Venres 29 Marzo 2024

Abaten a tiros en Oleiros unha aguia protexida

A Sociedade Galega de Ornitoloxía denuncia o suceso, que tivo lugar esta fin de semana preto da área protexida da Costa de Dexo

Un exemplar de aguia calzada (Hieraaetus pennatus) tivo que ser sacrificada este domingo no Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe de Santa Cruz (Oleiros) debido ás lesións causadas por disparos de arma de fogo, segundo denuncia a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO). Un veciño que camiñaba pola zona de Subiña, na parroquia de Dexo, deu conta do achado da ave, nun lugar moi preto do Monumento Natural Costa de Dexo, área protexida incluída ademais na Rede Natura 2000 a nivel europeo, e nas proximidades de vivendas unifamiliares.

Segundo informan desde a SGO, o suceso puido ter lugar o pasado venres 6, día hábil para a caza, xa que o animal presentaba evidencias de levar tempo ferida polo ataque. O lugar no que foi atopada está en terreos pertencentes ao TECOR As Gabeiras. Despois do aviso, a aguia foi recollida por axentes de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e trasladada ao centro de recuperación, no que finalmente se lle tivo que aplicar a eutanasia.

Ante os feitos acaecidos, a Sociedade Galega de Ornitoloxía solicitou a apertura dunha investigación por parte do SEPRONA e da Xunta de Galicia para dar co autor do suposto delito. Do mesmo xeito, “agarda contar coa colaboración do TECOR “Sociedade de Caza as Gabeiras”, como responsable da correcta execución das actividades cinexéticas que nel se levan a cabo segundo a Lei de Caza de Galicia, así como a condena deste feitos por parte da Federación Galega de Caza”. Fontes da SGO subliñan que “todos os anos é habitual que aparezan aves e outros animais abatidos por disparos, aínda que é certo que a concienciación entre o sector da caza é cada vez maior”.

Segundo a normativa vixente, a aguia calzada, como o resto de aves de rapina, está protexida pola lexislación, sendo unha especie en réxime de protección especial pola lexislación estatal, e a nivel europeo está incluída entre as especies que requiren de conservación especiais segundo a Directiva Aves. Do mesmo xeito, a lei contempla que dar morte a especies protexidas pode dar lugar a multas de 3.000 a 200.000 euros e unha condena de ata tres anos de cárcere, ademais da retirada da licencia de caza.

Publicidade

A aguia calzada é unha ave rapaz pouco común na provincia coruñesa, de presenza estival e que pasa o inverno na África subsahariana. A especie ten na contorna de A Coruña unha das súas escasas áreas de invernada no norte da península Ibérica, polo que o exemplar abatido en Oleiros sería un dos poucos exemplares que pasan o inverno en territorio galego.

3 COMENTÁRIOS

  1. Vina sobrevoando A Coruña o día 9 ao medio día, mesmo lle tirei unha foto, atravesando a ría e a cidade. Supoño que sería a mesma pois non hai tantas. Por se serve para afinar a investigación e dar co delincuente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Restos de baleas atopados en Galicia corroboran a extinción de dúas especies do Atlántico

Unha investigación arqueolóxica reuniu mostras do 3500 a.C. ata o século XVIII no maior estudo de Europa sobre estes cetáceos

É a caza unha medida eficaz para controlar as poboacións de xabarís? Isto opinan os expertos

Algunhas voces apuntan que nunha emerxencia cinexética as batidas favorecen a reprodución do porco bravo

A Xunta permitirá cazar o xabaril “sen límite” en 248 concellos

A medida, que afecta a 37 comarcas e abrangue o 80,7% da superficie galega, entrará en vigor este sábado e manterase ata o 25 de febreiro de 2024

A agricultura intensiva é a causa principal do descenso de paxaros en Europa

Investigadores do CSIC participan nun estudo que revela que as poboacións de aves caeron de media un 25% nos últimos 40 anos