Colexio San Pedro Apóstolo, en Madrid.

Colexio San Pedro Apóstolo, en Madrid.

Unha empresa ourensá deseña o colexio máis ‘intelixente’ de España

A compañía Conexiona Telecom, instalada no Tecnópole, automatiza por completo un centro de Madrid por 2,5 millóns

A empresa galega Conexiona, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole (Ourense), vén de finalizar con éxito a instalación e subministración do primeiro colexio de España totalmente domotizado ou, como se denomina a este proceso en edificios grandes, inmotizado. O Colexio San Pedro Apóstolo de Madrid é xa o centro escolar máis eficiente e intelixente de España grazas á automatización de todas as súas instalacións, desde a iluminación até a climatización, pasando polas piscinas, as caldeiras, as augas residuais, o equipamento das cociñas e os sistemas de incendios, seguridade e videovixilancia.

Un técnico de Conexiona proba o equipo do colexio.

Un técnico de Conexiona proba o equipo do colexio.

Conexiona realizou este proxecto mediante a implantación do seu sistema iPlace, desenvolvido integramente nas súas instalacións da Tecnópole para automatizar e monitorizar permanentemente e en tempo real todos os dispositivos eléctricos e electrónicos en construccións de calquera dimensión, desde vivendas unifamiliares ata inmobles de gran tamaño, como é o caso do centro escolar madrileño, pioneiro en España nesta iniciativa.

“Ademais de permitir un elevadísimo grao de eficiencia enerxética, comprobamos no colexio que o sistema facilita enormemente os labores de mantemento ao estar todos os dispositivos monitorizados de xeito continuado, o que supón un aforro moi considerable”, explica José Antonio Losas, director de Tecnoloxías da Información da empresa.

O colexio, que comezou a funcionar a finais de 2014, investiu máis de 2,5 millóns de euros neste sistema, coa expectativa de amortizalos en pouco tempo cos diversos aforros que se derivan da súa posta en marcha.

O centro está situado en Barajas, onde as temperaturas baixo cero do inverno contrastan co intenso calor do verán, facendo necesaria a incorporación de sistemas de climatización moi eficientes. iPlace permite controlar e regular a temperatura en cada estancia de xeito independente. Segundo o enxeñeiro implicado no proxecto David Olmeda, “ter o control de todas as instalacións está a implicar un aforro do 30% dos custos enerxéticos do colexio e unha perfecta integración dos sistemas”, ao que o director do centro, Jorge Javier Flores, engade que o proxecto “permitiu aumentar os niveis de confort dos nosos alumnos”. O alumeado foi integrado tamén no sistema, o que permite programar horarios de autoacendido e autoapagado, tanto en zonas individuais como colectivas, co conseguinte aforro de custos.

Os equipos permiten aforrar un 30 por cento de enerxía no colexio

Á marxe da eficiencia enerxética, integrouse no sistema o control de accesos, tan sensible en instalacións escolares. Coa incorporación do video-porteiro en iPlace, todo o personal do edificio pode operar a porta, mediante a interface web ou a aplicación móbil, accesible tanto desde iOS como Android. Tamén se controla o acceso mediante dispositivos de radiofrecuencia para aumentar a seguridade.

O sistema ocúpase tamén da xestión da piscina e das augas residuais, todo desde a mesma plataforma que as utilidades relativas á enerxía e ao control de accesos, o que simplifica os procesos e permite activar un plan de mantenemento preventivo, supoñendo un aforro de custos a maiores.

Conexiona continúa así a súa liña de deseño e desenvolvemento de solucións TIC para a automatización de procesos. O ano pasado lanzaban iPetrol, o primeiro software de xestión integral remota para estacións de servizo, xa implantado en 55 gasolineiras a nivel nacional e con dous proxectos piloto no mercado internacional.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.