Venres 29 Marzo 2024

Robots para todo e para todos reúnense na Universidade de Vigo

A entrada e os corredores da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo acollen desde hoxe e ata o vindeiro venres unha ampla mostra dalgunhas das variantes máis destacadas da robótica, que van da social e de servizos, á colaborativa, pasando pola móbil, incluíndo, ademais, exemplos de virtualización de procesos industriais. As ‘Jornadas de Automatización Industrial’ (JAI) celebran a súa sétima edición con 35 postos nos que empresas, centros tecnolóxicos e institucións amosan, da man de 700 profesionais, as súas tecnoloxías ao alumnado do campus, que tamén pode participar no programa de relatorios impartidos por responsables de sectores e empresas como o grupo PSA, Repsol, Navantia o HP, que dependen da automatización nos seus procesos produtivos.

Un dos prototipos da empresa Kuka. Imaxe: Duvi.
Un dos prototipos da empresa Kuka. Imaxe: Duvi.

“Estamos ante unha revolución dixital con impacto en todos os eidos. A industria do futuro é dixital e o consumidor tamén será dixital”, asegurou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, na inauguración das JAI 2018, que se desenvolven baixo a coordinación do docente e investigador da EE Industrial José Ignacio Armesto. “Son eles os que inventan a industria 4.0”, asegurou o coordinador das JAI en referencia ás empresas participantes nas xornadas, ao tempo que lembrou que o alumnado, uns 400 estudantes, segundo a previsión, é o destinatario desta iniciativa, coa que se lles pretende achegar ao mundo da industria. “Hai tanta masa crítica que ata as empresas da contorna consideran que isto lles vale como un escaparate e dalgún xeito conseguimos que no noroeste non faga falta ir a Barcelona, Bilbao ou Alemaña, aínda que isto é moito máis humilde, para coñecer o máis básico de cada tecnoloxía”, explicou Armesto.

Publicidade

Unha vintena de robots constitúen un dos piares da sétima edición das JAI, que dá acubillo a representantes dalgunhas das categorías máis representantivas do panorama industrial. No ámbito da robótica colaborativa e de servizos encádranse Nao, mascota oficial das xornadas, desenvolvido por Macco Robotics; o robot doméstico limpacristais HoBot de Smarttek; Pepper, que chega da man de ABanca ou SanBto, o robot humanoide seleccionado pola firma Pabloski como asistente de ventas para as súas tendas. Pola súa banda, a robótica colaborativa conta con media ducia de representantes, que grazas á inclusión de sentidos análogos ao tacto e á vista dos seres humanos, cooperan coas persoas nos seus postos de traballo. IIwa da firma Kuka, o cobot UR10 de Universal Robots, CR de Fanuc Robotics e o robot bibrazo YuMi de ABB, encádranse neste ámbito. No caso das solucións robotizadas móbiles ou intraloxística, nas JAI 2018 expóñense algúns dos robots móbiles da firma ASTI Robotics, MiR e Adept, así como drones desenvolvidos en Galicia, como o drone mariño máis grande de Europa, froito da colaboración entres a Universidade e Industrias Ferri ou o vehículo autónomo prototipo, deseñado polo centro tecnolóxico CTAG en colaboración co grupo PSA. Así mesmo, as xornadas inclúen dous stands dedicados á realidade virtual e aumentada desenvolvida por Siemens e Navantia.

Dron mariño desenvolto por industrias Ferri, coa colaboración da UVigo. Imaxe: Duvi.
Dron mariño desenvolto por industrias Ferri, coa colaboración da UVigo. Imaxe: Duvi.

Na inauguración das xornadas, que se desenvolveu no salón de actos da Escola, o reitor Salustiano Mato incidiu na importancia do “ecosistema de innovación da contorna de Vigo” así como na cooperación intelixente para “construír un futuro mellor”, ao tempo que eloxiou “a porta que as JAI abre á unha maridaxe perfecta entre o alumnado e a empresa”. Pola súa banda, o conselleiro Francisco Conde destacou a magnitude e a velocidade á que se está a desenvolver a revolución dixital que estamos a vivir e na “deben coexistir a tecnoloxía e a sociedade”. O conselleiro de Economía puxo no acento na súa intervención no papel da formación, que considera debe acompañar un proceso no que “moitas categorías laborais desaparecerán e haberá novos empregos. Neste contexto o liderado debe ser da empresa”. Mentres, a delegada do Estado na Zona Franca, Teresa Pedrosa, destacou a importancia da transferencia do coñecemento e neste sentido aseguro que “a Universidade de Vigo soubo entender sempre a relación entre a institución académica e a empresa”.

Fréderic Puech, director do polo ibérico de PSA, destacou na súa intervención que vivimos un tempo de cambio “que algúns chaman a cuarta revolución industrial” e sinalou como un obxectivo prioritario da firma a integración nos procesos de fabricación de novos conceptos e tecnoloxías. “O factor humano está no centro da transformación de futuro. Non se trata de deshumanizar a fábrica, senón da colaboración entre robots e persoas”, asegurou Puech, que destacou o papel que a universidade debe xogar na investigación e formación de profesionais. Pola súa banda, o presidente da Asociación de Industrias Metalúrgicas de Galicia, Asime, incidiu no carácter estratéxico do sector metalúrxico galego, que representa o 20% do PIB da comunidade. “A industria 4.0 é unha obriga, unha esixencia, un deber e non unha opción”, asegurou Julio Gómez, que coincidiu na súa visión co director xeral do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, Luís Moreno, para quen “a automatización industrial é un elemento clave para a mellora dos procesos produtivos”. Mentres, Juan Lloves, presidente do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, avogou pola colaboración institucional, en especial entre a universidade e o clúster ao que representa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro