Venres 29 Marzo 2024

A UVigo anuncia o satélite galego ‘Lume-1’ contra os incendios forestais

A Agrupación Aeroespacial e o grupo CIMA da Universidade de Vigo coordinan o proxecto Fire-RS, WildFire Satellite and UVAs Remote Sensing System, que cun financiamento con cargo ao programa Interreg próximo aos dous millóns de euros, implementará un demostrador tecnolóxico baseado nun sistema innovador de detección, mapeado e predición do comportamento dos incendios forestais, mediante a combinación do uso de sensores infravermellos despregados nos montes; un satélite Cubesat (LUME 1); unha flota de vehículos non tripulados (UAVs) con cámaras no infravermello próximo e un software de modelado e predición de incendios. Coa participación da Universidade de Porto e do Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse, o proxecto Fire-RS, coordinado polo docente e investigador da Universidade de Vigo Fernando Aguado, ten unha duración de tres anos e previsiblemente será en 2018 cando se produza o lanzamento do satélite, iniciándose entón as probas cos vehículos non tripulados, os sensores de infravermello terrestres e o software de avaliación e predición do lume.

Os socios do proxecto Fire RS que lanzará o satélite Lume-1.
Os socios do proxecto Fire RS que lanzará o satélite Lume-1.

Na presentación pública do proxecto, que este mediodía tivo lugar no Edificio Miralles, o reitor da Universidade de Vigo destacou a importancia deste proxecto para abordar, o que considera o problema máis importante que ten o país, “os incendios forestais que dilapidan o patrimonio dos nosos bosques. Un problema histórico e estrutural que ten moitas frontes”. Salustiano Mato gabou o traballo que desenvolve a Agrupación Aeroespacial aplicando as tecnoloxías do espazo aos problemas de Galicia e apuntou que este proxecto internacional “supón un salto cualitativo”. Pola súa banda, Fernando Aguado lembrou os principais fitos acadados pola Agrupación Aeroespacial, con tres CubeSats enviados ao espazo, un femtosat case rematado e proxectos en común coa NASA e a ESA, ao tempo que, no caso concreto de Fire-RS, destacou a aposta “por un proxecto que integra as solucións máis actuais, como son os UAVs e os sensores”. Aguado tivo ao inicio da súa intervención unha emocionada lembranza para o director do Grupo Cima, José Antonio Vilán, que continúa o seu proceso de recuperación tras o accidente sufrido hai case un ano cando circulaba en bicicleta e foi arrollado por un coche.

Publicidade

O satélite ‘Lume-1’ detectará os incendios axudado por una frota de drones

Simon Lacroix do Laboratorio de Análises e Arquitectura de Sistemas de Toulouse e Pedro Aguiar da Universidade de Porto, en representación das outra dúas entidades colaboradoras do proxecto, explicaron os detalles da súa participación en Fire-RS, que actualmente se atopa en fase de definición de requisitos e rematará no ano 2019.

“Os sensores infravermellos, deseñados polo enxeñeiro industrial Miguel Castro, despregados nos montes detectarán de xeito temperán os lumes, desta forma o sensores xerarán unha alerta que, xunto coas condicións de vento de extensión do incendio e posición GPS, serán enviados ao satélite en tempo real, que a súa vez transmitirá esta alerta de lume o centro de control de vehículos non tripulados, que voarán ata a localización do incendio e farán unha caracterización do mesmo, coas cámaras que levan a bordo”, explica Franco Pérez, director do proxecto do satélite LUME-1. As imaxes son procesadas en tempo real, extraendo parámetros como a extensión exacta, características das lapas, condicións locais de vento e detección de elementos de perigo susceptibles de evacuación como casas, vehículos ou zonas de acampada.

Lume 1 será un cubesat.
Lume 1 será un cubesat.

Pola súa banda os UAVs incorporan transmisores que permiten extraer información adicional dos sensores de terra e comunicar os vehículos non tripulados co satélite e poder recibir datos sobre o incendio en tempo real. As imaxe procesadas en tempo real, xunto cos parámetros meteorolóxicos actuais e previsións, así como os mapas de vexetación da zona e mapas dixitais de elevación do terreo, son incluídos na ferramenta de modelado e predición de incendios, para realizar, tamén en tempo real, unha avaliación, da dirección de avance do lume e predición do seu comportamento, para que sexa comunicado ás brigadas e servizos de emerxencia, para que podan acudir á zona con máis información e predicións fiables do comportamento do lume.

Mentres a Agrupación Aeroespacial se encargará do desenvolvemento do satélite Cubesat LUME-1, “onde incluímos produtos moi innovadores implementados 100% por nós no campo do Software Defined Radio e as comunicacións de maior taxa coa inclusión de sistemas en Banda-S”, explica Franco Pérez, o Grupo CIMA, baixo a coordinación de Isabel Fernández e Miguel Castro, centrarase no sensor infravermello terrestre, ademais da xestión económica e organización do consorcio e todas as actividades de divulgación e comunicación do proxecto. Pola súa banda, a Universidade de Porto desenvolverá os UAVs e cámaras infravermellas e o LAAS-CNRS o software de avaliación de predición de comportamento dos incendios forestais.

Os responsables de Fire-RS destacan a novidade deste proxecto, que, non obstante, utiliza todo o coñecemento adquirido ao longo dos últimos case dez anos e os tres lanzamentos de Cubesats. Este satélite inclúe maior complexidade ao incorporar sistemas avanzados de determinación e control orbital, para poder realizar apuntamentos precisos. A reutilización do concepto Humsat das anteriores misións espaciais levadas a cabo na Universidade de Vigo segue presente neste proxecto, no que a recollida de datos a través de terminais remotos realízase do mesmo xeito que se facía en misións anteriores, aínda que incluíndo adiantos moi importantes nas capacidades do sistema.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos

Un método estatístico permite detectar por primeira vez que liñaxes celulares evolucionan máis rápido

O estudo, no que colabora a Universidade de Vigo, axudaría a identificar mutacións con incidencia en enfermidades como o cancro

“O ingreso de mulleres nas carreiras de enxeñería está en declive”

Soledad Torres Guijarro, profesora na UVigo, investiga na actualidade a contaminación acústica nos ecosistemas submarinos e como reducila