Hai estudos que demostran a relación entre un "gústame" en Facebook e a segregación de oxitocina

Hai estudos que demostran a relación entre un "gústame" en Facebook e a segregación de oxitocina

“Os ‘gústame’ no Facebook segregan oxitocina”

O psicólogo Antonio Rial participa nas charlas de NerdNite en Compostela co tema "Que carallo nos pasa coas redes sociais?"

As redes sociais e o porqué de que nos gusten tanto dá ultimamente tanto para sisudos e preocupantes análises médicos e sociolóxicos como para unha divertida charla de bar. Ferramentas para o marketing, combustible para o ego ou novo mecanismo para as relacións sociais ou persoais, Twitter, Facebook ou Instagram tamén poden debaterse a medio camiño entre os datos empíricos e a conversa distendida. É o que pretende a NerdNite SCQ que o vindeiro 18 de novembro se celebra no restaurante compostelán A Nave de Vidán. É unha iniciativa capitaneada por Jorge Mira, o Catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago e divulgador, que pretende levar a ciencia máis aló das canles habituais. Inicia o encontro Antonio Rial Boubeta, doutor en Psicoloxía social e profesor de Ciencias do Comportamento tamén en Santiago, ademais de coautor dun macroestudo sobre os usos nocivos de Internet realizado entre 44.000 adolescentes galegos o ano pasado. Asegura que non hai que demonizar as redes e si educar no seu uso, e recoñécelle  a estas grandes empresas  a pericia de sacar beneficio das necesidades emocionais dos usuarios.

As redes sociais atenden necesidades emocionais do ser humano

As redes sociais atenden necesidades emocionais do ser humano

 A súa intervención leva o título Que carallo nos pasa coas redes sociais? Que cre que nos pasa?

Pásannos moitas cousas e nelas hai un plano sociolóxico, psicolóxico, individual, relacional, lúdico e económico.  Eu creo que debemos considerar as redes sociais primeiro dende o punto de vista económico. É imposible que non atraian, xa vai haber alguén que se ocupe de que sexan atractivas porque xeran cartos.  Onde está o negocio? Podemos falar do que proporciona á persoa, ás súas relacións persoais, de parella, aos adolescentes, unha análise máis psicolóxica, pero tamén ao lado hai que ter en conta que hai unha dimensión económica. Cando non hai produto o produto es ti. Chegar a comprender por que funcionan como funcionan,  este éxito, implica contemplar distintos planos ao mesmo tempo; hai un plano persoal, social, pero primeiro hai un plano económico.

“Estamos a converternos en bichos raros e hai unha resistencia mínima á hiperestimulación”

É o que menos temos en conta como usuarios?

Penso que si.  Facebook é a 20ª empresa no mundo, por diante da Coca Cola, de Toyota. A primeira é Apple, a terceira Microsoft e a quinta Google. Hai un negocio grande detrás. É interesante porque é unha forma de fidelizar, de crear tribo, dende o punto de vista da psicoloxía de grupos, do marketing. Pasamos do concepto de consumidor ao de prosumidor, o consumidor é ao mesmo tempo un produtor. Vémolo en calquera programa, dende La noche en 24 horas ao Carrusel Deportivo ou Tiempo de Juego. Trátase de que o usuario interactúe, que produza contidos ou teña sensación de que os produce.

E a nós, á nosa cabeza, que lle pasa?

Hai un concepto do que se está poñendo de moda falar, fear of missing out, ou o medo a perdernos algo, a quedarnos fóra. A rede social é inmediata e estamos nunha sociedade na que o queremos todo xa. Hai unha resistencia mínima á hiperestimulación. Hoxe somos incapaces de estar agardando un bus e pasmar dez minutos mirando para os paxaros. Temos unha riqueza estimular espectacular, pero coidado, iso dende o punto de vista clínico, da psicoloxía clínica e da psiquiatría, é unha arma perigosa. Estamos converténdonos en bichos raros. E nos rapaces parte dos problemas de hiperactividade teñen que ver con iso.

Levamos xa anos escoitando que cada vez nos é máis complicado concentrarnos

Cada vez estamos máis hiperestimulados, e cada vez necesitamos máis estimulación cognitiva. Non somos capaces de estar mirando para as musarañas, ou pensando, e ademais é unha estimulación multiformato, auditiva, visual, o que nos dea a gana e a golpe de clic. É un caramelo. Logo está o tema do autoestima, e iso vese claramente no ámbito dos adolescentes. Eu traballo especificamente no tema de Internet, redes sociais e tecnoloxías cos adolescentes. Hai estudos que se extrapolan aos maiores e nalgúns casos as cifras son peores nos adultos que nos rapaces.

Por aquilo de que as redes sociais infantilizan?

Os déficits das persoas son os mesmos. Nun adolescente é moi palpable, está construíndo a súa personalidade e é máis dependente do grupo, pero as necesidades da persoa de sentirse querida, recoñecida, de desenvolver unha boa autoestima son de toda a vida. En determinados momentos, cando as relacións de parella fallan, cando as relacións familiares se quebran ou no traballo aparecen problemas, e máis en contextos de crise económica, todo se cambalea. Onde está nese momento o soporte emocional da persoa? Pois pulula polas redes sociais facilmente. Investigadores rexistraron a actividade nunha zona do cerebro, que e o sistema mesolímbico de recompensa, onde están as pulsións, as motivacións. Cando se recibía un gústame automaticamente os niveis de actividade nesa zona cerebral aumentaban. Mesmo se rexistraron aumentos na segregación da oxitocina, que é a hormona que regula o parto, a fame, a sede ou o pracer sexual.

“O soporte emocional dunha persoa pulula facilmente polas redes sociais”

É dicir, que cre que se valen dos nosos egos.

Son surtidores de gasolina. Estamos ante unha sociedade que naceu para ser hedonista. Un tipo que se vai a Valencia e non sube unha foto dunha paella é que non estivo en Valencia na súa vida. É difícil resistirse a estar, porque che envían a solicitude, creas o perfil e a partir de aí empezas a interactuar, que ten un efecto reforzador en si mesmo. O maior dos castigos é non ter ningún estímulo, ningún contacto. É moi difícil resistirse. Ademais a maneira de compartir xa non é estar ese día nun lugar, senón compartilo nas redes, hai unha prolongación do que é compartir.  O que tes que facer é estar e supervisar, facer un uso consciente, sensato e mesmo planificado. Nós nas redes sociais  proxectamos os nosos desexos, o que queremos ser, como nos gustaría que nos viran, ese “eu” moi guay que non existe.  Estamos nun Gran Hermano invertido, porque aquí es ti que te ensinas, hai un afán de ensinar espectacular.

Onde está o límite entón? Que é o que define un uso insán de internet?

Falamos de uso problemático porque non se pode falar de adicción a internet ou ás redes sociais, non está regulado no manual de desordes mentais (DSM) da Asociación Estadounidense de Psiquiatría.  Non podo pedir unha baixa laboral por adicción a Internet porque non están regulados os criterios, non mo recoñecen. O que nos recomendan é que falemos de uso problemático, aínda que isto canta porque, por exemplo,  o xogo online si está recoñecido. Pero o uso do móbil, Internet e as redes sociais, non. Fálase de nomofobia, ese medo a estar sen o teléfono, danse porcentaxes dos españois que a sofren, pero non existe esa patoloxía. Outra cousa é que alguén detecte logo de cuestionarios onde pode preguntar que supón para el quedarse sen teléfono o nivel de ansiedade que xera esa situación, o nivel de interferencia na súa vida diaria ou as queixas de terceiros, e ditaminar a partir diso que ten todas as características que se lle poden atribuír a unha persoa ludópata.

Antonio Rial recomenda educar nun uso responsable antes que prohibir o ingresodos fillos a unha rede social

Antonio Rial recomenda educar nun uso responsable antes que prohibir o ingresodos fillos a unha rede social

Cales son esas características?

A euforia cando se usa, a perda da noción do tempo e da capacidade de controlar eses actos, deixar de facer cousas que facías antes, trastornos do sono, conflitos, baixo rendemento escolar ou laboral e unha distorsión das relacións sociais. Poderiamos pensar que as redes sociais son xeniais para as persoas tímidas, pero o risco de Internet é que a persoa introvertida centre exclusivamente nesa canle a maneira de relacionarse. E o que xa era sociable está tocando as narices todo o día por todas as canles (ri). Nos usos problemáticos aparece unha perda de interacción e habilidades sociais, falta de empatía ou condutas de acoso.

Coordinou en 2014 unha macroenquisa entre 44.000 adolescentes galegos en colaboración co Valedor do Pobo sobre os usos problemáticos de Internet. Que conclusións saca?

Non creo que se deba demonizar internet. É algo bo, o importante é o uso que se fai e debe educarse. O 90% dos rapaces entre 12 e 17 anos están nalgunha rede social. O meu fillo está en risco? Se non está nas redes, si, de exclusión social. A un rapaz de 15 anos non lle podes prohibir estar nas redes sociais, porque entón estalo convertendo nun coco. É así. O 50% está en 4 ou máis redes sociais, porque é a maneira de relacionarse e de pertencer a un grupo, que che conten e te inviten, se non quedas fóra. E os maiores, dependendo da franxa de idade e do estatus socioeconómico, tamén están. Estamos todos. Un de cada tres adolescente di que ten entre os seus contactos xente á que non coñece de nada. Un de cada nove, ademais, chegou a quedar fisicamente con esa persoa.

Como controlar o que os menores fan na web [Tres de cada cinco fogares contrólano, segundo un estudo da Sociedade da Información de Galicia]? Di que os pais non deben prohibirlle aos rapaces ter contas en redes sociais.

Non, por Deus. E os sistemas de control parental non funcionan. Hai dous tipos fundamentais: uns son os que impiden o acceso. Pero xa accederá, co seu móbil, co do amigo ou no ordenador da biblioteca do instituto. Se quere vai entrar, non se lle poden poñer portas ao campo. E logo está o sistema que informa ao pai. Convérteste nun paranoico que vai estar pendente de ver onde anda, e vas atopar cousas, claro, é un rapaz normal. Que vas facer? Chamalo a capítulo? Entón perdíchelo. Eu son partidario de non usar estas cousas a menos que vexas algo flagrante e moi perigoso. Entón, si, pero en xeral o que hai que facer é acompañar, ensinar, invitalo a que comparta e, se ten problemas, que o diga. Falamos de relacións reais ou irreais pero para os adolescentes hoxe non hai unha barreira. Hai que ensinar a manexar as circunstancias, as relacións, ver o bo e o que non é tan bo. Tampouco o pechas e non lle deixas saír ao botellón; dáslle as ferramentas para que non se meta en moitas leas. A base é a educación.

“A educación sobre Internet ten que estar na axenda diaria dos pais”

Que debe facer a escola?

Hai que tratar isto como unha responsabilidade compartida. Os pais preguntan: “A partir de que idade debo…?” Como que a partir de que idade? A partir de que idade educas? Ten que estar na axenda diaria cando van xurdindo as cousas.  Hai que promover estudos, foros, o desenvolvemento das leis. A nós sáenos que hai un 4% de mozos en Galicia que recoñece que nos últimos doce meses fixo apostas online, cando é ilegal.

É útil decretar espazos libres ou ter momentos de desconexión?

É moi sinxelo, máis do que parece, pero hai que facelo ben. Se un establece certas normas na casa e se preocupa polo tempo de ocio dos seus fillos, xa está. Non pode ser que o ocio se centre soamente en estar cos videoxogos ou nas redes sociais.

Están as novas formas de comunicarse cambiando a maneira de aprender?

Un rapaz que usa Internet é capaz de atopar seis veces máis rápido información que un adulto. O procesamento é diferente, son buscadores de información pero non a elaboran, non queda na memoria a longo prazo nin xera unha aprendizaxe profunda. As novas tecnoloxías dannos unhas posibilidades magníficas pero ben usadas. Os rapaces séguense relacionando igual pero non están na rúa, están na casa, e hai cousas que se din polas redes ou por Whatsapp pero non cara a cara.

Iso pasa tamén nos adultos, non?

Si, pero está claro que provoca unha distorsión. Hai unha perda de capacidade de comunicación e habilidades sociais, e as veces creo que nos volvemos peores persoas se non somos capaces de crear un límite. Pero temos que ter en conta que este é un fenómeno recente que evoluciona de maneira moi vertixinosa. É lóxico que esteamos descolocados. Non hai que flaxelarse tampouco, pero se non somos responsables e maduros pode ter consecuencias negativas. Os tentáculos malos son moitos pero tamén os hai bos. As redes sociais permiten retomar o contacto con outras persoas e son enriquecedoras a moitos niveis. O problema aparece cando os canais anteriores non conviven, senón que se substitúen.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.