4.812 persoas cada día. Ese é o límite de visitantes que poderá acoller o Monumento Natural da praia das Catedrais, en Ribadeo (Lugo), un dos maiores atractivos turísticos de Galicia. A Xunta traballa no desenvolvemento do sistema de reservas. A través da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica), informa que a autorización gratuíta para acceder ás Catedrais poderá descargarse o mesmo día da visita mediante teléfono móbil. Dese xeito, e sempre que non estea completo o límite diario, os visitantes que cheguen sen autorización previa poderán conseguila en poucos minutos a través da aplicación web ascatedrais.xunta.es, para o que, se o precisan, contarán con axuda dos guías da Xunta de Galicia.
Deste xeito, calquera persoa que queira acudir a este espazo protexido poderá reservar a súa autorización por Internet cunha antelación máxima de 15 días e ata o mesmo día da visita.
A plataforma dixital habilitada pola Xunta proporciona, ademais, información de interese sobre os horarios das mareas e as horas máis propicias para a visita, así como sobre o número de autorizacións dispoñibles para cada día.
O Plan de Conservación deseñado pola Xunta, e que se porá en marcha a partir do vindeiro 1 de xullo, inclúe medidas de fomento do transporte público e de ordenación do tráfico nos viais de acceso, para contribuír á desconxestión do tráfico na contorna do Monumento Natural. Prevese, así mesmo, facilitar o acceso aos visitantes que pernocten nos establecementos hostaleiros do concello de Ribadeo para contribuír á dinamización turística desta localidade.
Condicións de acceso
De acordo co Plan de Conservación, nos meses de xullo, agosto e setembro, ademais de na Semana Santa, o acceso a este espazo protexido estará regulado cun máximo de 4.812 persoas cada xornada, de acordo coa capacidade de carga establecida polos técnicos. O obxectivo é facer compatible a preservación dos valores ambientais que motivaron a súa declaración como Monumento Natural co uso público do lugar. O plan, segundo a Xunta, segue un procedemento similar ao establecido para acceder ás Illas Cíes, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, onde desde o ano 2011 o acceso máximo é de 2.000 persoas ao día.
Cada persoa poderá reservar un máximo de 30 autorizacións para un mesmo día. Pola súa banda, as axencias de viaxes disporán da posibilidade de reservar autorizacións en maior número, para poder xestionar os grupos con visitas concertadas. Así mesmo, a Xunta distribuirá unha porcentaxe de autorizacións diarias entre os concellos de Ribadeo e o resto da comarca da Mariña lucense, as asociacións de hostaleiros da zona e o Clúster de Turismo de Galicia, co obxectivo de facilitar a súa distribución entre os visitantes.