Un aspecto da portada da web da cartografía literaria de Compostela.

Un aspecto da portada da web da cartografía literaria de Compostela.

Nace unha web sobre a cartografía literaria de Compostela

O portal permite viaxar polo tempo e o espazo para descubrir Santiago a través das obras literarias que a retrataron

Baixo o título ‘ Compostela Xeoliteraria’ acaba de publicarse un web dedicado a divulgar os resultados dun ambicioso proxecto que ten como obxectivo a análise da conformación de Santiago de Compostela como cidade literaria e no que participan investigadores das universidades de Santiago, Cáceres e Huelva, especialistas en estudos literarios e xeografía. O contacto entre estas áreas de estudo ofrece un terreo de investigación e interpretación cun forte desenvolvemento internacional nos últimos anos, especialmente mercé ás novas ferramentas cartográficas e infográficas. É o caso das coñecidas como “humanidades espaciais”.

Geoguia

Con esta finalidade, o grupo de investigación, dirixido polo catedrático da USC Fernando Cabo Aseguinolaza, definiu nunha primeira aproximación, aínda parcial, un corpus limitado de textos publicados entre 1842 e 1926. Na súa maioría, estes textos adscríbense ao xénero da estudantina. “ Trátase dun conxunto de textos acoutado e ben definido que comparte a visión de Santiago como cidade estudantil descrita desde a experiencia dos estudantes universitarios de finais do XIX e principios do século XX”, explica o profesor Cabo.

Neste marco temporal desenvólvese unha produción literaria relevante, na que aparecen nomes como o de Antonio Neira de Mosquera, que inaugura a representación literaria contemporánea de Compostela, Manuel Murguía, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Juan Armada y Figueroa, Ramón del Valle-Inclán, Alejandro Pérez Lugín ou Prudencio Canitrot. Trátase dun corpus complexo e desigual desde o punto de vista canónico, ideolóxico e estético, “pero con coincidencias moi significativas na formulación dun espazo literario de gran densidade”, matiza Cabo.

O proxecto establece na interdiscursividade unha das súas énfases fundamentais, e por iso atende a outras tradicións textuais e artísticas como as guías turísticas, o gravado ou a fotografía, sen as que apenas pode entenderse o discurso topográfico literario sobre Compostela.

Ao tempo, o proxecto ten unha vontade teórico-metodolóxica centrada nas modalidades da representación espacial e na análise de paradigmas retóricos como a topografía. Un dos eixos da investigación incide no uso de cartografías literarias, a partir das posibilidades abertas polos SIG (Sistemas de Información Xeográfica). Os mapas permiten visualizar a dimensión espacial do corpus: mapas de puntos e rutas, de recorrencia, mapas dinámicos, mapas que marcan a diferenza entre lugares de acción e de proxección, entre lugares proxectantes e proxectados.

Para a divulgación dos resultados da investigación optouse por un soporte interactivo (Story Map), que facilita a expresión e comprensión dun imaxinario xeoliterario limitado, pero moi significativo, que abre a vía para novas achegas no futuro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.