para asegurar que a nave espacial se pouse nunha área segura e evite as rexións escarpadas, o sistema de navegación está equipado cun mapa de risco da área Nightingale, que delimita as áreas de mostraxe das potencialmente daniñas para a nave espacial. Se o sistema de navegación detecta que está en curso cara a unha destas zonas perigosas, a nave automaticamente reconfigurará o seu movemento, o que a manterá nun tránsito seguro e permitirá un intento posterior de recollida de mostras nunha data futura.

A medida que a nave realice cada evento da secuencia de toma de mostras, enviará actualizacións de telemetría ao equipo OSIRIS-Rex na Terra, a unha velocidade de datos extremadamente lenta. O equipo supervisará a telemetría durante a súa excursión e poderá confirmar se a nave aterrou con éxito sobre a superficie de Bennu. As imaxes e outros datos científicos recompilados durante o evento serán enviados logo de que a nave se afaste do asteroide e poida apuntar a súa antena máis grande cara á Terra para transmitir a velocidades de comunicación máis altas.

O asteroide Bennu

OSIRIS- REx recollerá arredor de 60 gramos do material rochoso de Bennu para traer á Terra. Será o maior retorno de mostras do espazo desde o programa Apolo, e desenvolvéronse dous métodos para verificar que a toma de mostras tivo lugar de forma efectiva. O 22 de outubro, a cámara SamCam de OSIRIS-Rex tomará imaxes da cabeza do mecanismo de mostraxe para verificar que conteña material da superficie de Bennu. Ademais, a nave realizará unha manobra de xiro o 24 de outubro para determinar a masa do material colleitado. Se estas medicións indican unha operación exitosa, tomarase a decisión de colocar a mostra na cápsula de retorno de mostras (SRC polas súas siglas en inglés) para a súa devolución á Terra. En caso contrario, a nave leva a bordo cargas de nitróxeno para dous intentos máis. A nave ten programado deixar a órbita de Bennu en 2021 e devolver a mostra á Terra, se todo vai ben, o 24 de setembro de 2023.

Desde que o asteroide Bennu foi descuberto en 199, os científicos centraron o seu interese nel polas súas peculiares características. Está clasificado como un asteroide de tipo B, o que supón que posúe unha gran cantidade de carbono, e reflicte só un 4% da luz que recibe, o que o converte nun corpo moi escuro.

Estímase que non sufriu grandes perturbacións nos últimos miles de millóns de anos, e crese, de feito, que se formou nos 10 primeiros millóns de anos de existencia do Sistema Solar. Por isto, agárdase que na súa composición poidan agocharse detalles moi relevantes para coñecer a formación do Sistema Solar e, en última instancia, no desenvolvemento da vida na Terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Envía o teu nome a Xúpiter nunha misión espacial da NASA

Dende a axencia lanzarán unha botella que leva tamén un poema da escritora estadounidense Ada Limón

O galego aos mandos da dinámica orbital da NASA: “O espazo parecíame ciencia ficción”

Andrés Dono entrou na administración espacial americana con 24 anos para facer unhas prácticas. Unha década despois lidera o equipo que deseña a traxectoria dos satélites

Descubertos seis exoplanetas que ‘bailan’ de forma sincronizada arredor da súa estrela

Os planetas posúen unha configuración que apenas cambiou desde hai máis de mil millóns de anos

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente