Venres 29 Marzo 2024

Por que os adolescentes ignoran a voz das súas nais?

A partir dos 12 anos hai un cambio no desenvolvemento neurolóxico do individuo e as voces maternas teñen menos impacto que as non familiares

Unha nova investigación sobre o cerebro dos adolescentes revelou que a reacción que se ten ante certas voces cambia de forma natural a medida que pasa o tempo. O estudo saíu publicado na revista Journal of Neurocience e detectou, ao escanear o interior da cabeza dos nenos menores de 12 anos, unha resposta neuronal explosiva á voz da nai, activando os centros de recompensa e os centros de procesamento das emocións no cerebro.

Porén, cando o neno pasa dos 12 anos, prodúcese nel un cambio no que a voz da nai deixa de xerar a mesma reacción neurolóxica. Deste modo, a voz da nosa nai durante a adolescencia perde valor, ata o punto que os fillos desconectan inconscientemente cando escoitan o seu falar. Os cambios son tan evidentes que os investigadores adiviñaron a idade dun neno baseándose únicamente en como lle respondía o seu cerebro á voz da súa nai.

Publicidade

Máis receptivos ás voces alleas

Esta reacción á voz materna é illada, xa que comprobaron que o cerebro dun adolescente, independentemente do seu sexo, é especialmente receptivo ás voces alleas, en xeral. “Así como un bebé sabe sintonizar a voz da súa nai, un adolescente sabe sintonizar voces novas”, explica o psiquiatra Daniel Abrams, da Universidade de Stanford. “Como adolescente, non sabes que te estás a comportar deste modo. Simplemente estás sendo ti mesmo: tes amigos novos, compañeiros e queres pasar tempo con eles. A túa mente é cada vez máis sensible e vese atraída por estas voces descoñecidas”, engade.

Os investigadores sospeitan que esta desconexión trátase dun sinal de que o cerebro do adolescente está desenvolvendo habilidades sociais, polo que este proceso inconsciente trátase dunha parte do proceso de maduración do seu miolo.

Deixar de escoitar a teus pais, un acto de rebeldía inconsciente

O cerebro dun neno está en total sintonía coa voz de seus pais. Varias investigacións demostraron que para os nenos pequenos, a voz da súa nai xoga un papel moi importante na súa saúde e desenvolvemento, afectando así aos seus niveis de estres, vínculos sociais, habilidades, alimentación e ao seu proceso de fala.

Porén, chega un momento dado no que deixar de escoitar a túa nai e escoitar a outras persoas é máis vantaxoso. “Cando un adolescente parece rebelarse por non escoitar os seus pais, é porque están programados para prestar máis atención fóra da casa”, asegura o neurocientífico Vinod Menon, tamén da Universidade de Stanford.

Estes estudos baseáronse nos resultados do fMRI, exame polo cal se crean imaxes do cerebro mediante campos magnéticos fortes, para observar a súa actividade en función da cantidade de sangue que circule polas súas partes. Estes, foron publicados polo equipo investigador en 2016.

Segundo a investigación, chega un momento en que escoitar a outras persoas é máis vantaxoso

Nestes estudos atoparon que a voz das nais de nenos menores de 12 anos activaba selectivamente os seus circuítos cerebrais. En cambio, cando ampliaron o estudo a 22 adolescentes de entre 13 e 16,5 anos, comprobaron que a voz das súas proxenitoras non tiña o mesmo impacto que as demais voces que podían escoitar ao seu redor, que neste caso activaban os circuítos neuronais asociados co procesamento auditivo. O cerebro dos adolescentes, deste modo, deixaba de escoitar a voz materna pero seguía procesando a voz doutras persoas, seleccionando información destacada e formando recordos sociais.

No estudo presentaron unha gravación da voz da nai que dicía tres palabras sen sentido. Logo, fixeron o mesmo coa voz dun estraño, que repetía as mesmas palabras. Deste modo comprobaron que, ante a voz da nai, os escáneres cerebrais dos participantes mostraron menos activación nos centros de recompensa do cerebro. O mesmo sucedeu coa cortiza prefrontal ventromedial, parte do cerebro que axuda a determinar que información social é máis valiosa para o individuo.

Os nenos con autismo mostraban unha resposta menos forte á voz da nai

A través destes achados, os investigadores esperaban ver como os circuitos cerebrais diferían entre persoas con afeccións neurolóxicas. Por exemplo, entre os nenos máis pequenos, atoparon que aqueles con autismo mostraban unha resposta menos forte á voz da súa nai. Deste modo, conseguiron máis información sobre os mecanismos neurobiolóxicos subxacentes, que poden axudar a comprender como se produce o desenvolvemento social.

Maior sensibilidade á novidade

Os resultados do estudo actual foron os primeiros en determinar que cando envellecemos, a nosa audición se centra menos na figura materna e máis en persoas descoñecidas. Esta idea está apoiada por outros estudos condutuais e neurais, que tamén indicaron que os centros de recompensa no cerebro adolescente están marcados por unha maior sensibilidade á novidade, en xeral.

Estes cambios poderían ser parte clave dun desenvolvemento social saudable, permitindo así aos adolescentes comprender mellor a perspectiva social e as intencións dos demais. “Un neno vólvese independente nalgún momento, e iso ten que ser propiciado por un sinal biolóxico subxacente”, explica Menon. “Iso é o que descubrimos, que é un sinal que axuda ao adolescente a relacionarse co mundo e formar conexións que lle permitan ser socialmente hábil fóra das súas familias.


Referencia: A neurodevelopmental shift in reward circuitry from mother’s to nonfamilial voices in adolescence (Publicado en Journal of Neuroscience)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así ‘falaba’ Nesiamón, unha momia exipcia de 3.000 anos

Por agora, os mortos non falan, pero a ciencia xa está...

A voz delátanos ante a persoa que nos gusta

A atracción sexual deixa evidencias na voz. Así o demostra un...

Tendo boa voz, quen precisa grandes testículos?

Os monos ouveadores de América confirman un principio de Darwin e que non se pode ter todo na vida

Enxeñeiras de Vigo estudan un sistema para detectar a depresión pola voz

O Grupo de Tecnoloxías Multimedia cre que a nova tecnoloxía podería tamén detectar párkinson e alzhéimer