Venres 29 Marzo 2024

Un animal microscópico do Ártico volve reproducirse tras 24.000 anos conxelado

A revista "Current Biology" publica unha investigación que describe como un rotífero recuperou a vida no laboratorio tras ser desconxelado do permafrost

“O noso traballo é a proba máis robusta a día de hoxe de que os animais multicelulares poderían soportar decenas de miles de anos en criptobiose, un estado no que o metabolismo se detén case completamente”. Son palabras de Stas Malavin, científico do Instituto de Problemas Físico-Químicos e Biolóxicos da Academia de Ciencias de Rusia, e un dos autores principais dun traballo fascinante recollido pola revista Current Biology. Este equipo conseguiu ‘revivir’ un rotífero bdeloideo, un tipo de animal multicelular de tamaño microscópico, despois de desconxelalo dun fragmento de permafrost do Ártico no que permanecera durante os últimos 24.000 anos.

Os rotíferos, que reciben este nome polo anel ou coroa en forma de roda dentada que utilizan como aparello chuchador, adoitan vivir en auga doce e están adaptados para resistir a condicións extremas, do mesmo xeito ca outros animais microscópicos tamén moi resistentes, como os tardígrados.

Publicidade

Para esta investigación, os científicos realizaron varias perforacións a tres metros de profundidade no río Alazeya, en Siberia, das que illaron os animais e, posteriormente, dataron con radiocarbono a antigüidade das mostras. Cando foron desconxelalos no laboratorio, observaron, como se pode ver baixo estas liñas, que o animal puido reproducirse mediante partenoxénese, un proceso de reprodución clonal. Sabíase que estes animais desenvolveran a capacidade da criptobiose, xa que adoitan vivir en hábitats acuáticos que pasan moito tempo conxelados ou secos, pero non se constatara a súa capacidade para conservarse durante tanto tempo.

Segundo os resultados que obtiveron, o equipo de investigadores constatou que estes seres son capaces de resistir a formación de cristais de xeo que sucede cando a conxelación é lenta. Ademais, os datos suxiren que posúen algún tipo de mecanismo que protexe as súas células e órganos a temperaturas extremadamente baixas. “A conclusión é que un organismo multicelular pode conxelarse e almacenarse como tal durante miles de anos e logo volver á vida, un soño de moitos escritores de ficción”, explica Stas Malavin.

Investigacións anteriores xa observaran a capacidade de rexenerarse tras o paso de miles de anos en musgos, algunhas plantas e un verme nematodo de 30.000 anos, mais non con rotíferos. Este filo animal engádese á lista de seres vivos capaces de superar condicións extremas durante decenas de miles de anos.

“Canto máis complexo é o organismo, máis complicado é conservalo vivo conxelado e, para os mamíferos, actualmente non é posible. Con todo, pasar dun organismo unicelular a un organismo con intestino e cerebro, aínda que microscópico, é un gran paso adiante”, engade Malavin.

Sobre a posibilidade de que seres máis complexos poidan soportar estas condicións, os científicos aínda non teñen claro o que se necesita para sobrevivir no xeo, e se habería moita diferenza entre conservar o corpo uns poucos anos ou miles. Aínda así, a súa intención consiste en continuar co estudo de mostras do Ártico en busca doutros organismos capaces de desenvolver a criptobiose a longo prazo.

O seu obxectivo é, en última instancia, afondar no coñecemento dos mecanismos biolóxicos que permiten que os rotíferos sobrevivan. A esperanza, explican, é que os coñecementos destes pequenos animais ofrezan pistas sobre os camiños a explorar para crioconservar diversos tipos de células, tecidos e órganos doutros animais, incluídos os humanos.


Referencia: A living bdelloid rotifer from 24,000-year-old Arctic permafrost (Publicado en Current Biology).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os osos polares, en risco de morrer de fame polo desxeo do Ártico

Un estudo demostra que as estratexias alimenticias destes animais para sobrevivir nunha contorna de terra non evitan que perdan peso

O Ártico quedará sen xeo mariño en verán a partir de 2030

Un equipo internacional estima que desaparecerá de forma temporal a finais da época estival unha década antes do previsto

As vacinas de ARN mensaxeiro contra a covid non perden eficacia ao conxelarse

O novo achado permitiría ampliar a capacidade para inmunizar á poboación naqueles países cunha infraestrutura médica precaria

Unha onda de frío polar ameaza con levar a Galicia a mínimos históricos

En zonas do norte, as temperaturas do sábado situaranse entre as máis baixas na época dende 1979