Trebello de medición de ondas electromagnéticas empregado polo laboratorio Antelia.

Trebello de medición de ondas electromagnéticas empregado polo laboratorio Antelia.

Medindo a radiación das antenas

O Laboratorio Antelia, da UVigo, convértese nun dos seis centros en Europa acreditados para certificar a radiación electromagnética

A presenza de antenas esperta ás veces a polémica veciñal. E fanse necesarias medicións dos niveis de radiación electromagnética, para comprobar que cumpren coa normativa de protección da saúde. A Universidade de Vigo é pioneira en Europa nestes estudos. En 2014 puxo en marcha o Laboratorio Antelia. Un ano máis tarde, o centro ven de ser certificado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), o que o sitúa como referente internacional neste eido e lles servirá como punta de lanza para a prestación de servizos de alto valor engadido ao sector industrial e a sociedade en xeral.

O catedrático Manuel García Sánchez, director de Antelia.

O catedrático Manuel García Sánchez, director de Antelia.

Creado no seo de AtlantTIC (Centro de investigación en Tecnoloxías de Información e a Comunicación) e dirixido polo catedrático de Teoría da Sinal e das Comunicacións Manuel García Sánchez, unha das actividades máis destacadas do laboratorio é precisamente a comprobación dos niveis de radiación electromagnética na contorna de estacións de telefonía ou instalacións singulares como liñas de alta tensión ou centros de transformación eléctrica.

Con recoñecemento internacional en máis de 60 países, recibir a acreditación ENAC “supón demostrar que a competencia e imparcialidade está á altura das esixencias internacionais”, subliña o director do laboratorio, ao tempo que explica que a acreditación servirá para medir “in situ” a exposición de persoas a campos electromagnéticos ou a capacidade das antenas para captar ondas electromagnéticas. A nivel europeo só hai arredor de media ducia de laboratorios cunha acreditación similar para realizar este tipo de medidas.

“Hoxe é habitual a preocupación polos niveis de radiación electromagnética”

No caso español, en medición de antenas só hai outro laboratorio destas características -situado en Madrid– e en contaminación electromagnética tres ou catro, todos eles na zona de Levante. “Nós somos os primeiros acreditados en Galicia”, aclara o docente, que resalta o feito de que o laboratorio naceu “para facilitar a oferta deste tipo de servizos a entidades e empresas” e, dende entón, realizaron xa arredor dunha ducia de cada unha destas probas.

A maiores destes ensaios ‘in situ’, o centro dispón dunha cámara anecoica, situada na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, para a medida de ganancia e diagrama de radiación de antenas “ensaios de gran valor para o mercado e requisito indispensable para a certificación das súas prestacións”.

“Na actualidade é bastante habitual atopar persoas ou colectivos con preocupacións serias polos niveis de radiación electromagnética, ás veces ata tal extremo de inquedanza que lles chega a afectar á súa vida cotiá”, explica o director de Antelia, ao tempo que fai fincapé en que o principal obxectivo co que este laboratorio se puxo en marcha é proporcionarlle a estas persoas unha medida fiable do campo electromagnético, realizada seguindo unha norma de calidade acreditada.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.