gasolineras edit

Aplicación móbil de iPetrol.

Unha app para xestionar gasolineiras

A galega Conexiona lanza iPetrol, o primeiro software de xestión integral remota para estacións de servizo

A empresa galega Conexiona, con sede no Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, vén de lanzar ao mercado o primeiro software de xestión integral remota para estacións de servizo. iPetrol será presentado oficialmente esta semana na feira Motortec, en Madrid, aínda que xa está implantado en 50 gasolineiras de toda España e está preparando o seu desembarco no mercado internacional.

O software foi desenvolvido integramente na Tecnópole e, grazas a un acordo de distribución coa multinacional Lafón España, ten unha previsión de vendas anuais de entre 150 e 200 implantacións. Neste momento, existe unha gasolineira en Outeiro de Rei (Lugo) que se está xestionando a través de iPetrol, ás que se suman outras en Estremadura, Madrid e Cataluña.

O sistema funciona en 50 gasolineiras e prepara a saída ó mercado internacional

A aplicación deseñada por Conexiona é a primeira do mercado que permite unha xestión integral. “Existen outras solucións de xestión pero todas son parciais, para determinadas utilidades, a nosa é a primeira que permite o control e monitorización de absolutamente todos os procesos da estación de servizo”, explica José Antonio Losas, director de Tecnoloxías da Información da empresa.

iPetrol pode manexarse a través dunha plataforma web ou dunha aplicación móbil adaptada a todos os sistemas operativos (Android e iOS) e é integrable con calquera sistema de xestión estándar implantado nas gasolineiras. As súas utilidades permiten o control remoto dos prezos nos monolitos, das luces, das portas, da alarma e das cámaras de seguridade. Ademais, envía notificacións inmediatas sobre saltos de alarma, vandalismo, incendios ou fallos en equipos e componentes.

iPetrol manéxase a través dunha plataforma web ou co móbil

A isto súmase a monitorización dos niveis de combustible e de parámetros de análise como os prezos da competencia, a evolución das vendas e gráficas para identificar os combustibles e surtidores máis rendibles. Tamén se integra un sistema de comunicación cos clientes no caso de que a estación de servizo funcione sen persoal, a través dun interfono que opera mediante telefonía por internet.

O sistema permite xestionar en tempo real desde unha soa gasolineira ata unha rede completa. “Nos últimos anos estamos vendo como o modelo de xestión das estacións de servizo está a cambiar e cada vez hai máis que funcionan sen persoal presencial”, indica Losas, en referencia á necesidade detectada pola empresa no mercado para a que deseñaron esta solución.

iPetrol será presentada na feira Motortec Automechanika Madrid, onde terá activada unha demo desde este mércores ata o vindeiro sábado. O obxectivo de participar neste evento é incrementar a visibilidade do produto a nivel internacional, xa que se trata da feira profesional líder para a industria da automoción en España e é visitada por expertos da Península Ibérica, América Latina e Norte de África.

Na edición anterior a feira contou con visitantes de 17 países, dos que o 12% procedían directamente do sector das estacións de servizo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.