Sábado 20 Abril 2024

A Audiencia de Madrid acusa a Rojadirecta de “competencia parasitaria”

Rojadirecta, o sitio web que permitía ver de xeito gratuíto eventos deportivos emitidos por canles de pago, ten un futuro cada vez máis complicado. Un novo auto da Audiencia Provincial de Madrid vén de desestimar o recurso presentado polos avogados do coruñés Igor Seoane, creador e administrador da páxina, e reafirma as razóns que en novembro de 2015 levaron a que un xulgado da Coruña ordenase o peche cautelar do portal. Neste escrito, contra o que non cabe recurso, a audiencia madrileña cualifica de “espolio” e “competencia parasitaria” o proceder do coñecido sitio web. Son uns termos que anticipan, con moita probabilidade, unha sentencia favorable a Mediapro, que denunciou a Igor Seoane e á entidade xestora do web, Puerto 80 Projects S.L.U.

O logo de rojadirecta.
O logo de rojadirecta.

O escrito, de 41 páxinas, desbarata punto por punto o recurso interposto pola defensa. Nas mencionadas alegacións contra o peche cautelar do web, os avogados de Seoane aludiron á falta de competencia territorial do xulgado madrileño, xa que a empresa Puerto 80 Projects está radicada en Arteixo (A Coruña). Non en tanto, o auto expón que a suposta falta de competencia territorial non é “óbice” para suspender o peche, xa que o dano causado pola web debía ser cesado de xeito urxente.

Publicidade

A defensa de Seoane tamén alegou que os denunciantes afectados, Canal + e Mediapro, aínda non estaban en posesión dos dereitos de emisión da temporada 2015-2016 no momento no que se presentou a demanda. Respecto a Gol TV, tamén sostiñan que a entidade ía desaparecer, e desapareceu, no verán de 2015, polo que non podía considerarse afectada polo dano causado na actual temporada deportiva. Ante isto, o auto explica que a temporada 2014/2015 “se atopaba entonces en pleno desenvolvemento” e “estaba desenvolvéndose a negociación” para o reparto dos dereitos televisivos da presente campaña.

O auto reforza a través de numerosos argumentos o peche cautelar da páxina

Un dos puntos máis contundentes do auto é o que cualifica de “espolio” e “competencia parasitaria” o proceder de Rojadirecta. No seu recurso, a defensa sostiña que o portal web só se limitaba a enlazar contidos e que, polo tanto, descoñecía que ditos enlaces podían atentar contra a propiedade intelectual. Ante isto, o xulgado madrileño apunta que hai indicios claros da vinculación entre Rojadirecta e os webs aos que enlaza, xa que se detallaba de xeito claro e ordenado o contido de cada un destes enlaces.

O documento tamén rebate o recurso no tocante ao perigo da demora procesual, xa que considera que é moito mais grave o dano causado ao titular dos dereitos que o hipotético dano sufrido polo demandado,polo que a medida cautelar é “necesaria, idónea e proporcionada”.

Respecto á situación de Igor Seoane, a defensa consideraba que non houbera actuación fraudulenta por parte do seu cliente e que, de mediar algunha infracción de dereitos, el non sería responsable. O auto afirma que esta discusión non ten relación co peche cautelar do web. E, en todo caso, o xulgado adianta que a posición de Seoane como socio e administrador único de Puerto 80 Projects aportaríalle, sen dúbida, importantes beneficios a través da publicidade. O auto abunda neste punto, calificando a Seoane como “unha sorte de factótum” que tiña o “control absoluto” da páxina e da empresa. O xuiz incluso lanza unha brincadeira sobre a opacidade das contas de Rojadirecta, xa que di que “opera no tráfico mercantil con ánimo de lucro”, aínda que “se coida de non depositar as súas contas anuais”.

Igor Seoane é “unha sorte de factótum” e tiña o “control absoluto” de Rojadirecta

Con este auto, a aventura de Rojadirecta podería estar moi preto do seu fin. Desde 2005 ata 2015, o web resistiu batallas legais fronte ao Goberno de Estados Unidos ou Audiovisual Sport, que no seu momento foi titular dos dereitos de emisión dos partidos da liga española. Agora, están en trámite dous procesos paralelos contra Igor Seoane e Puerto 80 Projects, iniciados por Mediapro e Prisa. Coa venda de Canal + a Telefónica, esta operadora tamén se sumou á causa contra a páxina web. O primeiro dos procesos iniciouse nun xulgado de Madrid, onde denunciaron as empresas. Posteriormente, e ante a reclamación por parte da defensa aludindo á falta de competencia territorial, o procedemento trasladouse a un xulgado da Coruña.

Desde a clausura da páxina, en novembro de 2015, no web de rojadirecta.me só aparece unha breve nota na que se anuncia a súa suspensión “temporalmente” debido a unha orde xudicial. Agora, esta suspensión é xa case definitiva. Tralo peche de Rojadirecta, numerosas páxinas tomaron o relevo e convertéronse en novas referencias da emisión gratuíta de eventos deportivos retransmitidos por canles de pago. Entre eles destacan Live TV, Feed to All, ou Livefootballol.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O 47% dos internautas galegos sufriu problemas de ciberseguridade no último ano

O primeiro estudo de seguridade dixital realizado pola Xunta analiza o coñecemento da sociedade galega acerca deste asunto

O fútbol denuncia á galega Blusens polo seu aparello WebTV

A Entidad de Gestión de Dereitos para os Produtores Audiovisuais (Egeda), presidida polo mandatario do Atlético de Madrid Enrique Cerezo, foi quen presentou a querela

Así funciona WebTv, o aparello que provocou a detención do fundador de Blusens

O dispositivo, que chegou a estar entre os máis vendidos de Amazon, conectaba a televisión a internet para visualizar todo tipo de contidos

Rojadirecta deixa de emitir

A web do galego Igor Seoane cumpre o auto xudicial que decreta o seu peche e suspende a súa actividade