Aspecto do UM18. Foto: Duvi.

Aspecto do UM18. Foto: Duvi.

Este é o UM18, o novo monopraza fabricado na UVigo

A escudería composta por alumnos da universidade prepara o vehículo cara o seu estreno, que terá lugar a comezos de xullo en Assen (Holanda)

A pouco menos dun mes do seu debut no circuíto de Assen en Holanda, o UM18 desvelou hoxe o seu aspecto a través dunha serie de imaxes dixitais, feitas públicas por UVigo Motorsport, a escudaría composta por estudantes da Universidade de Vigo que traballa na súa construción. Cun deseño moi similar ao do seu predecesor, o UM17, o novo vehículo mantén o chasis híbrido, o monocasco en fibra de carbono e o subchasis en aceiro tubular, co obxectivo de mellorar a refrixeración do motor, así como o motor Kawasaki Ninja 650cc, ao que se pretende sacar máis partido cun novo sistema de refrixeración e a substitución do cambio electrónico por un pneumático.

“En canto á aerodinámica damos un paso de xigante coa incorporación de aerodinámica activa e unha mellora do conxunto fondo plano-difusor. Todo isto controlado e supervisado de xeito electrónico, grazas ao visionado en tempo real de todas as telemetrías do monopraza”, explica María Couso, responsable do departamento de Organización e Márketing de UVigo Motorsport.

Unha vez rematado o monocasco, o equipo ten por diante a fabricación dos compoñentes aerodinámicos

Rematada a fabricación do monocasco en fibra de carbono, o seguinte paso é darlle o mellor acabo posible e solucionar algúns defectos, para empezar a continuación a montaxe de todos os demais compoñentes, como o motor, a dirección ou a suspensión. “Neste intre atopámonos nunha das etapas máis difíciles no transcurso do proxecto. O único que nos queda por rematar da fabricación do UM18 son os compoñentes aerodinámicos: aleróns, tanto dianteiro como traseiro, pontóns, difusor…que agardamos ter finalizados a mediados deste mes”, sinala Couso, que explica que este ano adiantaron a fabricación das pezas o máximo posible e por iso xa as teñen preparadas para montar no coche en canto o monocasco estea finalizado. A competición de Holanda, Formula Student Netherlands, esixe presentar un vídeo co vehículo en marcha antes do 22 de xuño, aínda que a con posterioridade poderían realizarse pequenas modificacións.

Traballos de fabricación do UM18. Foto: Duvi.

Traballos de fabricación do UM18. Foto: Duvi.

26 estudantes, procedentes das escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación, integran a día de hoxe o equipo UVigo Motorsport que se encarga de todo o proceso de construción do UM18, unha competición que inclúe probas dinámicas, na que o protagonismo é do monopraza, e estáticas, que contemplan a xustificación de custos, deseño e plan de negocios. “Formula Student abrangue moitos máis aspectos que os puramente automobilísticos e por iso unha das iniciativas que empezamos a realizar durante esta temporada foi abarcar máis ámbitos dentro da universidade. Aspectos como a imaxe, a negociación, as finanzas… e por iso buscamos xente, procedente doutras carreiras, que queira formar parte do equipo”, sinala María Couso.

Durante esta temporada o equipo contou co apoio, non só económico, senón tamén material, de recursos e de formación, de máis de 60 empresas e institucións. “Neste aspecto, as verdade é que somos uns privilexiados. Ter a oportunidade de que grandes empresas e institucións se involucren e nos axuden no proxecto para despois representarlles e levar a súa imaxe polo mundo é unha auténtica honra”, considera a responsable do departamento de Organización e Márketing do equipo.

O debut do UM18, en Assen

Na recta final do proxecto, María Couso considera esta “unha das mellores experiencias que viviremos como estudantes e como persoas. Profesionalmente o que aprendes non o aprendes en ningún outro sitio e persoalmente a recompensa é incalculable. Traballar man a man con compañeiros doutras especialidades ou carreiras, con mentalidades e personalidades diferentes, pero sempre dirixidos a un único obxectivo fai que persoalmente sexa moi emocionante cada día”, asegura Couso, que non obvia a dificultade que supón compaxinar estudos, traballo e proxecto. Non obstante, tamén recoñece que “cando podes ver o monopraza rodar no circuíto, o recibir un premio en Montmeló, como o ano pasado, todos os momentos de estrés desaparecen e só gozas das cousas positivas”.

Convencidos de que o UM18 pódelles deparar grandes alegrías “non só para nós, senón tamén para as institucións e empresas ás que representamos e que diariamente están presentes no proxecto”, o equipo da Universidade de Vigo competirá entre os días 9 ao 12 de xullo en Holanda e entre o 21 e o 26 de agosto en Montmeló. 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.