Sábado 20 Abril 2024

A Limia asfíxiase coa instalación de 42 pozos para regadíos: “Non hai auga, os ríos están secos”

Tres sociedades científicas presentaron alegacións contra o proxecto por poñer en risco a biodiversidade e o patrimonio natural

O Ministerio puxo en marcha na comarca da Limia un proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío de 42 pozos. O obxectivo do plan é “modernizar” os actuais sistemas de rega a través da captación de auga subterránea no marco dun acordo asinado coa Xunta de Galicia. Agora, a obra está recibindo alegacións por parte de tres sociedades científicas. O argumento que esgrimen é a falta de auga na Limia, unha zona que resiste dende hai dúas décadas á intensificación agrícola e cuxo drama ecolóxico evidénciase nos ríos secos, polos que se pode camiñar. Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGNH), expón que o 4% da Limia ten figuras europeas, estatais e galegas de protección ambiental. E xusto aí se concentra a terceira parte de todos os pozos de bombeo que captarán augas subterráneas.

Este proxecto arrancou en 2013 cando a Xunta de Galicia presentou os estudos de impacto ambiental sobre os regadíos de maneira fragmentada. O ano pasado firmou co Ministerio un proxecto no que quedou por escrito que o Goberno galego se encargaba de facer os pozos; da rede de regadío e das balsas de acumulación facíase cargo o Ministerio, que someteu a estudo de impacto ambiental o proxecto de maneira conxunta. Agora, a Sociedade Española de Ornitoloxía (SEO/BirdLife), a Sociedade Galega de Ornitoloxía e a SGHN presentaron alegacións a este proxecto polos “graves impactos que poderían causar en espazos e especies protexidas”.

Publicidade

Os pozos, cuxa construción depende da Xunta, xa están feitos. “Cando se fixo o primeiro plan de regadío en 2003, apenas dez anos despois, as obras non funcionaban. Tiveron que conectar as dúas balsas de auga e facer pozos novos, pero a auga non chega. Están a coller auga superficial”, explica González, que tamén é biólogo no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). “Está claro que as concesións de auga que se deron son demasiado elevadas para a disponibilidade de auga. Non hai auga, os ríos están secos”. A zona de actuación cubriría unha superficie de case 4.859 hectáreas. Segundo informa a SGHN, as balsas terían unha capacidade de almacenamento de 76.000 m3, unha cantidade que supera o volume da capacidade de abastecemento de auga potable da cidade de Ourense, que alcanza os 69.000 m3 ao día.

Os pozos de bombeo poderán coller auga de ata 30 metros de profundidade. As motobombas diésel e tuberías de aluminio serán substituídas por “modernas redes” de rega presurizadas, alimentadas por captacións de augas subterráneas e telecontrol. O Ministerio informou que as infraestruturas permitirán mellorar a eficiencia no transporte de auga bombeada dende as captacións ata as parcelas, o que suporá un aforro do “20% dos recursos”. Esta obra, que custa 36 millóns de euros, suporá a construción de camiños, edificios de control e a instalación de liñas eléctricas para poder electrificar todo o sistema de rega.

A intensificación agrícola na Limia non deixa de crecer

A comarca da Limia é a principal produtora de pataca do país e sementa tamén cereal e cebola. A intensificación agrícola dos últimos anos non deixa de crecer. A Limia podería compararse coa situación de Doñana, un dos espazos protexidos máis importantes do territorio andaluz e que está sendo ameazada pola ampliación dos regadíos. Neste espazo, os invernadoiros de froitos vermellos en Doñana (de 54.252 ha) pasaron de 2.162 ha. a 3.542 en só 10 anos. A chaira da Limia ten unha superficie aproximada de 30.000 hectáreas. Os últimos datos coñecidos sobre a superficie de pataca sementada ascenden a 3.500 ha., máis de 10.000 ha. de cereal e iniciáronse plantacións de cebola en 60 ha., como mínimo. 

O Río Limia seco. Foto: SGHN

As sociedades apuntaron que aínda que o proxecto foi modificado para sacar as balsas de rega da superficie ZEPA (Zona de especial protección para as aves) e usar enerxías renovables, “a transformación e intensificación do uso das terras seguirá xerando impactos significativos sobre os valores do espazo, que xa está nun estado pouco favorable”. Os agricultores, pola súa banda, agardaban que este proxecto se fixese efectivo para continuar coas actividades que lles permitisen “reducir” o consumo de auga.

Impacto ambiental

A Limia é o paraíso das aves por excelencia en Galicia. As sociedades científicas afean que no plan de regadíos non se contemple máis orzamento para a posta en marcha de medidas “compensatorias” que amortezan os “graves impactos que sufrirá o territorio”. A zona afectada por estas obras foi designada como Área Importante para a Conservación das Aves e a Biodiversidade (IBA). Destacan o siso común (Tetrax tetrax), unha especie en perigo de extinción, ou a tartaraña cincenta (Circus pygargus), considerada “vulnerable” e incluída nos Catálogos Español e Galegos de Especies Ameazadas. Nesta liña, as sociedades insisten nos riscos que correrían a avefría europea (Vanellus vanellus), o pernileiro correbois (Burhinus oedicnemus), a caladriña común (Melanocorypha calandra) , a cotovía (Lullula arborea), a papuxa rabilonga  (Sylviidae) e o picanzo vermello (Lanius collurio).

O pernileiro correbois. Foto: SGHN

Por outra banda, A Limia alberga tamén unha flora única. Acolle as mellores poboacións a nivel mundial do cardiño da lagoa (Eryngium viviparum), incluída no Libro Vermello da Flora Vascular Ameazada de España, publicado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico coa categoría de “En perigo”. É unha especie exclusiva do noroeste de Francia, norte de Portugal e noroeste de España, co 98% de presenza en Galicia e case 95% na Limia, informa a SGHN. Ademais, a sociedade sinala que a construción das balsas de regulación suporía a “destrución directa de arboredo autóctono maduro”.

Recurrir a Europa

O propio proxecto, explica o biólogo Serafín González, recoñece que se en lugar de utilizar a rega por aspersión se obtase polo goteo, o aforro de auga sería do 40%. Por iso, unhas das críticas das sociedades é que se aposte por un modelo “obsoleto”. Solicitan ao Ministerio de Agricultura que se denegue a autorización do proxecto pola falta de avaliación de repercusións e impactos sobre espazos protexidos da Rede Natura 2000; a afección directa a aspecies ameazadas e protexidas; a “deficiente” avaliación do impacto ambiental na ‘Área de Allariz’ na Reserva da Biosfera; as “considerables deficiencias” na calidade do documento de avaliación ambiental; e a “posible vulneración da normativa europea” polos criterios que esixe o Mecanismo de Recuperación e Resilencia da Unión Europea.

O proxecto está cofinanciado polos fondos Next Generation e a SGHN apunta que recurrirán a Europa para expoñer como vai impactar este plan de regadíos na biodiversidade galega, xa que as condicións para a financiación están suxeitas a cumprir o criterio DNGH (Do not significant harm, que significa ‘non causar dano significativo’), que esixe que os investimentos non poden xerar impactos no medioabiente. “Non se cumpre neste caso aínda que poida argumentarse a mellora na xestión da auga”, declaran as sociedades nun comunidado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

De beber? Auga, pero que sexa reciclada, por favor

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de Quizais aínda non o saiba pero, do mesmo...

Unha nova metodoloxía de alta resolución cuantifica os micro e nanoplásticos na auga

A técnica identifica partículas plásticas extremadamente pequenas e os aditivos químicos que se liberan dentro das botellas

Como levamos o cumprimento do ODS6: Auga Limpa e Saneamento?

Os períodos de seca máis prolongados debido ao cambio climático aumentaron as dificultades para acceder á auga nalgúns países