O equipo da UVigo Motorsport xunto co seu bólido.

O equipo da UVigo Motorsport xunto co seu bólido.

Unha avaría de motor castiga ao bólido da UVigo

O monopraza non puido correr en Silverstone, pero o responsable técnico do proxecto foi elixido 'o líder máis valioso'

O equipo de UVigo Motorsport volveu este luns a Vigo cun sabor agridoce na mochila, pois pese a cumprir o soño de viaxar a Silverstone, finalmente non puideron ‘rematar a xogada’ conducindo o monopraza polas pistas dun dos máis prestixiosos circuítos a nivel mundial. Un fallo no motor impediulles facelo, pero o que si puideron foi participar nas probas estáticas, “nas que acadamos un resultado máis que meritorio para ser a primeira vez que participabamos”, subliñou nada máis chegar a Vigo Gonzalo Ferreiro, responsable de Marketing e Competición do equipo. Regresaron tamén cun premio debaixo do brazo, outorgado a Marcos Fernández Canda, Technical Leader e Responsable Transmisión e Propulsión, que foi elixido o líder máis valioso de todos cantos participaron na competición, “un recoñecemento co que non contabamos nin de lonxe e que nos deixa un excelente sabor de boca”.

Marcos Fernández (esq.), o premiado, xunto ao xefe de comunicación, Gonzalo Ferreiro (der.)

Marcos Fernández (esq.), o premiado, xunto ao xefe de comunicación, Gonzalo Ferreiro (der.)

Pese ao desgusto por non poder chegar a correr, volven de Silverstone “encantados” pola excelente acollida que tiveron, xa que “absolutamente todas as universidades pasaron polo noso box para ver o coche e darnos os parabéns”, subliñou Josúe Nanín, responsable de Electrónica, Programación e Electricidade, que explica que o deseño e acabado do monopraza gustou moito e que tamén os felicitaron por algunhas das ideas máis innovadoras “como o uso dunha pantalla táctil no volante e tamén polo baixo peso do monopraza, algo bastante difícil de conseguir”.

Agora o principal obxectivo é solucionar o fallo no motor, algo que, “xa na casa”, pensan poder lograr sen maiores problemas e acudir así ao circuíto alemán de Hockenheimring, do 28 de xullo ao 2 de agosto, e, xa a finais dese mes, viaxar a Montmeló. “Foi un fallo co que non contabamos e que non soubemos arranxar a tempo para poder correr, nin nós nin outros equipos que tamén estaban a participar e empregaban o mesmo motor”, explicou Ferreiro.

O equipo quedou no posto 72 de entre 90 equipos de todo o mundo

Formula Student é unha competición de deseño e construción dun coche de carreiras de monoprazas que celebra probas en varios países arredor do mundo. O obxectivo é simular o funcionamento dunha empresa real, na que os estudantes exercen de enxeñeiros e teñen que valerse por eles mesmos para deseñar e construír o prototipo, que debe cumprir esixentes características de condución na aceleración, freado e estabilidade, mantendo un custe razoable. Os equipos deben demostrar tanto os seus coñecementos de enxeñaría como as súas capacidades de xestión, presentando un plan de márketing e unha planificación económica. Este é o escenario no que se move a escudaría UVigo Motorsport, que para estrearse elixiu participar nestas tres probas, converténdose no único equipo español de Formula Student que competirá en tres carreiras.

Arranxos finais para preparar o coche en Silverstone.

Arranxos finais para preparar o coche en Silverstone.

En total participaron 90 equipos de todo o mundo e Vigo tivo a oportunidade de relacionarse con grupos de institucións tan prestixiosas como as universidades de Cambridge, Manchester, Aston, Birmingham ou o Imperial College London. Finalmente, quedaron no posto 72, algo “que non está nada mal, se temos en conta que é a primeira vez que participamos”.

O equipo manexou neste proxecto un orzamento de 60.000 euros, dos que 28.000 corresponden ao custe real de monopraza, “o resto é para desprazamentos do vehículo e do equipo para as probas”, destaca Ferreiro. Fronte a eles, equipos xa expertos con orzamentos de 1.200.000 euros e coches de medio millón. Asumen que as competicións son duras, “xa sabiamos que ía ser así, pero o certo é que ata que o vives non sabes ata que punto hai dificultades”.

Dado que Formula Student non é unha competición de velocidade, o xurado valora tanto probas estáticas, como o plan de viabilidade, dinámicas nas que se examinan a aceleración, o sprint, a estabilidade ou a seguridade. “En todas acadamos puntuacións bastante satisfactorias para ser o primeiro ano, a pena foi que non puidemos chegar a correr”, engadiu Ferreiro.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.