Sábado 20 Abril 2024

A Academia Galega de Ciencias entrega os seus premios de Transferencia de Tecnoloxía

O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou hoxe que “hai que producir ciencia de calidade, pero tamén poñer en marcha procesos que transfiran os seus resultados á empresa”. Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada esta tarde en Santiago, Ríos destacou que o desenvolvemento económico e o benestar social de Galicia dependen da capacidade das empresas para xerar riqueza e que a innovación baseada no coñecemento –e, polo tanto, na investigación– é a única fórmula para competir no mercado global.

Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa terceira edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta.

Publicidade

A responsable de HG Beyond recibe o seu premio.
A responsable de HG Beyond recibe o seu premio.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, ratificou ao longo da súa intervención a aposta da Xunta por un modelo de investigación aberto e colaborativo para poder seguir avanzando na transferencia da tecnoloxía, co obxectivo de que a ciencia se traslade á sociedade en forma de novos produtos e servizos. Para iso, destacou a importancia de que o traballo científico que se desenvolve nos laboratorios sexa de interese para as empresas. Así, indicou que estes premios “son un modo de difundir este labor e o alcance da colaboración público-privada no eido da ciencia e da innovación”.

Conde destacou que, froito desta cooperación, están en marcha en Galicia 30 Unidades Mixtas de Investigación que a Xunta apoia e que dan emprego a 450 profesionais de alta cualificación, á vez que puxo en valor os programas encamiñados á retención do talento, que levan permitido a contratación de 300 investigadores e tecnólogos en Galicia e a creación ou mantemento de 430 postos de traballo cualificados.

Hiram Varela gañou polo seu proxecto para aproveitar o sangue dos matadoiros

Ademais, subliñou que 10 proxectos de investigación ao ano se beneficiarán das axudas do programa Ignicia, dotado con 7 millóns de euros para apoiar o acceso ao mercado de 30 iniciativas ata 2020.

Asistiron tamén á entrega o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; o vicerreitor de Política Científica da Universidade da Coruña, Salvador Naya; a directora do Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, África González; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o xerente da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), Luis León; a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López; e o director xeral de Ordenación Forestal da Xunta, Tomás Fernández-Couto.

Premio grupos de investigación
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC, no Campus Terra de Lugo, en colaboración co enxeñeiro de industrias alimentarias Hiram Varela. O obxecto principal do proxecto é a posta en valor do sangue procedente dos matadoiros a través da súa transformación en fariña de alta calidade. Isto supón eliminar o problema económico, medioambiental e mesmo de saúde pública que pode supoñer o tratamento do sangue como residuo, mediante a súa valorización nun produto de alto valor engadido, a fariña, que oscila no mercado entre os 600 e os 1.000 euros por tonelada.

Hiram Varela destacou que a convocatoria destes premios “é unha iniciativa que contribúe de forma rotunda ao fomento da actividade investigadora e o seu proceso de transmisión á industria”. Neste sentido, o seu colega da USC neste proxecto, José Manuel Magide, explicou que destinarán a dotación económica do galardón a construír un prototipo, que non só lles permitirá progresar na investigación, senón “lograr unha maior visibilidade de cara ás empresas ás que pretendemos chegar”. Segundo explicaron, a curto prazo pretenden formular fertilizantes e a medio prazo estenderán as aplicacións a piensos para acuicultura e alimentación de mascotas. No seu camiño ao mercado, obtiveron xa tres patentes, negocian con dúas empresas e proxectan constituír unha spin-off.

Premio grandes empresas
O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recaeu en BorgWarner Emissions Systems Spain. A colaboración co Grupo de Tecnoloxía Enerxética (GTE) da Universidade de Vigo permitiulle á filial española da multinacional, situada en Vigo, desenvolver unha ferramenta innovadora para o deseño e validación dos sistemas anticontaminación en motores de combustión interna de vehículos que implantará en todas as fábricas que ten repartidas polo mundo. O premio para a empresa ten carácter honorífico, mentres que o grupo de investigación percibirá 6.000 euros netos polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.

Hiram Varela.
Hiram Varela.

A responsable do grupo GTE, Concepción Paz, destacou que a estreita colaboración entre a universidade e a empresa supón para esta última o desenvolvemento de coñecementos e innovacións “que a poden situar en posición de vantaxe competitiva fronte á competencia”. Para os investigadores, supón coñecer de primeira man as necesidades da industria, “o que ten impacto directo no labor docente porque permite orientalo á formación de profesionais ben adecuados ao perfil demandado polo mercado laboral”.

Pola súa banda, a responsable de I+D da empresa, Sonia Civeira, destacou que “a relación entre a Universidade de Vigo e BorgWarner xa vén de lonxe, máis de 10 anos, e hoxe, como resultado deste traballo conxunto, prémiase un proxecto que serve de base para o desenvolvemento de solucións máis avanzadas e eficientes no eido da redución de emisións contaminantes de vehículos”.

Premio pemes
Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspondeulle a HGBeyond Materials Science. Esta spin-off nacida na Universidade de Santiago de Compostela en 2015 baixo o nome Lentimed, desenvolveu, en colaboración co Grupo I+D Farma da USC, hidroxeles para a liberación de substancias activas no organismo. O seu primeiro desenvolvemento é unha lente de contacto capaz de liberar fármacos e outras substancias activas na superficie ocular.

Logo de recoller o premio, a cofundadora e directora científica da empresa, Carmen Álvarez-Lorenzo, destacou que “iniciativas como a convocatoria destes premios constitúen un estímulo moi importante para que a innovación guíe o desenvolvemento socioeconómico de Galicia”. Ademais, agradeceu o soporte da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, “que nos acompaña desde o principio nesta aventura”, e a contribución da Fundación Marcelino Botín a través do Programa MindTheGap.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

A Academia Galega de Ciencias celebra o ingreso de tres novos académicos correspondentes

Francisco Marcellán, Jorge Martínez e Juan Ramón Sanmartín manifestaron o seu compromiso coa evolución da ciencia en Galicia

A Academia de Ciencias premia a investigación de “alto nivel” producida en Galicia

Os galardóns foron para Diego Peña e Marcos Fernández, máis dúas mencións honoríficas a Luis Carral e Sergio Vila

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática