Venres 19 Abril 2024

O arroaz boto que morreu afogado cos raxos dun polbo

Non é a primeira vez que unha comida se acaba convertendo nunha trampa mortal. De feito, pásalle a moitas persoas todos os días. Máis de 2.000 persoas faleceron en España en 2017 por atragoarse con algún elemento mentres inxerían alimentos, segundo o INE. É dicir, cada catro horas morreu unha persoa nestas circunstancias. Pero na natureza é menos habitual atoparse con este tipo de sucesos. E aínda menos frecuente é que quede testemuña gráfica dos feitos. Isto foi o que lle aconteceu a este arroaz boto (Grampus griseus) cando quixo devorar a un polbo común (Octopus vulgaris). A vítima acabou sendo o verdugo.

O polbo que matou ao arroaz boto cando ía ser devorado medía máis dun metro e pesaba tres quilos e medio

Aconteceu en decembro de 2017 nas augas próximas ao Monte Louro, na costa de Muros. “En principio parecía un varamento máis”, explica Alfredo López, da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma). O arroaz boto parecía aínda fresco e en bo estado, polo que a morte tivera que producirse pouco tempo antes. E ao achegarse ao arroaz boto xa viron asomar os raxos dun polbo; un detalle que chamou á atención de quen se achegou a recoller o animal, aínda que os cefalópodos son unha parte esencial da dieta destes animais, era estraño que a morte chegara no medio da comida.

Publicidade

A necropsia que se lle realizou ao arroaz boto confirmou o que xa se sospeitaba. “Fomos abrindo pouco a pouco e vimos que a cabeza do polbo estaba no estómago e a cabeza dos tentáculos saía pola boca”, explica López. Era un polbo dun tamaño considerable, de máis un metro de lonxitude e duns tres quilos e medio de peso.

“Desmontoulle a larinxe”

O do arroaz boto foi, por tanto, un episodio de morte accidental, ao atragoarse coa comida. “Desmontoulle a larinxe e o animal xa non puido respirar, así que morreu asfixiado”.

O responsable da Cemma sinala que, aínda que existe algún antecedente documentado deste tipo de incidentes, é moi difícil atoparse con un: “Son casos moi raros“. Debido ao pouco frecuente destes sucesos, esta actuación da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños presentouse como unha das comunicacións do congreso da Sociedad Española de Cetáceos, celebrado hai uns días en Bilbao. Foi, en palabras da propia Cemma “un dos casos máis curiosos que tivemos atendido no último ano”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As candorcas volven a Galicia e non se sabe o porqué: “Deberían chegar a finais do verán”

Os expertos detectan un cambio no comportamento destes cetáceos, que en primavera adoitan concentrarse no Estreito de Xibraltar
00:00:22

Ibai, Luceira e Lula: as tres tartarugas que vararan en Galicia volven ao mar

Despois de pasar por un centro de recuperación e expulsar todos os plásticos do tracto dixestivo poden regresar ao océano

“As toxicidades atraídas polos ‘pellets’ son unha ameaza para os animais mariños”

Dende a Cemma apuntan que o máis preocupante é o risco de afección que sofren os mamíferos acuáticos
00:00:25

Un lobo mariño na Coruña: "A chegada dunha femia adulta ás costas é inusual"

A Cemma segue a ruta deste exemplar dende o 30 de decembro, cando foi avistada en Burela